Mandingo trae un menú de catro filmes tan diferentes entre eles, que seguro que algún gustará ao avezado lector desta sección. Esta semana tocan catro producións estadounidenses, incluíndo a nova de Spielberg, que van de menos a máis.

No ano 2003, estreouse nun cinema de Los Ángeles, California, o filme THE ROOM do polaco Tommy Wiseau, a que para moitos é a peor película dramática xamais filmada. Recoñezo que só escoitei falar dela por mor da rodaxe de THE DISASTER ARTIST (2017), proxecto persoal do actor-director James Franco e do seu amiguiño de cuchipandas Seth Rogen e que recrea a filmación da ópera prima de Wiseau.

Coa sospeita de ser unha campaña publicitaria moi exaxerada, a semana pasada vin o filme coa certeza de que peor que o que filmou Ed Wood non podía ser. E miña naiciña querida, ¡vaia adoquín audiovisual que papei!. Enteiriña e sen parpadear. E moito máis terrible que calquera subproducto que puidera ver saído da simpática TROMA INC. E, por suposto, hai moito máis amor ó cinema en calqueira dos filmes de Wood que nesta lisérxica “cousa”.

Se THE ROOM aínda enche as salas onde se reestréa é por que os espectadores van para botar unhas gargalladas das pésimas interpretacións do elenco artístico, (en especial a paupérrima homenaxe que fai o polaco do rol de Brando para A STREETCAR NAMED DESIRE (1951) de Elia Kazan) e a austeridade de medios técnicos e de produción.  O que sorprende é que o orzamento fora ¡de seis millóns de dólares!, pagados do peto de Wiseau. De feito, alugou unha sala de proxeccións dúas semanas para poder cumprir cos requisitos da Academia das Artes e Ciencias Cinematográficas para poder presentar o seu traballo as candidaturas dos Oscar.

Nin que dicir que non acadou ningún nomeamento.

Tras pasar a dura proba que supuxo paparme os 99 eternos minutos, fun correndo ó cinema máis próximo para ver o filme de Franco, coa esperanza de eliminar o noxento sabor que me deixou a trapallada do polaco. THE DISASTER ARTIST, é un filme que entronca directamente no subxénero de “cinema dentro do cinema” e que tan agradecido é para os cinéfilos. Aínda que non e mal produto, a comparativa coa marabillosa ED WOOD (1994) de Tim Burton é demoledora. Certo que no filme de Franco atopamos nomes no guión cunha solvencia eloxiable xa que tanto Scott Neustadter coma Michael H. Weber son os autores do texto da xenial (500) DAYS OF SUMMER (2009), toda unha comedia romántica apta para homes (xa sabedes rapazas, podedes introducir os vosos mozos con este filme no almibarado mundo das nubes rosas do amor).

Pero é unha produción moi marca da casa rogeniana. Hai un pouco de quero e non podo. De falla de talento real. De filme menor e sen ambicións. Véxoo noutros títulos da dupla Franco-Rogen coma THE END (2015) ou THE INTERVIEW (2014). Máis do mesmo. Unha cunca de caldo sen sal. Vese unha vez e a outra cousa.

Subimos o nivel nas calidades para afrontar o debut coma cineasta do guionista Aaron Sorkin, célebre por ser o creador do serial THE WEST WING (1999-2006) e de escritos para filmes coma A FEW GOOD MEN (1992), CHARLIE WILSON´S WAR (2007), THE SOCIAL NETWORK (2010) ou a propia MOLLY´S GAME (2017).

Ten Sorkin boa man para contar historias a pesar dalgunha manía a hora de enlazar os diálogos. Argumentacións cunha brillante retórica, expostos coa axilidade dun vendedor de crecepelo, réplicas e contraréplicas que fan que os discursos de Groucho Marx ou de El Gran Wyoming sexan meras fruslerías faladas ó ralentí.

Pero é unha boa produción (de nota o traballo de David Wasco, que xa alcanzara un máximo nivel na excepcional LA LA LAND (2016) de Chazelle), cunha gran montaxe -o máis salientable do filme, grazas as mans de Alan Baumgarten, TRUMBO (2015)- cun reparto crible e no que destácase a medida interpretación da cada vez mellor actriz Jessica Chastain.

O título tivo moita polémica por ver se os principais protagonistas dos feitos que nela cóntanse ían saír con nomes reais. Pero non. Non chega a revelar as “celebrities” que participaron nas timbas de póker organizadas e dirixidas por Molly Bloom. Algo que si conta na súa biografía e da que non sae nada ben parado o actor Tobey Maguire, o “Xogador X” interpretado por Michael Cera no filme.

Rodada con axilidade e sen caer nas tentacións propias das producións televisivas, gustará non só os amantes do xogo de naipes, que acertadamente explica de maneira moi lixeira para os legos na materia. Non é tanto unha película o estilo desa xoia titulada THE CINCINNATI KID (1965), proxecto malogrado do grande Peckimpah e que asumiría Mike Nichols (pero isto é outra historia) ou a moi lograda LUCKY YOU (2007) do xa finado Curtis Hanson. Non. MOLLY´S GAME, vai máis a carón dos filmes baseados en feitos reais mesturando partes do subxénero xudicial con acertados flashbacks.

Boa película. Mellor do que agardaba.

E deixo para o final, a mellor película que hoxe imos contar. E voume por serio e todo.

O xa septuaxenario Steven Spielberg (¡demo, cómo pasa o tempo!), e que segue a rodar os seus filmes no celuloide (neste caso no 35mm da Kodak) e que non quere saber nada de cámaras dixitais (¡ben por él!), preséntanos o seu último e moi persoal proxecto. THE POST (2017) conta a loita de Kay Graham, dona do xornal The Washington Post por, primeiro, sobrevivir nun mundo dominado na exclusividade polos homes e, despois, vencer as enormes presións ás que se ve sometida (tamén por protagonistas masculinos obsoletos) para cumprir coa ética profesional que reza na carta fundacional do seu xornal, e que vai da man dos máis nobres desexos que se recóllen na constitución dos EE.UU.

Conmocionado polo que visionei o pasado domingo, THE POST é un filme EXCEPCIONAL, totalmente necesario, imprescindible e acorde cos tempos que nos toca vivir.

Coido que está non xa no mellor da filmografía de Spielberg, senón que entra de cheo nesas grandes producións que por méritos propios, quédanse gravadas a lume na nosa memoria e que se acomodan no Olimpo fílmico a beira doutras que me produciron  os mesmos  sentimentos a primeira vez que as disfrutei. Falo de títulos coma 12 ANGRY MEN (1951) de Lumet, ou UN LUGAR EN EL MUNDO (1992) de Adolfo Aristarain ou MR. SMITH GOES TO WASHINGTON (1939) de Capra, por citar só tres exemplos dese cinema onde triúnfan a xustiza, o bencomún e a valentía para “facer o que un ten que facer” ó marxe do alto custo e os danos que ditas accións nos poidan facer.

Non sorprenderíame que levara o maior recoñecemento (o Oscar ó mellor filme) por diante doutros filmes tamén excelentes, pero a obra de Spielberg e dunhas dimensións colosais. Non tanto pola súa dirección (tecnicamente perfecta, pero non sublime), nin polo traballo de Janusz Kaminski o seu director de fotografía habitual desde SCHINDLER´S LIST (1993) que asina un traballo que non mellora outros seus (ponme un pouquiño dos nervios esa manía por sacudila cámara nos intres de máis estres na redacción do xornal, ou na emboscada do vietcong).

Se merece tal premio e polo perfecto encaixe na produción que fai Josh Singer (responsable doutra memorable produción para o SPOTLIGHT (2015) de Tom McCarthy), a montaxe do editor da súa maioría de películas, nomeado 16 veces os Oscar (e gañador de tres) o mestre Michael Kahn e a conxunción dos talentos de Rick Carter, Kim Jennings ou da lenda do cinema Ann Roth. O mellor de cada casa o servizo desta produción que atenta clara e deliberadamente ó promotor dos “Fake News Awards”.  Si, ese mesmo que estades pensando.

Facilmente podo catalogar THE POST coma un dos seus tres mellores traballos. A dúbida é a posición final do podio. Non podo darlle o 10 absoluto por que Spielberg déixase vencer pola sensiblería, breve pero perceptiblemente, ao insertar a melancólica partitura que (por favor,  póñanse todos en pé) John Williams crea para o diálogo que a señora Graham ten coa súa filla no dormitorio das netas. A escea ten a suficiente carga dramática para non precisar do truco da música o estilo “Toby, o canciño perdido na cidade”.

Pero quitando esa trampa e algún reparo no manexo das cámaras, nada que obxectar. É un filme cunha axilidade (que non precipitación) no seu tempo narrativo como vai moito tempo que non disfrutei.

É unha xoia memorable. Un filme que entrará pola porta grande na Historia do Cinema e que ven a congratularme cun director que levaba os dous últimos lustros decepcionándome lixeiramente, aínda que a traxectoria total coma cineasta é única, persoal, orixinal e irrepetible. Da súa xeración, só Coppola e Scorsese poden tratarlle do teu. A súa querencia e amor polo cinema máis clásico e digno de admirar e quítome o chapeu polo excelso e exquisito canto por recuperar unha ética e unha moral moi doentes na terra do libre e o fogar do valente.

O filme vai dedicado á cineasta Norah Ephron e Gloria Steinem, destacadas loitadoras polos dereitos das mulleres, por que este filme é tamén, un feliz alegato feminista cuns diálogos absolutamente prodixiosos obra da novel Liz Hannah e de Josh Singer.

Saín do cinema falando só e dicindo, “pero qué boa é esta película”.

De visión obrigada.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial