Localizaran os antigos lugares de traballo mineiros na ría de Noia para evitar riscos

0

Noia, 28 de outubro do 2019 – O Concello de Noia e a Xunta de Galicia encomendáronlles á Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) e ao Colexio de Xeólogos (ICOG) as tarefas de localización dos labores mineiros e de zonas de recheo na Barquiña.

Para localizar os espazos nos que se desenvolveron no pasado os labores mineiros usarase un xeorradar cun alcance de 200 metros. Sen necesidade de perforar o terreo, o equipo permitirá crear un modelo 3D que sitúe onde están as zonas de recheo e as galerías mineiras.

Despois dun afundimento

A investigación vaise efectuar a raíz do afundimento dun pendello en agosto de 2018 na finca dunha veciña da Barquiña. A cámara mineira e o colexio profesional explican que aínda que A Barquiña pertence á franxa xeolóxica Malpica-Tui, caracterizada pola presenza de rochas moi duras, hai que ter en conta que na zona desenvolvéronse traballos mineiros para extraer wolframio entre as décadas dos corenta e dos sesenta do século XX.

Por iso, despois do afundimento, a COMG e o ICOG comprobaron mediante varias inspeccións que debaixo da construción se atopaba unha zona de recheo da antiga explotación mineira. Cos resultados das análises, recomendaron que o Concello reparase e tapiase a zona afundida, como así fixo.

Reunión veciñal

A veciñanza foi informada sobre os traballos nunha reunión na que participaron o alcalde, Santiago Freire, máis os representantes da COMG, Diego López, e do ICOG, Pablo Núñez. A xornada informativa trasladoulles que datos se recabaron ata o momento, os traballos de análise que están previstos, ademais de solicitar os permisos de exploración nos seus terreos e pedirlles toda a información da que dispoñan.

No encontro explicáronse as características do solo e os futuros labores de investigación que se acometerán na zona. Para documentar todos os labores mineiros e localizar as zonas de recheo, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta e o Concello optaron por un estudo exhaustivo que permita dispoñer de datos suficientes para planificar as futuras accións.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial