Movendo os marcos. Festival Demontesound en Forcarei

0

Vimos de celebrar a Rapa das Bestas en Sabucedo e se seguimos un pouquiño máis alá chegamos a Forcarei así que este Movendo os marcos e un pouco iso pero tamén un pouco bisbarra.

O deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, presentou a terceira edición do festival Demontesound, que se celebrará a próxima fin de semana en Forcarei con música, visitas guiadas aos muíños da zona, obradoiros e unha exposición de artesáns. Leal subliñou que “festivais como DeMonteSound dinamizan a comarca de Terra de Montes e o seu patrimonio”, polo que convidou a asistir a toda a cidadanía.

Leal destacou que DeMonteSound está dirixido a un público familiar, xa que no seu programa inclúe variadas actividades de tarde: “Esa é a tendencia de hoxendía e o que marca a diferencia con outros festivais: que as familias participen. O éxito chega por aí, posto que os que agora teñen 35 ou 40 anos e antes estaba afeitos a ir aos festivais de noite agora poden seguir indo coas súas crianzas durante o día”, subliñou.

DeMonteSound cumple este ano a súa terceira edición logo de ter pasado por Aciveiro e Freixeiro. Nesta ocasión desenvolverase en na área recreativa de Cachafeiro (Forcarei) coa organización da asociación ‘Coenrédate’.

A programación desenvolverase dous días: sábado 15 (entrada anticipada 8 euros e 12 euros en taquilla) e domingo 16 (de balde). Na primeira xornada o recinto abrirase ás 12.00 para a montaxe de tendas de campaña, se ben as primeiras actividades comezarán ás 12.30 con varias quendas de visitas guiadas pola ‘Ruta dos muíños: pan e metal’, nas que se explicará o funcionamento destas construcións e o seu uso por parte das empresas da zona a partir de 1939.

A partir das 16.00 horas será o momento de iniciar o ‘Turismo activo e xogos populares’ para nenxs e adultxs: xincana de auga, chapas creativas, pompas xigantes, maquillaxe creativa, rocódromo, ponte mono, kaiak, Torre de Pisa e tiro con arco. Tamén se desenvolverá unha exposición de Artesáns de Galicia de 17 a 20 horas con obradoiros de mandalas –dirixido a tódalas idades- e de calado de metáis –para nenxs de a partir de seis anos e adultxs-.

A música comezará ás cinco da tarde con concertos de Vuelta y Media, Carlos Bannik cun tributo a Joaquín Sabina (19.10h), Boseando cun tributo a Miguel Bosé (20.50 h.), El roce de Juliette cun tributo a Platero y Tú (22.30 h), Skandalo GZ (00.10 h), Blak Back Band cun tributo a AC/DC (1.50 h), Noite Fechada (3.15 h) e DJ Son1C (4.25 h).

O domingo 16 realizarase un concerto de balde ás 13.00 horas a cargo da Banda de Gaitas Airiños do Castelo do CCD Santa Eulalia de Mos, que acompañará á sesión vermú.

O deputado explicou que a axuda provincial para o ‘DeMonteSound’ ascende a 4.375 euros e está incluída na liña de subvencións da Deputación dentro do Ano do Patrimonio a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de festivais musicais e de artes escénicas na provincia de Pontevedra ano 2017 (cunha contía total de 120.000 euros). O obxectivo destas axudas é colaborar nos certames que dediquen unha especial atención á programación e difusión da música galega e que se levaran a cabo, como mínimo, en dúas edicións consecutivas nos tres últimos anos.

Na presentación de DeMonteSound, xunto ao deputado de Cultura e Lingua Xosé Leal, estiveron hoxe presentes representantes do BNG e PSOE na Corporación municipal de Forcarei, xa que membros do goberno local excusaron a súa ausencia por motivos de axenda.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial