Noia aborda coa Xunta cambios no tráfico da vila

0

Noia, 26 de marzo do 2019 – A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Noia, Santiago Freire, mantiveron unha xuntanza de traballo para abordar a reordenación do tráfico no municipio.

O obxectivo é minimizar as molestias ao tráfico da execución das obras de reforma integral da travesía da vila e as iniciadas na parroquia de Boa, que dispoñen dun orzamento total de 310.000 euros. Unha reunión na que tamén participaron as concelleiras de Protección Civil, Ángela Neri Arufe, e Comercio, Mariola López Cierto.

Santiago Freire agradeceu “a disposición e colaboración da conselleira e agardo que esta reunión serva para dar un paso máis na colaboración no futuro entre o Concello de Noia e a Consellería de Infraestruturas”. Neste sentido, o alcalde noiés salientou a importancia das obras na contorna de San Bernardo, “un dos principais accesos á vila onde se remodelou a capela e agora vaise humanizar toda a zona, onde os peóns van ter un trato preferencial sobre os vehículos, mellorando a seguridade viaria do lugar”. Sobre as obras que se inician en Boa, Freire Abeijón salientou que “son uns traballos moi demandados pola veciñanza xa que se trata dunha zona con escasa visibilidade e nunha estrada comarcal”.

AC-311

Na reunión tratáronse as medidas de coordinación das obras coas necesidades de garantir no posible a fluidez do tráfico aos veciños desta localidade coruñesa, establecéndose os desvíos máis axeitados e a sinalización necesaria no viario. Una das obras que o departamento de Infraestruturas da Xunta está a acometer é a mellora e reforma integral da travesía de Noia, na estrada AC-311, en pleno centro urbano. Esta intervención está deseñada para garantir un tránsito peonil máis cómodo e seguro, gañando espazo para as persoas, e dispón dun orzamento de preto de 270.000 euros.

Os traballos teñen por obxectivo a reordenación e acondicionamento desta travesía nun treito de preto de 300 metros, no contorno da igrexa de San Bernardo para facela máis segura e máis humana. Para iso o proxecto inclúe a renovación das beirarrúas, complementándose onde non as hai, no treito inicial, así como a reordenación dos aparcadoiros e a dotación á zona de mobiliario urbano e pequenas franxas axardinadas. De cara a reforzar a seguridade dos viandantes executaranse tres pasos de peóns sobreelevados, que actuarán tamén como elemento redutor da velocidade. E, unha vez recolocados os sumidoiros, estenderase unha nova capa de rodadura.

Inicio obras en Boa

Nesta liña de reforzo da seguridade viaria e pensando especialmente nos usuarios máis vulnerables das estradas, como os peóns, hoxe mesmo comezaron outras obras na AC-550, a estrada que une Ribeira e Cee, concretamente na parroquia de Boa. Trátase da execución dun pequeno treito de senda, duns 200 metros, pola marxe esquerda da estrada, que inclúe a canalización correspondente para a recollida de pluviais por debaixo da mesma.

Os traballos da Xunta teñen por obxectivo reducir os riscos para os peóns neste punto, de escasa visibilidade por ser unha zona en curva, e onde ata o de agora non había beirarrúa, e contan cun orzamento de 40.000 euros.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial