Novos vertedoiros incontrolados en Ames pese a posibilidade de ser multados

0

Ames, 28 de decembro do 2016.- A brigada de garda medioambiental do Concello de Ames continúa recollendo os distintos puntos de vertido. Esta vez o aviso foi dado polo grupo municipal Ames Novo, informando da existencia de dous puntos de lixo nas pistas forestais de Riamontes e Pegariños.

O persoal da devandita brigada procedeu á recollida destes puntos de xeito manual, realizando despois unha separación adecuada para poder ser depositados no Punto Limpo para o seu posterior tratamento.

Imaxe dun dos vertedoiros incontrolados Dende a Concellaría de Medio Ambiente, que está traballando na conservación do recursos naturais e o mantemento do equilibrio ecolóxico, apélase a colaboración cidadá co fin de evitar que este tipo de condutas incívicas se repitan, e informa a todos os amesáns que abandonar residuos en lugares non autorizados, ademais de contribuír á contaminación ambiental e afear a contorna, poden supoñer sancións económicas que dependendo da gravidade poden ir dende 900 euros ata 9.000 euros.

Nesta ocasión, grazas á colaboración do grupo municipal Ames Novo, localizáronse dous novos vertedoiros incontrolados. Un deles, que conta con gran cantidade de lixo, foi achado nunha pista forestal de Riamontes, preto da Ruta da Auga e do Monte de San Marcos. O segundo tamén foi atopado nunha pista forestal do lugar de Pegariños, pertencente á parroquia de Ames. En ambos casos atopouse lixo de todo tipo de enseres e voluminosos vellos de uso doméstico como cadeiras, sofás, coxíns, etc.

Punto Limpo e recollida de voluminosos

O Concello de Ames lembra que hai a disposición da veciñanza amesá un número de teléfono, o 981 191 240, para a recollida de residuos voluminosos (como mobles, cadeiras, colchóns). Neste número débese indicar o tipo de residuo que se quere tirar e establécese o punto onde se debe deixar (na maioría dos casos xunto ao colector de lixo máis próximo á vivenda) e o día no que se fará a recollida.

Ademais, Ames conta cun Punto Limpo, situado na rúa das Hedras do Polígono do Milladoiro, ata o que poden achegarse todos os cidadáns que queiran desfacerse daqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. O centro abre de luns a venres de 10:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 18:00 horas. Os sábados, o horario é de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 20:00 horas. O teléfono de contacto é o 981 536 688

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial