A XII Concentración Moteira Ría de Noia

0

Noia, 5 de agosto do 2019 –  O Concello de Noia e a Asociación Mototurística Ría de Noia presentaron este mediodía o programa da duodécima edición da Concentración Moteira Ría de Noia.

Esta concentración moteira terá lugar do venres 9 ao domingo 11 de agosto. No acto de presentación interviron as concelleiras Laura Salgado e Mariola López, ademais do vicepresidente da entidade organizadora, Agapito Carou, acompañado por outros integrantes da asociación.

Laura Salgado destacou que a concentración destaca pola súa programación específica para os moteiros e moteiras, pero tamén pola gran cantidade de iniciativas abertas ao conxunto da poboación en forma de espectáculos, exhibicións e probas. A concelleira puxo de manifesto a capacidade deste evento para dinamizar os sectores locais do comercio, a hostalería e a restauración. Por iso, o goberno local de Noia defende a continuidade desta iniciativa, posto que contribúe a difundir o bo nome do municipio por toda Galicia e boa parte do territorio español.

Concentración Moteira Ría de NoiaO Concello sinala como novidade este ano un incremento da actividade de vixilancia da Policía Local para garantir que a concentración se desenvolva nas máximas condicións de seguridade. Laura Salgado agradeceu o seu labor e tamén o que van efectuar a agrupación de Protección Civil de Noia e a Cruz Vermella.

O vicepresidente de Moteiros Ría de Noia, Agapito Carou, anticipou que a concentración reunirá unhas 300 inscricións. Neste cómputo inclúen os moteiros e moteiras que pernoctarán en Noia ou na súa contorna. En todo caso, Carou puntualizou que o número de motos que se achegarán nalgún momento de toda a fin de semana superará as mil.

Programa

A duodécima Concentración Moteira Ría de Noia cun amplo programa de actividades, que inclúen unha ruta mototurística cada día e diversas propostas lúdicas e gastronómicas. O venres 9 de agosto a partir das 19:30 horas comezará un itinerario duns 50 quilómetros desde Noia a Lousame, que pasará polas minas de San Finx e culminará cunha cea en Porto do Son para todas as persoas inscritas. De volta a Noia á medianoite, iniciarán unha festa musical con picadiscos que chegará ata as tres e media da madrugada.

O sábado 10 de agosto, a ambientación musical comezará xa ás 10:00 horas. Durante toda a xornada estará colocado un pau de sebo no que se premiará a todas as persoas que logren subir. A ruta da xornada comezará ás 11:30 horas. Serán uns 70 quilómetros nos que coñecer algunhas das mellores vistas costeiras de Muros e Noia. Despois de comer, durante a tarde sucederanse as exhibicións de balde de stunt a cargo de Plácido Pérez, os xogos populares e as probas de decibelios. Despois da cea, a medianoite celebrarase a ruta dos fachos, un percorrido dos moteiros e moteiras en silencio polo casco antigo da vila de Noia en lembranza a todos os apaixoados do motor falecidos no último ano. A festa nocturna incluirá animación musical e un touro mecánico ata as tres e media da madrugada.

Xa no domingo 11, a organización prevé contar cun espazo para a retransmisión do Gran Premio de Motociclismo de Austria ás 11:00 horas. A ruta do día comezará ás 11.30 horas e consistirá nun percorrido duns 60 quilómetros polos municipios de Negreira, Ames, Rois e Outes. Despois da comida, ás 15:30 horas entregaranse os premios da concentración. A clausura será ás 16:00 horas.

Inscricións

As preinscricións poden formalizarse a través da páxina web www.moterosriadenoia.com antes da medianoite do vindeiro luns 5 de agosto. A preinscrición completa anticipada custa 28 euros. Tamén se poden adquirir na taquilla os días da concentración, no inicio de cada unha das xornadas, a 30 euros a completa e a 20 euros a media inscrición, exclusiva de taquilla.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial