займ срочно

O 45% do comercio de Compostela en risco de desaparecer

0

Compostela, 27 de xaneiro do 2021 – A Fundación Santiago Centro advirte de que o 45% do comercio non continuará aberto se a situación non mellora no prazo de 3 meses.

Unha enquisa realizada entre os comerciantes de Santiago Centro e EmRede desvela que tres cuartas partes están pouco ou nada confiados nunha reactivación económica. A metade do comercio sufriu caídas de facturación de máis do 50% desde o inicio da pandemia e as campañas de Nadal e Rebaixas non axudaron a paliar a situación.

Límite de 3 meses

A enquisa entre os comerciantes realizouse entre os días 22 e 25 pasados, antes de que se coñeceran as novas restricións. Os datos dan unha imaxe dun sector completamente asfixiado, no que case a metade teme ter que pechar definitivamente nun prazo máximo de 3 meses. En moitos casos a caída de facturación chegou a o 70%.

A gravidade da situación móstraa o indicador da percepción da situación económica que manifestan os enquisados. Non chega ao 10% do comercio o que a ve estable ou boa, mentres que o 12,8% estímaa regular, e o 78,7% mala, moi mala ou crítica.

O 57,4% dos negocios viron como a súa facturación caeu entre o 40 e o 50% con respecto aos mesmos meses anteriores á pandemia, e case o 15% manifesta caídas superiores ao 70%.

Situación crítica

Chema Fernández, Presidente de Santiago Centro, explica que “O comercio está nunha situación crítica. As axudas deseñadas ata agora non abondan para un sector que precisa xa de decisións firmes de apoio por parte de todas as administracións que vaian máis aló de facilitar ICOS, ou de ERTES con compromiso de mantemento dos postos de traballo, cando a incerteza sobre o futuro inmediato é absoluta. Somos moi conscientes de que unha situación tan grave como a que vivimos esixe a adopción de medidas extremas, como o peche perimetral da cidade ou a redución de aforos e horarios, pero as administracións deben ser tamén conscientes de que se non hai apoios directos a pandemia vai arrasar o comercio de proximidade. Xa non hai máis capacidade de aguante”.

Pola súa parte a presidenta de Proxecto EmRede, Eva López, destaca que as prestacións a autónomos son completamente insuficientes e que para nada se adaptan á situación do comercio retallista “A maioría dos comerciantes renunciaron á prestación porque non cumprían os requisitos, pero estando abertos a facturación non chega nin para cubrir os gastos mínimos de alugueiro, enerxía ou asesorías, xa sen contar ao persoal. É como a pescada que se morde a cola. Non poden manter as prestacións porque non compren os requisitos, pero tampouco manter os negocios abertos porque a facturación non dá para facelo”.

O comercio chega a esta situación rematando o mes de xaneiro tras comprobarse que os resultados das campañas de Nadal e Rebaixas non foron os esperados. Ningunha das dúas campañas axudou a inxectar liquidez ao comercio compostelán. En Nadal, o 17% reduciu a facturación nun 70% con respecto á mesma campaña de 2019, e o 48% confirman unha redución das cifras de negocio de entre o 40 e o 70%. Só o 12,8% dos establecementos logrou manter os números da campaña de 2019. Os resultados económicos nas rebaixas están a ser moi similares, ou aínda peores, xa que 3 de cada 4 comerciantes manifestan reducións da facturación superiores ao 40%.

ERTE, ICO e alugueiros

O peso dos ERTE segue a ser importante no sector, xa que un 34% dos enquisados contan con empregados acollidos a esta fórmula de axudas. Aqueles que non contan con persoal en ERTE afirman maioritariamente telo recuperado despois dos primeiros meses de pandemia, ou non teren persoal ao cargo. O 76,6% dos comerciantes enquisados pediu tamén a prestación como autónomo, aínda que na inmensa maioría dos casos só o fixeron durante as semanas de confinamento, a pasada primavera.

Tamén no terreo das axudas públicas, o 46,8% acudiu aos fondos ICO para manter o negocio. Aproximadamente a metade lograron negociar cos propietarios do local unha rebaixa no custe do alugueiro ou unha fórmula de pago alternativa.

En canto á confianza na recuperación os indicadores seguen sendo negativos. Tres cuartas partes dos enquisados amósanse pouco ou nada confiados na reactivación en tres meses, unha cifra que baixa ao 61% se o horizonte se fixa no medio ano.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies