O ciclo de cultura contemporánea Nexos volve ao Gaias este mes

0

Compostela, 8 de xaneiro do 2018 – O ciclo de cultura contemporánea Nexos regresa en 2018 á Cidade da Cultura de Galicia da man de Marcos Lorenzo e con cinco sesións, do 27 de xaneiro ao 16 de xuño, nas que se volverán combinar relatorios didácticos, amenos e distendidos a cargo de destacados expertos con innovadoras e vangardistas actuacións artísticas.

Carolina del Olmo, autora do coñecido libro ¿Dónde está mi tribu? Maternidad y crianza en una sociedad individualista, será a encargada de inaugurar esta sexta edición o 27 de xaneiro. Baixo o título ‘A quimera da conciliación. Crianza, coidados e traballo doméstico no século XXI’, a filósofa e xestora cultural abordará as dificultades na crianza das fillas e fillos e a situación dos coidados persoais nunha sociedade individualista.

A seguinte sesión de Nexos será o 24 de febreiro e nela analizaranse as claves da explosión creativa na banda deseñada e animación en Galicia. Para iso contarase con dous grandes en ambos eidos: Alberto Vázquez, director de cine, ilustrador e debuxante de cómics e Manuel Cráneo, artista multidisciplinar director da editora e produtora cultural Demo e creador da marca multiplataforma Planeta Mincha.

Ademais, este relatorio verase complementado cun orixinal e divertido Combate de debuxantes.  Inés Casarejos, Guille Debelius, Xulia Pisón e Dani Xove poñerán a proba a súa pericia ante os desafíos e trasnadas que lles proporá Xaime Lis, mestre de cerimonias. 

Patrimonio galego

Nexos tamén indagará nesta edición no estado actual do noso patrimonio cultural. Será o 24 de marzo e disporá da axuda e dos coñecementos de Felipe Criado, profesor de investigación do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas), director do INCIPIT (Instituto de Ciencias do Patrimonio) e presidente da Asociación Europea de Arqueólogos, que tamén apuntará posibles fórmulas necesarias para poñelo en valor.

O ciclo retomarse 14 de abril con Gema Martín Muñoz quen fará unha achega á actualidade do mundo árabe e musulmán sen os lentes deformantes de Occidente. Esta escritora e socióloga é tamén profesora de Socioloxía do Mundo Árabe e Islámico da Universidade Autónoma de Madrid e foi profesora visitante na Universidade de Harvard e colaboradora da Universidade da Sorbona. Entre outros libros ten publicado Irak, un fracaso de occidente (1920-2003) e El mundo árabe en busca de la excelencia democrática.

Para pór fin a este, coma sempre, ecléctico Nexos afondarase un chisco máis sobre a renovación e florecemento nas pasadas décadas da música popular portuguesa. Será o 16 de xuño e terá como protagonista a Teresa Salgueiro. Cantante e compositora, foi a vocalista de Madredeus durante vinte anos (de 1987 a 2007), gravando 11 discos nesa etapa.

Nexos Infantil

Como nas anteriores edicións, Nexos volve prestar especial atención aos máis pequenos e pequenas, aos que introducirá nos diferentes aspectos dos contidos que se abordando ciclo a través de actividades lúdicas e didácticas coas que aprender xogando.

O obxectivo é que á saída do ciclo, maiores e pequenos teñan reflexionado e aprendido sobre as mesmas temáticas, cada quen desde a súa perspectiva, para poder logo partillar e conversar de xeito interxeracional. Dirixida a nenas e nenos de Primaria –de 5 a12 anos de idade–, cada sesión artellarase baixo a fórmula: ver/ler/escoitar, facer, falar.

Apartado artístico

No apartado artístico, redobrarse a aposta de Nexos por dar voz ao talento galego a través de producións propias, creadas en exclusiva para este ciclo, que permitirán gozar dunha performance de Espazo Aberto; dun monólogo cómico de Carlos Meixide; dun espectáculo sonoro e visual de ‘Nenoescuro’ e dunha actuación sorpresa como peche do ciclo de 2018.

En total, cinco sesións a celebrar na Biblioteca e Arquivo de Galicia e que rematarán cun convite a un viño e un petisco, como todas edicións anteriores, cortesía de Bodegas Martín Códax e Conservas Antonio Pérez Lafuente. No entanto, esta sexta entrega de Nexos introduce como novidade o pago por asistencia, 3 euros para os relatorios, e 2 euros para as actividades coa cativada cunha promoción especial para aquelas persoas que adquiran as tres primeiras sesións, xa que terán de balde as dúas seguintes. Pódese conseguir a entrada e ter máis información polo miúdo de cada unha das sesións en cidadedacultura.gal.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies