Movendo os marcos: XXXVIII Festival de Pardiñas, Guitiriz

0
Lindeiros é o xornal da bisbarra de Compostela, con Movendo os marcos queremos levarte máis un pouco máis alá, aqui tes de todo pero ampliar horizontes nunca está de máis. 

Guitiriz, 29 de xuño do 2017 – O Festival de Pardiñas é a cita máis lonxeva dos festivais de verán en Galicia e cumpre este ano 38 edicións.

Si a eses 38 anos lle sumamos que está organizado por unha entidade sen ánimo de lucro o Festival de Pardiñas convértese nun milagre cultural nunha época pouco acostumada a xenerosidade.

Alfonso Branco, un dos membros máis antigos da Asociación Xermolos, foi o encargado de presentar o festival ante os medios acompañado por Davide Salvado, un dos artistas que despregarán o seu talento na edición deste ano, e Víctor Mantiñán, Product Manager de SON Estrela Galicia e 1906, que de novo apostou por un festival único, con selo 100% galego pero vocación internacional.

 O festival de Pardiñas “non só é música  aínda que a música é o prato principal” ao longo dun fin de semana, en Guitiriz danse cita grupos tradicionais, así como artesáns e, mesmo, unha exposición de instrumentos tradicionais.

Víctor Mantiñán tamén fixo fincapé nesta idea global da cultura galega: “a tradición de Estrela Galicia apoiando a música tradicional é longa e poucos festivais ocórrenseme que protexan a cultural e a música galega como o Pardiñas”. Un festival que “pode presumir de levar 38 anos”.

 O encargado de pechar a rolda de prensa foi Davide Salvado, que actuará o domingo 6 de agosto: “sempre reservo as datas do Pardiñas para desfrutar porque me achega moitas cousas e tamén persoais, e este ano ademais, vou actuar”.

 Unha cita histórica

 O Festival de Pardiñas, situado na zona do antigo balneario de Pardiñas, é o festival máis lonxevo de Galicia, con 38 edicións consecutivas ás súas costas e unha longa tradición popular. Trátase dunha cita na que se involucra todo o pobo, onde todos os traballadores son voluntarios e onde a Asociación Xermolos é a encargada de aglutinar os esforzos de todo un colectivo, que se envorca en desenvolvemento dunha festa que transcende o concepto de festival clásico.

Conta cun certame de debuxo escolar, unha mostra de artesanía e unha carreira popular que están presentes desde a súa primeira edición, e desde hai xa anos incorporou tamén a mostra de instrumentos e o certame de cantos de taberna, que agora forman xa parte indisoluble do festival.

 A cita de Pardiñas, a máis lonxeva de Galicia, conta con visitantes asiduos entre os que se poden atopar artistas da talla de Manuel María, Díaz Castro, Neira Vilas, Xurxo Souto…

 Un programa único e gratuíto

O Festival Pardiñas deste ano arrincará o venres 4 de agosto coa celebración do V Certame de Cantos de Taberna, unha das citas máis diferenciais e curiosas que encherá a hostalería de Guitirz co talento dos seus propios fregueses e moitos outros foráneos, servirá como pistoletazo de saída nun fin de semana que combinará música, artesanía, tradición e innovación.

 O sábado 5 pola tarde abrirá as súas portas a XXVIII mostra de instrumentos de música tradicional, outro dos elementos diferenciais dun festival que soubo apostar por encumbrar a tradición revestíndoa dunha actualidade innegable. Ducias de artesáns daranse cita na contorna mostrando o seu talento a quen se anime a achegarse, e que tamén poderán gozar da XXXVIII Mostra de Artesanía, un fito que formou parte do festival desde a súa primeira edición e que cada ano congrega a máis profesionais e público.

 Tras o pregón de Antón Curral chegará o momento da XXXVIII Carreira Popular, e dos concertos, que inaugurará Fernando Meireles (Portugal), e que contarán sobre o escenario con Bloquinho de Xermolos (Galicia), Vos Melidaos (Galicia), Quique Escamilla (Mexico), Kalakan & Luís Peixoto (Euskadi/Portugal), Cúig (Irlanda) e Skandalo GZ (Galicia).

 Xa o domingo 6, e tras a sesión vermú a cargo de Vintenbaio, os asistentes poderán gozar das actuacións de Kote Malabar e Vos Viqueiras de Ordes na contorna da Mostra de Instrumentos, xusto antes do pregón a cargo de Fina Casalderrey e da entrega de premios do XXXVIII Certame de Debuxo Terra Chá, que contou con máis de 650 participantes de 53 centros escolares diferentes. O atardecer traerá os pratos fortes da edición deste ano, cos directos de Abóbriga (Galicia), Davide Salvado (Galicia), Yves Lambert Trío (Canadá) e Sacha na Horta (Galicia).

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial