O XI Tríatlon Ponte Nafonso “Memorial Míchel” doa un desfibrilador automático á Cruz Vermella Noia

0

Noia, 27 de setembro do 2019 –  A Cruz Vermella de Noia vén de recibir un desfibrilador externo automático comprado grazas ás achegas realizadas polos participantes no XI Tríatlon Ponte Nafonso “Memorial Míchel”.

A proba de Ponte Nafonso reunirá a 300 competidores na tarde deste sábado 27 de setembro. “Decidimos dedicar ao Proxecto Salvavidas Desfibriladores e Cardioprotección a parte do custe da inscrición que dedicabamos ao agasallo ao participante”, explica Pablo Dosil Rosende, da asociación deportiva O Peirán, “e, en vez de comprar unha camiseta, mercamos un desfibrilador automático que doamos á Cruz Vermella Noia para que o use nos eventos deportivos e culturais que cubre en Noia e Outes”.

Unha achega que foi recollida por Antón Rechou, voluntario de Cruz Vermella Noia, quen agradeceu a doazón, se ben puntualizou que “non é un agasallo á Cruz Vermella, é un agasallo a todo o deporte da zona. Esta contribución vai velar pola seguridade de todas as probas deportivas que se celebren na comarca”.

Triatlon Ponte nafonso

Na foto: Elena Brozos, madriña da proba; Daniel Rodríguez, concelleiro Deportes Outes; Antón Rechou, voluntario Cruz Vermella Noia; Laura Salgado, concelleira Deportes Noia; Pablo Dosil, responsable da proba (e a súa filla).

A entrega do desfibrilador tivo lugar durante o acto de presentación do XI Tríatlon Ponte Nafonso “Memorial Míchel” 2019, organizado pola asociación deportiva O Peirán e que conta coa colaboración dos Concellos de Noia e Outes, así como de Protección Civil Noia e Cruz Vermella Noia. Un evento deportivo que terá lugar este sábado 28 de setembro, a partir das 17:00 horas, e no que participarán 300 deportistas de toda Galicia. “As insercións se abren un mes antes, pero cúbrense en apenas 2 horas”, explicou Pablo Dosil.

Memorial Míchel

Dosil Rosende explicou que esta proba “é un recordo a Míchel, un rapaza de Pontenafonso que nos deixou con so 23 anos e que organizou en 1992-1993 o primeiro Tríatlon de Galicia. Cando a xente case nin sabía que era o tríatlon, xuntounos a 50 amigos, pero non se puido seguir no 1993. No 2001 decidimos retomar o que comezara Míchel e aquí estamos, 18 anos despois, cunha proba consolidada no calendario galego”.

A concelleira de Deportes de Noia, Laura Salgado, amosou a satisfacción do Concello de Noia en “participar nun evento coma este, sobre todo cando detrás ten un aspecto social tan importante como o Proxecto Salvavidas”. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes de Outes, Daniel Rodríguez, destacou a figura de Míchel que “tantos anos despois, sigue facendo que os seus amigos traballen para facer este tríatlon”.

Finalmente, a oncóloga do CHUS e madriña da proba, Elena Brozos, agradeceu a colaboración de todas as entidades, destacando que este tríatlon “é un dos máis importantes de Galicia” e que “o deporte ten algo social e implica un crecemento persoal”, polo que animou á veciñanza a animar aos participantes este sábado, nunha proba na que ela tamén tomará parte.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial