Nova vida para o campo de fútbol e rugby da USC

0

Compostela, 6 de decembro do 2018 –  O campo de terra no que xogaban ao fútbol e ao rugby os estudantes da USC tiña ben merecida unha nova vida que chega coa colaboración da Deputación, o Concello, a Federación Galega de Fútbol e a propia universidade.

Na inauguración estiveron presentes O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a vicepresidenta Goretti Sanmartín; o reitor da USC, Antonio López e o anterior reitor, Juan Viaño; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de deportes Noa Morales; así como o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán.

Todos os presentes coincidiron en destacar a importancia da colaboración entre institucións para conseguir mellorar esta infraestrutura deportiva “nunha universidade que para nós é unha referencia e da que nos sentimos orgullosos”, segundo afirmou González Formoso, que destacou a “estreita colaboración” que a Deputación mantén tanto coa institución académica como co Concello de Santiago de Compostela nos ámbito social, cultural, deportivo e de investigación.

O reitor da USC destacou tamén esta colaboración “que permite que toda a cidade saia gañando”. . López, que tivo palabras de recoñecemento para o ex reitor Viaño, “con quen comezou este proxecto”, lembrou que co novo campo se asegura a práctica deportiva da comunidade universitaria pero tamén das persoas federadas, que disporán uns horarios semanais para facer uso do campo. “Trátase de abrir a nosa Universidade ás cidades nas que se asenta”, dixo.

Pola súa banda, o alcalde Martiño Noriega sostivo que “acordos como o que permitiu a renovación deste campo debe ser o modelo a seguir no futuro. É a vía que permite poñer en valor instalacións que non deben seguir compartimentalizadas, e máis coa demanda que temos en Santiago para diferentes deportes”, afirmou o rexedor.

O acto, rematou co descubrimento dunha placa conmemorativa, contou tamén coa presenza da vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin Rei, e da concelleira de Mocidade, Deporte, Mercados e Benestar Animal, Noa Morales Sánchez, así como dun  
nutrido grupo de persoas, usuarias dende sempre das instalacións e amantes do deporte que xusto esta tarde xogarán ás 17.00 horas un partido que enfrontará ao PAS e o PDI –entre eles o reitor compostelán-. Ao remate, terá lugar outro de fútbol 7 entre equipos estudantís.

Reforma integral

 A reapertura prodúcese logo dunha remodelación destas instalacións deportivas para permitir a súa adaptación tanto para a práctica do fútbol como do rugby.

Os traballos incluiron a renovación completa do espazo de xogo, co pavimentado da área e colocación dunha capa de céspede artificial de última xeración de 65 milímetros de altura, especialmente adaptado para a práctica destes deportes. Igualmente renováronse os equipamentos, incluíndo a instalación de novas porterías para fútbol 7 e 11 e de rugby.

Ademais, na grada inclúese unha nova zona cuberta na parte central e a mellora do sistema de alumeado, agora baseado en tecnoloxía led, de maneira que facilita a iluminación ocasionando á vez os menores prexuízos para as zonas residenciais da contorna ou as observacións do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial