Novo parque no Cantón de San Roque de Melide

0

Melide, 2 de marzo do 2019 –  A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello de Melide na posta en marcha dun novo e completo parque infantil na zona do Cantón de San Roque.

O parque sumarase, e permitirá completar, os traballos de humanización urbanística que nestes momentos se están a acometer na zona en virtude dun convenio de colaboración entre a Xunta e a entidade local. A nova infraestrutura deuse a coñecer nunha visita a Melide da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. A responsable lembrou que a necesidade dun espazo de ocio dedicado integramente para o disfrute dos máis pequenos é unha vella demanda dos veciños do Cantón. Para darlle resposta, dixo, o seu departamento e mais o Concello de Melide comprométense a mobilizar un total de 113.341 euros na actuación, que se acometerá nos próximos meses co obxectivo de dotar á zona dun parque de xogos moderno e completo.

A Consellería achegará 79.338 euros, o 70% do custo total, para a execución destas obras. A dotación inclúe a instalación dun carrusel xiratorio, dúas torres modulares con tobogán, rocódromo, barras de escalada e de bombeiros, e un gran xogo central composto por unha rede bidimensional con estrutura metálica e tobogán incorporado. Tamén está prevista a instalación de caucho no solo do parque para amortecer as posibles caídas dos nenos cunha superficie adaptada a estes espazos, así como a colocación de paneis informativos nos dous puntos de acceso.

Ángeles Vázquez tivo ocasión de visitar as obras, xa na fase final, que se están acometendo na actualidade e que suporán a remodelación integral do Cantón e da marxe dereita da Avenida de Lugo.  A previsión é que estean rematadas neste mes de marzo. No marco desta intervención, na que o investimento da Consellería ascendeu a 400.000 euros, suprimíronse as barreiras arquitectónicas co fin de mellorar a accesibilidade e ampliáronse os espazos reservados para os peóns, contribuíndo á humanización da zona. En total, estase a actuar nunha superficie de máis de 5.000 metros cadrados en pleno núcleo urbano e na principal arteria de Melide polo que, tal e como subliñou a conselleira, estes traballos permitirán mellorar e modernizar a imaxe urbana que teñen da vila tanto os propios veciños como os peregrinos que pasan por ela facendo o Camiño de Santiago.

Plan HURBE en Melide

A obra de remodelación do Cantón de San Roque e da Avenida de Lugo e a futura construción dun parque infantil na mesma zona enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 pola Consellería de Medio Ambiente para apoiar ás entidades locais na execución de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público. Grazas a este programa son xa 200 as intervencións executadas en 125 concellos galegos, o que significa que no período 2010-2018 actuouse case no 40% dos municipios da comunidade.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial