Bisbarra, 25 de mao do 2017 – A Xunta someterá a vindeira semana a información pública os novos anteproxectos de explotación de transporte público na comunidade coa fin de iniciar a prestación dos primeiros servizos en agosto.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou que a primeira fase do Plan de transporte de público de Galicia garantirá os servizos e iniciará a modernización do sector para responder ás necesidades do medio rural. Ademais, confirmou que
Vázquez Mourelle explicou que logo da publicación da información pública, haberá un prazo para a presentación de alegacións e para que as empresas manifesten o seu interese de concorrer ao proceso de licitación das distintas liñas de transporte público. A partir de aquí, nos próximos meses avanzarase na aprobación dos proxectos e na adxudicación dos contratos.
A titular de Infraestruturas indicou que este proceso non só garante o servizo de transporte público aos usuarios senón que ofrece unha oportunidade para amplialo e melloralo, para que sexa máis eficiente e responda mellor ás necesidades de mobilidade dos galegos, fundamentalmente no rural.
Transporte a demanda
Para lograr que o transporte chegue a todos os cidadáns, vivan onde vivan, a Xunta vai introducir novos sistemas como o transporte á demanda, especialmente necesario, tendo en conta o grao de dispersión poboacional e o volume de persoas maiores que viven no rural. Este funcionará mediante un sistema de reserva previa que nos permitirá levar o autobús, o microbús ou o taxi ao lugar en que se precise e no momento en que se precise.
Transporte escolar
A Xunta, para achegar aínda máis os servizos de transporte ao rural, e aproveitar sinerxías aposta pola integración do autobús escolar. A pasada semana mantívose unha reunión coas agrupacións de ANPAS e representantes docentes, na que se coincidiu en que o transporte escolar representa unha grande oportunidade para mellorar a mobilidade dos galegos, especialmente no rural.
O Consello da Xunta aprobou onte a integración dos servizos do transporte escolar e o de uso xeral alí onde se vexa posible e recomendable. A conselleira precisou que se trata de poder aproveitar as prazas sobrantes do autobús escolar para que poidan ser empregadas polos veciños da zona, blindando sempre a atención ás necesidades do alumnado, en canto a horarios e paradas, e garantindo a presenza do acompañante escolar en todas as liñas.
O Goberno galego activará este proceso nos próximos meses, de forma piloto no marco da 1ª fase de reordenación do transporte público e logo avaliarase o seu funcionamento de cara á integración de todas as liñas de transporte escolar, xa na 2ª fase, fixada para 2019.
Traballos na 1ª fase
A Xunta está destinando 2,5 millóns de euros á reformulación completa do mapa de servizos, con horizonte 2019. En 2016, licitáronse e adxudicáronse os 6 estudos para a ordenación do transporte público e desenvolveuse unha normativa completa das actuacións a levar a cabo nesta 1ª fase de implantación do Plan de Transporte Público de Galicia.
Nesta primeira fase definíronse 6 zonas territoriais de Galicia sobre as que levar a cabo a planificación: provincias da Coruña e Lugo Norte; Galicia centro; Ourense Leste; Ourense Oeste; servizos de conexión interurbanos e Pontevedra; e zona Oeste da Coruña.