Compostela, 18 de abril do 2019 – O alcalde de Santiago avanzou na rolda de prensa da xunta de goberno local que o concello firmará un convenio coa Universidade que permitirá situar o centro cívico da zona vella na Casa Elisa e Jimena Fernández de la Vega.
A Universidade cede o uso do inmoble en compensación polo atraso no traslado da Facultade de Odontoloxía, que ocupa a súa vez un edificio de titularidade municipal. A xunta de goberno local aprobou o convenio como xeito de resolver dunha vez a necesidade do centro cívico no casco vello.
Martiño Noriega, explicou que o convenio “resolverá unha vella demanda da veciñanza da cidade histórica, que na actualidade dispón dun local que non reúne as condicións máis axeitadas. O Goberno tiña previsto no orzamento de 2019 o arranxo doutro inmoble na praza de Salvador Parga para converterse no Centro Cívico da zona vella, pero ese proxecto non puido executarse pola situación de prórroga orzamentaria”. Agora, apuntou, “deuse cunha solución que será máis rápida, e que poderá realizarse ao longo deste ano”.
O acordo que asinarán o Concello de Santiago e a Universidade recolle que o Concello adscribirá a favor da USC o edificio da rúa Entrerríos onde se atopa a Facultade, e que é de titularidade municipal, mentres que a Universidade adscribirá gratuitamente ao Concello o uso da edificación de Casas Reais denominada Casa de Elisa e Jimena Fernández de la Vega, polo prazo de 25 anos. Ademais do centro cívico da zona vella, o Goberno prevé localizar neste espazo algunhas dependencias municipais.