Morgane Le Cuff abre o Noia Harp Fest o 31 de xullo

0

Noia, 29 de xullo do 2019 – Este mércores comeza a sexta edición do festival de arpa de Noia, o Noia Harp Fest, que durará ata o 2 de agosto e traerá artistas internacionais vinculados a este instrumento.  

O Noia Harp Fest reunirá a músicos de Gales, Venezuela, Senegal, Escocia ou Bretaña, ademais de España e Galicia. O cartel inclúe dúas estreas en España: JMO Trio, liderado polo senegalés Moussa Cisssoko, e Compasses, o grupo do gran arpista venezolano Eduard Jiménez

Noia Harp FestO evento abrirá o mércores en Santa María A Nova, cun concerto da bretoa Morgane Le Cuff, que substitúe aos venezolanos Ángel & Luis Tolosa, que tiveron que cancelar o seu concerto por motivos técnicos alleos á organización. A continuación, terá lugar o único concerto de pagamento do festival, no Teatro Coliseo Noela, no que os protagonistas serán Raoul Moretti (Suiza), Sara Esturillo & Cuarteto Novecento (España).

Segundo o director artístico do festival, Rodrigo Romaní, trátase dun deses eventos “que demostran que o público, a audiencia, ten moito máis criterio e esixencia do que adoitamos pensar”. Un festival que traballa o pequeno formato, “nunha linguaxe musical que non coincide co patrón  arquetípico de música de festa, que manexa argumentos como unha simple arpa, que achega o intérprete ao público na inmediatez do son acústico, un festival que recibe cada ano arpistas de todo o mundo que quedan impresionados pola especial acollida da xente, un festival que pretende situar a creatividade por riba da simple copia industrial, un festival realizado e financiado por unha vila como Noia sen grandes axudas”.

Noia Harp FestEse é o perfil actual dun evento con repercusión internacional “que nos fai sentir orgullosos e ilusionados, e que fai que pague a pena o esforzo por tentar de contentar cada ano a unha audiencia que se merece o alto nivel artistico que esiximos aos nosos invitados”, remata o tamén arpista Romaní.

Dous grupos fan a súa presentación en España: JMO trio, composto por tres prestixiosos músicos da escena etno-jazz: Moussa Cissoko (Senegal), Jan Galega Brönimann (Bélxica) e Omri Hason (Israel), e Compasses, o grupo do gran arpista venezolano Eduard Jiménez, que van facer gozar como nunca ao público que se achegue a Noia coa súa trepidante música.

A arpa tripla de Gales, un sorprendente e dificilísimo instrumento, preséntase por vez primeira en Galicia da man do seu mais afamado mestre: Robert Huw Bowen.

Noia Harp FestA noite do 31 de xullo o teatro Coliseo Noela acolle o concerto inaugural coa xoven arpista granadina Sara Esturillo, actualmente afincada en Noruega, que representa a nova xeración de arpistas españolas que triunfan no mundo da arpa clásica de pedais. Estará acompañada polo Cuarteto Novecento, composto por músicos da Real Filharmonía de Galicia, que repiten no Noia Harp Fest, despois de ter colaborado nun inesquecible concerto de Fredérique Cambreling. Antes, escoitaremos a Raoul Moretti, arpista italo-suizo, que nos fará soñar coas súas creacións na arpa electroacústica.

Galicia e Noia en particular estará representada nun concerto expresamente concibido para o festival pola arpista Beatriz Martínez, acompañada de convidados entre os que se atopa o grupo A Subela, do Liceo de Noia, que dirixe Felisa Segade.

Haberá tamén función para os máis pequenos da man do duo Nuri, de arpa e violín. Os bretóns Sunstep, a escocesa Cheyenne Brown e os irmans Angel e Luis Tolosa, tamén venezolanos, completan un cartel que esperamos sexa do gusto do público fidel que enche cada ano os tres recintos do festival.

Como cada ano, a actividade complétase con obradoiros para estudantes de arpa e exposición de dous luthieres galegos: Luís Martins e David Miguélez.

O Noia Harp Fest está organizado polo Concello de Noia, co apoio da Deputación da Coruña.

Programa:

Mércores 31

Morgane Le Cuff (Bretaña) – Sta. María a Nova, 20h

Raoul Moretti (Suiza) – Sara Esturillo & Cuarteto Novecento (España) – Teatro Coliseo Noela, 22h (5€)

Xoves 1

Cheyenne Brown (Escocia) – Sta. María a Nova, 20h

Dúo Nri (Euskadi/Galicia), infantil – Rúa do Curro, 21h

Beatriz Martínez & convidados (Galicia) – Moussa Cissokho & JMO Trio (Senegal) – Praza do Tapal, 22h

Venres 2

Robin Huw Bowen (Gales) – Sta. María a Nova, 20h

Sunstep Duo (Bretaña) – Compasses (Venezuela) – Praza do Tapal, 22h

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial