Novos alcaldes para unha nova lexislatura

0

Bisbarra, 17 de xuño do 2019 – O pasado sábado tomaban posesión os alcaldes nos distintos concellos da bisbarra, a maioría xa sabidos e algunha que outra sorpresa que deixa un futuro cheo de incógnitas.

Os novos alcaldes teñen por día, aínda, días máis intensos que os dos últimos meses. Toca preparar o pleno de organización, cantidade de sesións, comisións, dedicacións, etc. Tamén en algúns casos toca sentarse e definir se  o goberno terá que traballar en minoría o pola contra conséguese estabilidade baseándose en acordos de lexislatura.

Ames

En Ames o socialista José Miñones renovou na alcaldía. A única sorpresa a integración no goberno de Contigo Podemos, antes Contigo Pódese, xa que Psoe e BNG suman maioría absoluta.

A Baña

Ata o último momento non se soubo que faría Cesar Ramos, único concelleiro de Compromiso x Galicia pero coa chave da investidura. Decidiu non entrar no goberno pero apoiar ao socialista José Antonio Pereira sacando da alcaldía ao Popular José Antonio Cardeso. A pereira tócalle gobernar en minoría nunha lexislatura moi complicada a priori.

A Estrada

Na estrada o popular José López pasa de 7 a 11 edís e consegue unha maioría absoluta tras catro anos de goberno en minoría. López é un dos alcaldes do PP que reforza a imaxe dentro do partido e marca, xunto co de Vedra, Ordes, Boqueixón ou Frades, o que debería ser a renovación do Partido Popular.

Arzúa

José Luís García, de Independentes por Arzúa, perde un só concelleiro e seguirá de alcalde. A abstención da concelleira do Psoe permitiu a toma de posesión e agora saberase si entra tamén no goberno ou quedase fora apoiando de xeito puntual ao rexedor.

Boqueixón

Manuel Fernández Munín repite maioría absoluta e seguirá catro anos máis como alcalde do concello. Despois de tres anos, accedeu a alcaldía cando Ovidio Rodeiro foi nomeado Delegado da Xunta na provincia, ve reforzado a súa xestión ao manter a maioría absoluta.

Brión

José Luís García leva desde o principio da democracia como alcalde de Brión e seguirá catro anos máis. O socialista colleitou unha ampla maioría froito dun apoio veciñal sen fisuras.

Compostela

Xosé Sánchez Bugallo converteuse de novo, tras 8 anos, en alcalde de Compostela. Só recibiu os votos do seu partido polo que é rexedor por ser a lista máis votada. Pese ao crecemento en votos, que lle dou 10 concelleiros, comezará gobernando en minoría. Os bos resultados na práctica non chegan para unha lexislatura tranquila e o diálogo terá que ser a súa mellor ferramenta.

Frades

Roberto Rey mantén a maioría absoluta en Frades. O popular perdeu votos pero hai que dicir que mantén o control nun contexto moi complicado. O Psoe conseguiu representación cando hai catro anos nin siquera presentara lista.

Lalín

José Crespo recupera a alcaldía de Lalín con 11 concelleiros despois de catro anos de goberno de Rafa Cuíña de CxG. Unha lexislatura, a pasada, moi complexa con pactos de goberno de ata catro forzas e con constantes problemas de organización. O PP recupera unha das súas alcaldías emblemáticas.

Lousame

A popular Teresa Villaverde reforza a maioría absoluta con 7 actas fronte as 3 do Psoe e a do BNG. O PP crece en tres concelleiros o que lle dará máis liberdade a hora de gobernar.

Melide

Foi a sorpresa para moitos. José Manuel Pérez, en tempos concelleiro polo BNG en Oroso, conseguiu a alcaldía polo novo partido Adiante Melide. Conseguiu 5 concelleiros fronte aos 6 do PP pero o apoio dos dous concelleiros socialistas facilitou a investidura. Agora terá que buscar un acordo de goberno que lle dea estabilidade.

Noia

O sudoku de siglas de Noia da como resultado que Santiago Freire repite como alcalde polo Partido Popular. Faino co apoio dos dous concelleiros do NOIA cos que xa traballou esta lexislatura. Na oposición quedan 5 concelleiros do Psoe, 2 da Marea, e un do BNG polo que a estabilidade é mínima.

Negreira

O socialista Manuel Ángel Leis conseguiu a maioría absoluta de Negreira por 2 votos. Despois de ser alcalde durante uns meses na anterior lexislatura agora será o encargado de xestionar o concello durante catro anos.  

O Pino 

O popular Manuel Taboada continuará catro anos máis coa maioría absoluta de O Pino. Pasa de 7 concelleiros a tan só 5 o que permitiulle ser alcalde pola mínima. O Psoe mantén e reforza en votos os 3 concelleiros que tiña e o BNG consegue un concelleiro máis pasando de un a dous.

Ordes

José Luís Fernández reforza catro anos de xestión moi complicada cunha dobre vitoria. Por un lado a maioría absoluta e por outra a derrota do UxO de Manolo Regos que acabou por retirarse da política. Un apoio veciñal que lle da ao PP 9 concelleiros e catro anos para xestionar con tranquilidade.

Oroso

En Oroso o socialista Manuel Mirás perdeu a maioría absoluta despois dunha das campañas máis duras dos últimos anos. Tan dura que incluso despois das eleccións o PP ofreceu ao BNG investir de alcaldesa a súa única concelleira. Os nacionalistas non so apoiaron a candidatura socialista se non que entrarán no goberno dándolle estabilidade.

Padrón

Sen sorpresas en Padrón despois de que se retiraran, antes das eleccións, as candidaturas de Alternativa por Padrón e Veciños de Padrón.  O PP recupera a maioría absoluta grazas a esas retiradas e a integración dos concelleiros do Partido Galeguista nas súas filas.

Rois

José Ramón Tojo mantén a alcaldía de Rois e a maioría absoluta coa que leva traballando catro anos.

Santa Comba

En Santa Comba os socialistas fan alcalde ao único concelleiro de Compromiso x Galicia, David Barbeira. Será alcalde dous anos para despois deixar o sillón de rexedor ao socialista José Antonio Ucha. Un acordo de goberno que busca unha estabilidade non conseguida desde hai anos.

Silleda

O Psoe repite maioría absoluta con Manuel Cuíña. Nada cambia e o socialista ten catro anos máis para afrontar proxectos tan punteiros como as caldeiras de biomasa ou tan necesarios como a nova casa consistorial.

Teo

En Teo Rafa Sisto, Son de Teo, segue de alcalde grazas aos votos socialistas e nacionalistas. Con todo o reparto de forzas, 4 concelleiros fronte a 4 socialistas de dous do BNG, fan que esta semana sexa decisiva para ver que goberno terá que encabezar.

Tordoia

En Tordoia Antonio Pereiro renova a maioría absoluta para o PP. É o fillo do anterior rexedor falecido en febreiro. A corporación pasa de ter só dous partidos, PP e Psoe, a incorporar a BNG e Espazo Común cun concelleiro cada un.

Touro

Ignacio Codesido revalida a maioría absoluta en Touro. Os conflitos da mina fanlle perder 2 concelleiros pero mantén o control do concello. Marea Veciñal chega ao salón de plenos con 3 concelleiros, o  BNG perden 1 dos dous que tiña e Psoe conserva a súa acta.

Trazo

En Trazo o PP seguirá gobernando ao ser a lista máis votada. Somos Trazo, partido saído de dentro do Partido Popular abstense e permite que Josefina Suárez fágase co bastón de mando. O BNG apoiou ao Psoe nun xesto que define que o PP repite pola inacción de Somos Trazo xa que pola outra banda existía consenso.

Val do Dubra

Un concello complexo en canto a candidaturas. José Manuel Vales, do PP, consegue a alcaldía con 3 concelleiros de 11 e, según dixo, sen pactos previos. Tivo o apoio de dous concelleiros de Terra Galega e do Independente. O Psoe, que acadou dúas actas, votou polo seu candidato e Son de Val do Dubra, 3 concelleiros, apoiou a Antonio Negreira, alcalde durante os últimos catro anos. Ao PP tócalle buscar estabilidade para gobernar porque o único concelleiro de Independentes por Dubra pode decidir todas as votacións.

Vedra

Carlos Martínez reforza e amplía a maioría absoluta para o Partido Popular. Sube un concelleiro, de 7 a 8, fronte a 3 do Psoe e dous do BNG.

Vila de Cruces

Outro dos cambios na bisbarra. Luís Taboada chega a alcaldía de Vila de Cruces por Xuntos polo noso concello. Faino cos votos do Psoe e do BNG e despois de décadas de dominio popular. Agora tócalle conseguir unha coalición que dea estabilidade ao seu equipo; ten 3 concelleiros ao igual que o BNG, o Psoe mantén un acata e o PP estará na oposición con 6 edís.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial