Noia aproba un crédito extraordinario para liquidar as facturas do 2018

0

Noia, 25 de marzo do 2019 – O pleno de Noia aproba dous créditos extraordinarios, con cargo ao remanente de tesourería, por máis de 600.000 euros para pago de facturas e diversas obras.

Facturas 2018

O crédito destinado a aboar as facturas do ano 2018 contou cos votos a favor do PP e do NOIA e as abstencións do PSOE, Marea Cidadá e BNG. O alcalde de Noia, Santiago Freire, explicou que “cando asumimos o Goberno, as facturas que había pendentes de cobro ascendían a 2,8 millóns de euros. Aquí estamos falando de 104.000 euros que, unha vez pagados, significará que todos os provedores terán satisfeitas as facturas que presentaron antes de 31 de decembro”.

Os tres grupos da oposición coincidiron en xustificar a súa abstención en que entendían que esas actuacións tiñan que estar incluídas no orzamento municipal e que non tiñan a consideración de imprevistas ou urxentes. Freire Abeijón exemplificou que “o ideal sería saber que os colectores da rúa República Arxentina estaban colmatados cando o anterior Goberno fixo o proxecto, pero non foi así. A Deputación non aceptaba un reformado e o que non ten sentido é facer as beirarrúas para despois volvelas a romper para cambiar os colectores”.

508.000 euros para obras

O crédito extraordinario de 508.137,85 euros para acometer un total de 21 actuacións nas distintas parroquias saíu adiante cos votos a favor de PP e NOIA; a abstención do BNG; e os votos en contra do PSOE e da Marea Cidadá de Noia. Santiago Freire defendeu este crédito porque “son actuacións que responden ás distintas peticións realizadas polos veciños ou deficiencias constatadas desde o Goberno municipal, incluso algunha pedida polos grupos da oposición. Usaremos o 30% do Remanente para facer fronte a unhas actuacións moi necesarias”.

O BNG xustificou a súa abstención en que, a pesar de estar de acordo coa necesidade das actuacións, en especial “esa contía interesante para saneamento”, “moitas obras están redactadas no mes de marzo, o que demostra un déficit de planificación”, apuntou a voceira Irati García. O voceiro da Marea Cidadá de Noia, Manuel Seijas, xustificou o seu voto en contra en que “500.000 euros en obras a dous meses das municipais soa un pouco raro”, adiantando que “vailles ser moi complicado facer as obras antes das eleccións”. Finalmente, o voceiro do PSOE, José Manuel Lage, explicou que votarían en contra “dunha actuación electoralista para tentar encher todos os buratos que pode”.

O alcalde noiés explicou que a razón de traer este crédito ao mes de marzo é que “só se pode facer unha vez que se aproba a liquidación do orzamento de 2018, que foi o 12 de marzo. Dificilmente podemos aprobar un crédito con cargo ao Remanente se non está feita a liquidación, independentemente de que haxa un período electoral”, insistindo en que “estes investimentos son  para dar resposta a necesidades”.

Proxectos de mellora

O resto dos puntos da sesión foron aprobados por unanimidade e sen debate. Así, o pleno aprobou o proxecto reformado de reposición dunha depuradora en Pontenafonso, aprobado inicialmente no pleno municipal de decembro de 2014 pero, segundo explicou o alcalde noiés, “o Seprona pediu documentación e un estudo de posibles emprazamentos da EDAR, así como sobre posibles afeccións a especies da zona”. Un estudo que foi aprobado polo Seprona en setembro de 2018, quen aceptou dúas das tres opcións plantexadas para o emprazamento da depuradora. “Optamos pola opción 2, situada ao sur do mirador existente, polo que se redactou un proxecto reformado para adaptalo ao novo emprazamento, por un importe de 82.583 euros”, apuntou Freire Abeijón.

O pleno tamén ratificou o proxecto de mellora da praza de San Lázaro, incluído no Plan Único de 2019 por un importe de 102.069. Neste caso, o cambio é reubicar os xogos que se contemplan no proxecto nunha parcela contigua, ampliando así a superficie da actuación. Finalmente, aprobáronse as modificacións requiridas polo Servizo de Asistencia Técnica da Deputación ao proxecto da nova rede de bombeo da Barquiña-Río Porto, de forma que o proxecto final será de 235.899,83 euros. Unha actuación que ser fará con cargo ao POS 2018.

Finalmente, o pleno aprobou por unanimidade modificar o convenio do persoal laboral para incluír as gardas de disponibilidade para os traballadores do servizo de augas, que recibirán un complemento salarial pola devandita disponibilidade.

Mocións

Na quenda de mocións, o pleno non aceptou a urxencia da moción socialista para declarar festivo local o 8 de marzo de 2021. Santiago Freire explicou que “estamos falando dunha proposta para o 2021, por prudencia considero que o razoable é que sexa a corporación que se conforme en xuño de 2019 quen adopte esa decisión”. O resto das mocións foron aprobadas por unanimidade.

Así, o grupo municipal socialista instou ao Goberno á limpeza do Campo de Noia, así como ao pintado dos pasos de peóns. O grupo municipal da Marea Cidadá de Noia sacou adiante unha moción para pedirlle á Deputación da Coruña que “urxe a mellora tanto na pavimentación como a reestruturación completa da DP 1105, que conecta Noia con Boiro. Queremos que a Deputación tome nota e o contemple para futuras actuacións”, explicou Manuel Seijas. Finalmente, o pleno aprobou a moción do BNG para establecer un plan de protección das palmeiras da Alameda. “Son consciente dos tratamentos feitos contra o picudo, pero falamos da actividade humana que teñen arredor”, puntualizou García. Unha proposta aceptada pola concelleira de Parques e Xardíns, Mariola López, quen emprazou á elaboración dun estudo por parte de técnicos especializados para ver cales son as medidas máis axeitadas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial