займ срочно

 O xornalista e escritor Nacho Mirás morreu en outubro do 2016. Un ano antes, en plena loita contra o cancro e cun libro que segue a axudar a moita xente recen publicado facíamoslle a seguinte entrevista para Lindeiros.

Nacho é un sobrevivente, non o digo porque lle abriran a cabeza para extirparlle un tumor e leve un ano loitando contra un cancro, que tamén, pero é que el é un sobrevivente desde que naceu. É o galego que leva incorporado o “malo será” , por virtude do amor converteuse no navarro que corre diante dos touros como quen vai o domingo para comprar o pan e por estudos no catalán que sempre está disposto a negociar algo. Toda esa experiencia vital pona agora ao servizo dunha batalla moi especial, na que se axuda mentres axuda a outros ao contar o que lle pasa “hai un ano que nacín despois de que me dese un jamacuco que me deixou desconcertado, danado,  e daqueles pos viñeron estes lodos nos que vivo agora pero vivo, a final de contas aquí estou, de corpo presente como me gusta dicir”.

A súa actitude ante a vida vénlle de familia e lémbrase de pequeno sempre dando un paso á fronte “lémbrome sempre moi positivo, era o típico que tiña sempre moita xente detrás, o delegado da clase. Desde primeiro de EGB ata a universidade seguín sendo o delegado; un político popular dos que hai agora e agora, nestas circunstancias, saíume unha lexión de seguidores, eu non quero ser un Apóstolo de nada pero esta maneira de tomarse as cousas… hai xente que se ve reflectida e agradéceche que o fagas”.

Nacho foi dos primeiros en ter un blog e contar, con esa forma única e envexable que ten de escribir, as cousas que vivía. Para el o mellor da rede é a interacción que permite saber que pensan os outros e cando chegou o momento o blog converteuse na súa terapia e con ela a idea de que se convertese nun libro “desde os primeiros post falei de que me gustaría que o que contaba acabara sendo un libro, polo meu, por deixarllo aos meus fillos para que poidan dicir que pai mais chalado que teño, e pola cantidade de xente que me di que ben  estaría isto nun libro para as salas de tratamento de quimioterapia que se nos fan longas, en oncoloxía do clínico hai unha biblioteca moi chula e dicíanme que hai moita xente que o computador non o toca e o libro é máis manexable. pero ademais atópome con que a xente compra o libro para eles e para regalar a algún paciente que o está pasando mal ou a familiares de xente que o está pasando mal e a rede vaise ampliando aos poucos”.

Nacho conseguiu en moitos anos de profesión xornalística levarse ben con todas as partes, algo realmente complicado, pero a súa honradez e transparencia teñen moito que ver. O día da presentación do libro estaban os catro últimos alcaldes de Compostela ademais de xente de todo pelame e condición “o día da presentación do libro parecíame estar a asistir ás miñas propias honras fúnebres en vida, nunca me apeteceu facerlle dano a ninguén e se o fixen foi sen querer”.

Non se entende nin á persoa nin ao personaxe que é Nacho sen a profesión de xornalista, outros poderían contar a súa experiencia co cancro pero  ninguén o faría como el “eu fíxenme xornalista para contar as historias doutros, neste caso estando de baixa, cun tratamento complicado, con prognóstico malo, que che están poñendo unha data de consumo preferente como o yogurt, o xornalismo axudoume, o que fixen foi escribir unha crónica diaria. ao principio agora xa mo tomo con máis calma, do que lle estaba ocorrendo a alguén e ese alguén era eu; para min foi unha ferramenta fundamental”.

Nacho ten claro que a profesión non vive o seu mellor momento pero que non é culpa dos xornalistas “a profesión está tocada pero o que está en crise son os formatos e as empresas, o xornalismo non está en crise, creo que hai mellores xornalistas que nunca, mellor formados que nunca… outra cousa é como van conseguir vivir dese talento, pero sempre vai facer falta xente que conte as historias, e os mediadores entre a realidade e os cidadán somos nós iso non o vai a facer ninguén máis”.

A súa enfermidade, ou a súa forma de contala, levouno a situacións novas nas que tanto exerce de moderador dun debate sobre oncoloxía como acode a unha entrevista en televisión “o mundo da oncoloxía está mal comunicado, a longa enfermidade, os segredos, ás veces a voces, e eu tomo a substitución da miña querida Ana Kiro, ela decidiu contar que tiña cancro e a cantidade de xente á que axudou… ela dicíame que a xente lle daba as grazas e anos despois daquela entrevista vexo que é certo, que a xente ponse na túa pel, e ti poste na pel doutros e a xente agradécecho e por iso chámanme de foros, de sitios, de debates, e agora que estou de baixa e teño tempo fago este labor de telepredicador da oncoloxía e voto unha man”.

“O mellor peor momento da miña vida” é un libro vital no que un se pode ver reflectido en moitas pasaxes aínda sen ter cancro, a actitude de Nacho ensínanos que non se pode un render antes de empezar e Nacho defínese cunha frase que en certa ocasión soltou Armando Branco nun pleno municipal ao líder da oposición “vostede ou gana ou empata”.

 
Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies