Noia investirá máis de 700.000 € de remanente en obras nas parroquias

0

Noia, 25 de setembro do 2018 – O Concello de Noia investirá un total de 705.049,88 euros, procedentes do remanente de Tesourería, en acometer un completo plan de melloras en materia de saneamento, camiños e sendas, locais sociais, instalacións deportivas e parques infantís nas distintas parroquias.

As melloras serán aprobadas na sesión plenaria que ten lugar hoxe martes. A fórmula usada para poder destinar o remanente a estas obras é a de crédito extraordinario. O investimento máis importante, cuantitativamente falando, será en materia de melloras en estradas e camiños, onde o Concello de Noia ten consignados un total de 222.459,43 euros para a execución de sete proxectos. Así, na parroquia de Barro executarase un acceso a Eiroa  paralelo á variante por 24.547,62 euros; construirase unha senda peonil entre punta Abruñeiras e Río do Porto; e acondicionarase un camiño en Rego do Porto. No casco urbano, destinaranse 44.620 euros a un proxecto de humanización e ordenación da Praza das Américas; 25.834,47 euros para a mellora da pavimentación na rúa Outonil; e 13.039,75 euros para o acondicionamento peonil nas rúas República Arxentina e San Breixo. Finalmente, o Concello de Noia achegará outros 45.634,9 euros para acometer melloras no camiño e nas beirarrúas en Argote (Argalo).

O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, explica que “se trata dun completo plan de investimentos en distintos ámbitos e en todas as parroquias cos que pretendemos acometer actuacións moi demandadas pola veciñanza”. Neste sentido, o alcalde noiés salienta en especial as actuacións en saneamento. Así, o Concello de Noia ten previsto investir 96.795,38 euros en dotar do servizo de saneamento ás aldeas de Becollo (Argalo) e A Torriña (Barro), así como outros 38.435,10 euros para o subministro e colocación de bombas de saneamento.

Infancia e deporte

O alcalde de Noia sinala tamén que “tivemos moi presentes as peticións dos nosos veciños e veciñas e por iso imos construír un novo parque infantil, nesta ocasión en Boa, e imos facer unha profunda mellora do parque infantil do paseo marítimo, que complementarán as actuacións de mantemento que facemos nestas áreas ao longo de todo o ano”. Así, o Concello investirá máis de 70.000 euros nesta materia: 39.535 euros na construción do parque infantil de Boa e 31.968,79 euros nas melloras no parque do paseo marítimo.

No capítulo de instalacións deportivas, o Concello de Noia investirá 165.365,57 euros en cinco proxectos na parroquia de Noia. Entre eles destaca unha pista de skate e zona de ocio en Labarta (48.182,2 euros), melloras no campo de fútbol de San Lázaro (47.366,12 euros), reforma do polideportivo Alonso Rodríguez (47.876,34 euros), dotación de almacén e vestiarios no polideportivo de Bergondo (11.054,91 euros) e instalación dunha pantalla no polideportivo (10.886 euros).

En materia de locais sociais, o Concello de Noia reserva unha partida de 46.725,55 euros para actuacións de mellora nos locais sociais de Boa, Ousoño, Barro e a Ponte de San Francisco. Unhas melloras que se suman ás xa realizadas noutros locais sociais como en Barro ou A Barquiña.

Finalmente, o Concello de Noia tamén destinará parte do seu remanente de tesourería a un muro de escollera en Roo para acondicionar unha zona de aparcamento (37.203,06 euros) e para obras de conservación da antiga fábrica da Chaínza (19.915,47 euros).

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial