Nace AEMAT, Agrupación Estratéxica en Materiais da USC

0

Compostela, 7 de marzo do 2019 – A USC ven de crear a rede de Agrupación Estratéxica de Materiais, AEMAT, na que participan 120 investigadores de 11 grupos distintos.

AEMAT foi xa recoñecida pola Consellaría de Educación, Universidade e FP da Xunta de Galicia como agrupación estratéxica do Sistema Universitario de Galicia.

A rede, que nace co obxectivo común de elevar as súas capacidades científicas e de transferencia de coñecemento aos sectores produtivos, presentouse este martes no Instituto de Cerámica da USC nunha sesión que presidiu o reitor Antonio López e na que tamén participaron os coordinadores de AEMAT, os profesores Arturo López Quintela e José Rivas; a conselleira de Educación, Universidade e FP, Carmen Pomar, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

Os novos materiais son un dos piares da revolución industrial 4.0 e xogan un papel fundamental na abordaxe de retos globais como a transición enerxética, a minimización do impacto ambiental e a innovación biomédica. No acto, o profesor Rivas destacou como exemplos os avances que a nanotecnoloxía de materiais está a permitir en materia de xeración, distribución e almacenamento de enerxías limpas ou o uso de nanopartículas para transportar fármacos e rexenerar tecidos.

25 patentes nos últimos anos

Neste contexto, AEMAT centra a súa investigación en catro áreas estratéxicas: os biomateriais, os materiais e dispositivos ópticos, os nanomateriais funcionais e outros materiais e a simulación computacional aplicada a este campo.

O plan de actividades da agrupación oriéntase cara a constitución dun instituto de investigación estable no campo dos materiais. Para logralo, estrutúrase en sete programas centrados na excelencia científica, a formación de investigadores, a captación de talento, a colaboración con empresas e con outros centros científicos de referencia, o posicionamento internacional, a transferencia de tecnoloxía e a divulgación á sociedade.

A maioría dos equipos de investigación que forman AEMAT están recoñecidos  pola Xunta como grupos de referencia competitiva ou de potencial crecemento por parte da Xunta. Ademais, os seus indicadores de competitividade sitúan a súa capacidade de captación de fondos en convocatorias públicas nunha media anual de máis de dous millóns de euros e un promedio de contratación con empresas que supera os 2,5 millóns anuais. A isto súmase o rexistro de 25 patentes nos últimos anos (19 delas internacionais) e a constitución de varias spin-off para levar ao mercado os seus resultados de investigación.

Rivas destacou tamén como fortalezas de AEMAT a multidisciplinariedade, o perfil excelente dos seus investigadores, o atractivo dos seus laboratorios para a formación e a captación de talento, a proxección internacional, a calidade das súas infraestruturas, a capacidade emprendedora e a longa traxectoria de colaboración coa industria, a través de empresas tan relevantes como Ferroatlántica, Endesa, Finsa, Televés ou Sargadelos, cuxos equipos directivos estaban presentes no acto.

Sesión científica

Logo da presentación, tivo lugar unha sesión científica na que interviñeron a directora de unidade na Fundación Tekniker e co secretaria de EUMAT (European Technology Platform for Advanced Materials and Technologies), Amaya Igartua, e Nieves González, punto nacional de contacto Horizon 2020 NMBP (Nanotecnoloxías, materiais avanzados, biotecnoloxía e fabricación e transformación avanzadas) do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI).

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial