Rúas Vivas, novas actividades en Noia para este verán

0

Noia, 18 de xullo do 2019 –   Música, obradoiros de diverso tipo, cine ao aire libre, maxia, festas e visitas guiadas centran gran parte da ampla programación de Rúas Vivas no concello de Noia.

A presentación de Rúas Vivas estivo presidida polo alcalde da vila, Santiago Freire, que estivo acompañado pola concelleira de Eventos, Ángela Neri, pola presidenta da asociación de comerciantes Noia Histórica, Yanira Somoza, e polo artista José Luis Veiras Manteiga, creador, un ano máis, da imaxe do programa.

O rexedor noiés agradeceu o traballo realizado polas distintas concellerías e colaboradores, que “fixeron un gran cartel nun tempo récord, xa que estamos nun ano electoral e houbo que traballar con pouco tempo pero estou seguro de que será do agrado dos veciños e dos que nos visitan”. Freire destacou que se trata “dun conxunto amplo de actividades orientadas tanto a un público infantil como adulto, pois intentamos cubrir todos os ámbitos de idade e gustos. Desde concertos da banda de música a novidades como a festa da escuma, pasando por actividades consagradas como os festivais de arpa e de jazz, as festas do San Bartolomeu ou concertos como os de Chiña ou Carlos Núñez”.

Pola súa banda, Angela Neri explicou que “quedan 8 ou 10 actividades máis que non están no programa e que anunciaremos ao longo das vindeiras xornadas. Deste xeito, case que teremos actividades todos os días”. Yanira Somoza destacou que este programa “serve para dinamizar o noso comercio e hostalería grazas á presenza de xente nas rúas durante o verán”.

Rúas VivasMúsica en directo

Se algo salienta o cartel anunciador das Rúas Vivas deste ano é o gran protagonismo que terá a música durante estes dous meses. Así, hoxe ofrecerase ás 21.00 horas na Alameda un concerto de DJ Montxo Nucleus 6, quen foi quen de superar as barreiras da súa xordeira e seguir practicando a súa verdadeira paixón: a música. Trátase, pois, dunha actividade a favor da integración, da visibilidade e da posta en valor da diversidade, o talento e o afán de superación.

Mañá, a cita será no Malecón de San Lázaro, tamén ás 21.00 horas, coa actuación do Grupo Aullidos. A música continuará durante a fin de semana cos concertos de Togayán, o sábado 20 ás 22.00 horas na Rúa da Condesa, e da Banda de Música de Noia, o domingo 21 ás 20.00 horas na Praza da Constitución.

A programación musical continuará o vindeiro mércores 24 coa actuación de Chiña ás 21.30 horas na Rúa do Curro. O Día de Galicia (25 de xullo), a Banda de Música de Noia ofrecerá unha dobre actuación: ás 10.00 horas na Igrexa de Santa Cristina e ás 20.00 horas na Praza do Cantón. Tamén actuará os domingos 28 de xullo, 4 e 18 de agosto ás 20.00 horas na Alameda.

Rúas VivasUnha das actuacións que causará maior expectación será a de Carlos Núñez, que estará o venres 26 de xullo ás 20.00 horas na Igrexa de San Martiño. Ao día seguinte, no Malecón de Gasset ás 23.00 horas, será a quenda de Ricardo Parada.

A transición musical entre os dous meses virá da man do VI Festival Internacional de Arpa Vila de Noia. Desenvolverase entre os días 31 de xullo e 2 de agosto.

A primeira fin de semana de agosto estará marcada por outros tres concertos. O primeiro correrá a cargo de Sheila Patricia, que actuará o venres 2 ás 22.00 horas na Alameda, mentres que o segundo levará os ritmos do Grupo A Misela á Praza do Tapal o sábado 3 de agosto a partires das 22.00 horas.

A música continuará o xoves 8 de agosto ás 23.00 horas cunha nova actuación de Chiña na Alameda ás 23.00 horas. Tamén regresará a Noia Ricardo Parada, que actuará o venres 9 ás 23.00 horas na Rúa da Condesa. Ao día seguinte, o punto de interese estará no Malecón de Gasset, onde se ofrecerá un concerto de Trío son tres ás 23.00 horas.

Coincidindo coas xornadas festivas, os días 15 e 16 de agosto desenvolverase o X Festival Internacional NoiaJazz, unhas veladas musicais que se combinarán con programa específico de actividades das Festas Patronais de San Bartolomeu (do 23 ao 26 de agosto). As últimas citas musicais terán lugar o xoves 22 de agosto, cun pasarrúas a cargo da agrupación Os Salgueiriños, que percorrerán as rúas da vila dende as 10.00 horas. Xa o xoves 29 de agosto con Rocío Freijanes e a súa Banda actuarán ás 22.00 horas na Praza da Constitución e o venres 30 pecharán o ciclo Hot Rods, ás 23.00 horas no Malecón de Gasset.

Cine ao aire libre

O programa Rúas Vivas tamén contempla catro sesións de cine ao aire libre, que se levará a distintos puntos da vila. Así, as sesións darán comezo hoxe mesmo coa proxección de Cinecleta co sr. Lili, ás 22.45 horas na Praza do Cantón. A seguinte sesión terá lugar o martes 30 de xullo ás 22.30 horas na Praza do Tapal co visionado de Peter Rabitt.

No mes de agosto ofreceranse outras dúas sesións de cine na rúa. A primeira terá lugar o mércoles 7 ás 22.30 horas na Praza do Tapal coa proxección de A praia dos afogados. A última das películas que se poderá ver será Jurassic World, o mércores 21 de agosto ás 22.30 horas, tamén na Praza do Tapal.

Obradoiros, maxia e outras propostas

A ampla programación de lecer estival completarase con outro tipo de actividades. Así, este venres 19, a cativada poderá gozar do Tobogán de Auga da man de Vella Escola a partires das 10.30 horas na Praza do Curro. A Grotta ofrecerá dous obradoiros: un de Froitas Musicais (24 de xullo ás 10.30 horas na Praza do Cantón) e outro de Gorras (14 de agosto ás 11.00 horas na Rúa do Curro).

Tamén se ofrecerán dúas Festas da Espuma (o 23 de xullo e o 8 de agosto ás 12.00 horas na Alameda). Para toda a familia está pensada a sesión de zumba con Luisa Arufe, que terá lugar o vindeiro venres 26 de xullo ás 12.30 horas na Alameda.

Ademais, o programa Camiño das Estrelas ofrecerá dúas sesións de astronomía da man do Observatorio Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela. Estas terán lugar os luns 29 de xullo e 19 de agosto ás 22.30 horas no Paseo Marítimo.

Por outra banda, haberá maxia coa actuación do Mago Charly Braun o 6 de agosto ás 11.00 horas na Rúa do Cantón e un espectáculo circense Riscando o ceo, de Circo O Chosco, o 13 de agosto ás 20.30 horas na Alameda.

Para as persoas adultas resérvase un monólogo de Cándido Pazó. Terá lugar o vindeiro venres 9 de agosto ás 21.30 horas na Praza da Constitución.

Complétase a programación das Rúas Vivas con dúas citas xa clásicas no calendario: a Concentración Moteira Ría de Noia e a xornada Pon un Sancosmeiro. A primeira desenvolverase do 9 ao 11 de agosto e a segunda, o sábado 17.

Non faltarán as visitas guiadas gratuítas á vila. Terán lugar todos os xoves e sábados dos meses de xullo e agosto, con saída ás 12.00 horas da Praza do Concello.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial