O concerto para piano de Ravel con Kun-Woo Paik e a Real Filharmonía

0

Compostela, 6 de febreiro do 2019 – A Real Filharmonía de Galicia recibe esta semana como convidado ao pianista coreano Kun-Woo Paik que tocará o concerto para piano de Maurice Ravel.

A orquestra e Kun-Woo Paik darán tres concertos. Hoxe en Vigo e mañá e o venres en Compostela. O concerto do xoves no Auditorio de Galicia, oito da tarde, forma arte da tempada de abono. O do venres, a mesma hora,  será a repetición dunha parte da actuación para o público infantil e familiar dentro do ciclo Descubre unha orquestra para ti, a túa!, que busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos.

O concerto do venres servirá ademais para dar visibilidade á Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA), que traballa no eido da inclusión sociolaboral dos colectivos en situación ou risco de exclusión social. Este concerto enmárcase dentro do proxecto RFG Solidaria, co que se apoian diversas causas a través da música. Neste caso as entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibe dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos. No que resta de temporada a Real Filharmonía de Galicia dedicará varios concertos a apoiar a outras entidades, en particular a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, Proxecto Home Galicia e a Fademga.

Obras de Gershwin, Ravel e Walton

O mestre Paul Daniel, director titular da Real Filharmonía de Galicia, será o encargado de levar a batuta nos tres concertos. Baixo o título “Funny Face”, o programa comezará precisamente coa abertura de Funny Face, do compositor estadounidense George Gershwin (1898-1937), recoñecido por elevar a comedia musical a unha forma de arte nos Estados Unidos. Este musical estreouse en Broadway no ano 1927, protagonizado por Fred Astaire. Na súa abertura predominan os ritmos latinos.

Kun-Woo Paik

A continuación o público poderá escoitar o Concerto para piano en Sol maior do francés Maurice Ravel (1875-1937), no que se aprecian influencias do jazz, o ragtime, o blues e mesmo da música española. É unha obra dunha grande esixencia técnica para o solista. Será interpretada polo virtuoso pianista coreano Kun-Woo Paik, que ofreceu o seu primeiro concerto con tan só dez anos, coa Orquestra Nacional de Corea. A súa carreira internacional despegou tras a súa primeira aparición en Nova York, onde tocou as obras completas para piano de Ravel no Lincoln Center, ademais do seu debut con orquestra no Carnegie Hall. O seu debut europeo tivo lugar en 1974 con tres recitais consecutivos no Wigmore Hall de Londres, seguidos doutro recital na Philharmonie de Berlín. Desde entón ten colaborado estreitamente cos directores máis prestixiosos e coas mellores orquestras. A súa gravación da integral de concertos de piano de Prokófiev recibiu o Diapason d´Or do ano e o premio da Nouvelle Académie du Disque de Francia. Na actualidade vive en París e é o director artístico do Festival de Música Costa Esmeralda en Dinard. O goberno francés nomeouno “Cabaleiro da Orde das Artes e das Letras” en 2000.

Os concertos concluirán coa Sinfonía nº 1 do británico William Walton (1902-1983). Considerada unha das obras cume da composición inglesa, ofrece unha música alternativamente bucólica, tempestuosa, épica e ata dramática.

Charla previa co director Paul Daniel

Antes da celebración do concerto de abono do xoves en Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co mestre Paul Daniel. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “CONvers@ndo con”, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial