Noia investirá medio millón en saneamento, abastecemento, estradas e parques infantís

0

Noia, 23 de marzo do 2019 –  O Concello de Noia investirá un total de 508.137,85 euros, procedentes do remanente de Tesourería, en acometer un completo plan de melloras nas distintas parroquias en materia de saneamento, abastecemento, acondicionamento de rúas e estradas, e mellora de parques infantís.

O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, explica que “se trata dun completo plan de investimentos en distintos ámbitos e en todas as parroquias cos que pretendemos dar resposta ás peticións da veciñanza e solucionar carencias detectadas dende o Concello”. Neste sentido, o alcalde noiés salienta en especial as actuacións en saneamento e abastecemento, que concentran o 25% do investimento, preto de 130.000 euros.

Así, o Concello de Noia ten previsto investir 97.626,42 euros na eliminación dun vertido de saneamento de augas fecais no cruce da Xílgara; así como 31.324,32 euros na instalación de saneamento nos ramais da aldea de Becollo (Argalo). Así mesmo, contémplanse 16.146.24 euros para o abastecemento de auga no lugar do Couto de Arriba.

Arranxo de rúas e estradas

Tamén é moi significativa a partida destinada a arranxos de estradas e rúas, entre as que destacan os 48.390,47 euros que se investirán na habilitación dun aparcamento en Bergondo. “Imos pavimentar unha explanada próxima ao polideportivo de Bergondo para que serva de lugar de estacionamento para as persoas que fagan uso tanto desta instalación deportiva como do colexio”, apunta Freire Abeijón.

O outro proxecto máis importante, cuantitativamente falando, será o acondicionamento da rúa Castelao, ao que se destinan 47.640,10 euros. O alcalde de Noia explica que “esta achega permitirá mellorar unha rúa na que hai ano e medio se fixo unha pavimentación con triple rego pero onde vimos a necesidade de mellorar ese firme con aglomerado”. Así mesmo, o Concello investirá outros 32.648,44 euros no arranxo da rúa Calzadiña e da pista ao Vilarvello (A Rasa).

En canto a mellora de estradas, este plan contempla un investimento de 44.191,83 euros á conservación e mellora do camiño de Roo a Castro, “onde as raíces das árbores levantaron o pavimento e supón un risco para os condutores”, puntualiza Santiago Freire; 38.741,09 euros no arraxo da pavimentación da pista ao Curral (Orro); ou 23.656,93 euros na mellora da accesibilidade á igrexa de San Martiño. Finalmente, contémplanse actuacións de mellora da seguridade viaria en Pontenafonso por un importe de 8.439,25 euros e o acondicionamento dun treito da estrada na Ponte de San Francisco por 14.000,26 euros.

Parques infantís e xestor de colas

O alcalde de Noia tamén destaca as actuacións contempladas en materia de parques infantís, onde se van investir 30.335 euros na mellora do parque infantil de Orro e do parque infantil nas instalacións deportivas de San Lázaro. “Son dúas actuacións moi demandadas polos veciños e veciñas de ambas zonas e en ambos casos buscamos mellorar o pavimento, instalando unha soleira de formigón con caucho antiimpacto, para maior seguridade dos nenos e nenas”, explica Freire Abeijón.

Finalmente, este crédito extraordinario recolle unha serie de actuacións de menor orzamento pero gran importancia como os 13.794 euros para a instalación dun sistema de calefacción do club de xubilados, máis de 18.000 euros para melloras en alumeado público ou os 5.614 euros para un xestor de colas no Concello. “Estamos pensando en colocar un dispensador de números para que así a xente non teña que estar agardando no Concello e poida facer outras xestións de acordo co número que ten para ser atendido”, adianta o alcalde noiés.

Estes investimentos realizaranse con cargo ao remanente de tesourería do Concello de Noia, que ascende a 3.107.881,41 euros, dos que 1.766.155.53 euros correspóndense co remanente de tesourería para gastos xerais.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial