Nace en Compostela o ciclo As raíces na Pedra

0

Compostela, 9 de xuño do 2017 – O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presentou o ciclo As raíces na pedra, froito da colaboración entre o Concello e catro das agrupacións de baile e música tradicional da cidade.

Noriega estivo acompañado na rolda de prensa por Rafa Sexto, da Agrupación Folclórica Colexiata de Sar; Carlos Delgado, secretario de Cantigas e Agarimos; Gustavo Couto, do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia, e Montse Rivera, directora do grupo de baile de Brincadeira.

O alcalde explicou que As raíces na pedra naceu co obxectivo de “difundir a nosa cultura tradicional do xeito máis lúdico posible e coa participación da cidadanía”. Para iso, vanse organizar obradoiros “nos que calquera se poderá iniciar no baile da muiñeira, das xotas ou das danzas de reis, e tamén aprender algo máis dos xogos tradicionais”. Martiño Noriega explicou que están previstas catro sesións no que queda de ano, cunha parte didáctica a cargo dunha das formacións implicadas no proxecto, e cunha actuación posterior doutro dos grupos.

Muiñeira, xota, ou danzas de reis

A primeira sesión será o próximo domingo, vinculada á celebración da SELIC. Por iso, o espazo elixido para a estrea de As raíces na pedra é a praza de Praterías. A partir das cinco e media da tarde, haberá un obradoiro de introdución á muiñeira coa Agrupación Folclórica Colexiata de Sar. Un dos seus integrantes, Rafa Sexto, explicou que a asociación márcase o obxectivo de que “en só hora e media, calquera persoa poida aprender os principais pasos da muiñeira, identificar os seus toques e recoñecer algunhas das súas variantes”.

Despois do obradoiro, aberto á participación de toda a cidadanía, haberá unha actuación da agrupación Cantigas e Agarimos.

Despois da do domingo, a seguinte cita de As raíces na pedra, centrada no tempo de lecer, será o 1 de setembro na praza de Salvador Parga. Desta vez, o obradoiro de formación correrá a cargo de Brincadeira, e a actuación, xa na praza de Cervantes, será do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia.

Para o 12 de outubro está previsto un obradoiro de xota, impartido por Cantigas e Agarimos, na praza do Toural. A actuación da xornada será da Agrupación Folclórica Colexiata de Sar. Por último, o 26 de decembro na praza de Praterías, haberá un obradoiro de cantos de Nadal e danzas de reis con Ultreia, e unha actuación de Brincadeira.

Exemplo de colaboración

Os representantes das catro agrupacións participantes neste programa salientaron que “é a primeira vez na que se dá unha colaboración tan intensa entre as formacións de Compostela”, e mostraron o seu desexo que o ciclo teña continuidade no tempo. Gustavo Couto, de Ultreia, incidiu en que As raíces na pedra tamén permite ampliar a presenza destas formacións na cidade, “que normalmente ven limitada a súa presenza ás festas da Ascensión e do Apóstolo, pero só con actuacións para o público e nunca interactuando coa cidadanía como se vai facer agora”. Pola súa parte, Montse Rivera, de Brincadeira, valorou moi positivamente “que se favoreza o intercambio entre as agrupacións, grazas ao deseño das xornadas en dúas partes nas que unha asociación fai o obradoiro e outra ofrece unha actuación”.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies