Negreira humaniza lugares do concello grazas aos fondos da Deputación

0

Negreira, 14 de xaneiro do 2017 – A Deputación da Coruña financia con 421.571,84 euros, a través do Plan de Acción Social (PAS), diferentes obras de humanización de espazos públicos e mellora de infraestruturas no concello de Negreira.

As obras inclúen a creación de prazas de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida no local social de Romarís, a colocación dunha marquesiña na parada de autobús en Bugallido, a mellora da seguridade en varias rúas en Negreira, as obras de pavimentación en Maio Pequeno e no lugar de San Tomé, así como o acondicionamento de varias pistas de acceso en Gonte, en Lueiro dende, na Barquiña e na Pena, todas elas no municipio de Negreira.

Outras intervencións contempladas no proxecto abarcan a impermeabilización da cuberta da azotea no Centro Socio Cultural de Negreira e a renovación da instalación eléctrica do centro escolar da localidade. Levaranse a cabo tamén traballos de adaptación especial en diversas instalacións na área recreativa de Negreiroa e de fontanería e carpintería na escola infantil de Negreira. A actuación complétase coa formación dunha cuberta na pista de pádel no Complexo deportivo de Pedra Mámoa, no Barrio de Campos.

Obras de rehabilitación nos núcleos rural e urbano en Negreira
Co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos veciños, o ente provincial financia con 194.370,86 euros varias obras de acondicionamento e rehabilitación no municipio, que comprenden a repavimentación e creación de prazas de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida no local social de Romarís. No lugar de Bugallido, colocarase unha marquesiña no paradoiro de autobús que suporá un mellor servizo para os veciños que cada día usan o transporte público, e co obxectivo de cubrir a demanda dos usuarios con necesidades especiais, levaranse a cabo traballos de adaptación de aseos, carpintería e saneamento na área recreativa de Negreiroa.

En canto ao casco urbano de Negreira, as actuación están encamiñadas a cumprir coa normativa vixente de seguridade viaria. Deste xeito, procederase a pavimentar, pintar e sinalizar correctamente as rúas Barcala, Cachurra, Brañas e Santiago.
A falla dunha boa impermeabilización na azotea do Centro Socio Cultural de Negreira, fai necesario o illado da cuberta existente coa implantación dun solado con lousa filtrante que mellore as condicións térmicas do inmoble.
No colexio municipal, renovarase a instalación eléctrica e na Escola Infantil, construirase un aseo adaptado a persoas con mobilidade reducida, garantindo e ampliando un servizo necesario a usuarios con necesidades especiais.

Zonas peonís, accesos e cuberta da pista de pádel
Outras intervencións que tamén se contemplan dentro do Plan de acción social (PAS), posto en marcha polo ente provincial, son as obras de pavimentación e acondicionamento dos camiños peonís de Maio Pequeno e San Tomé. As obras tamén se estenden a pistas de acceso de Gonte, de Lueiro, A Barquiña, A Pena e San Martiño. Realizaranse traballos de limpeza e retirada de entullos, recheo con grava, e pavimentación.
No Complexo Deportivo de Pedra Mámoa, no Barrio de Campos procederase a construír unha cuberta de aceiro para a pista de pádel existente. Ademais formaranse beirarrúas coa finalidade de facilitar o acceso á pista. Ambas actuacións están dotadas cunha partida orzamentaria de 227.200,98 euros.
A Deputación amosa así, o seu compromiso coa contorna rural dos municipios para garantir os mesmos servizos que os usuarios do núcleo urbano e mellorar as súas condicións de vida.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial