O Consello de Goberno da USC aproba o límite de prazas para o vindeiro curso

0

Compostela, 8 de abril do 2019 –  O Consello de Goberno da Universidade de Santiago aprobou este luns en sesión ordinaria a súa proposta de límite de prazas en graos para o curso 2019-2020, que terá que ser ratificado polo Goberno autonómico.

O Consello de Goberno aprobou un aumento do número de prazas para os graos en Pedagoxía e Educación Social, de 68 a 70; Dereito, de 160 a 180; Matemáticas, de 100 a 110; Psicoloxía, de 140 a 150; Enxeñaría Informática, de 60 a 80; Traballo Social, de 80 a 85; e os dobres graos de Enxeñaría Informática e Matemáticas e de Matemáticas e Física, de 10 a 12, e o de Mestre de Educación Infantil e Primaria, de 16 a 20. O título que reduce o número de prazas é Historia da Arte, de 90 a 85. Igualmente, o órgano colexiado aprobou a proposta de 50 prazas para o futuro grao de Robótica.

Selección de profesorado

Na mesma xuntanza, aprobouse o regulamento de selección de profesorado non permanente, que vén substituír a normativa provisoria aprobada en 2005. O documento ten por  obxecto regular os concursos para a selección de profesorado contratado non permanente, así como a elaboración de listaxes de agarda para a cobertura de necesidades docentes sobrevidas, urxentes e  inaprazable

O novo regulamento, que en base aos Estatutos da USC dispón que a selección se efectuará con respecto aos principios de igualdade, mérito e capacidade e co concurso como procedemento de contratación, foi presentado aos equipos decanais e de dirección e negociado na Mesa de Persoal Docente e Investigador.

Plan de melloras

O Consello de Goberno deu tamén o seu visto bo a un novo Plan de Melloras de calidade, que nesta ocasión se circunscribe aos cursos académicos 2018-19 e 2019-2020. Unha vez avaliado o grao de execución das accións contidas no plan do curso pasado, a Vicerreitoría de Planificación e Proxección Estratéxica propón un documento con once obxectivos e accións.

Así, no ámbito da xestión institucional contempla a mellora da xestión de títulos interuniversitarios a través dun protocolo que harmonice estes procesos, a creación dun repositorio de boas prácticas accesible na web, o desenvolvemento dun seminario para analizar os indicadores do sistema de xestión de calidade (SGC) de cara á súa simplificación e a mellora da Aplicación de Calidade AASX. Ademais, en 2019 establecerase un informe, a presentar cada mes de decembro ao Consello de Goberno e ao Consello Social, sobre os resultados docentes e a evolución dos indicadores de calidade e fomentarase a participación nas enquisas incluídas no SGC.

No referido á relación coa contorna, o plan establece a creación dun observatorio de empregabilidade como órgano estable da USC e un protocolo de actuación para a coordinación das redes sociais dos distintos departamentos universitarios. Xa no ámbito das persoas proponse a distinción pública con carácter anual dos docentes destacados nas enquisas de satisfacción e a mellora dos sistemas de acollida de novo alumnado. Por último, contempla a elaboración dun modelo de guía docente co que mellorar a información que ten o alumnado sobre as competencias que debe adquirir e o seu sistema de avaliación.

Outros asuntos

A xuntanza deste órgano de goberno aprobou ademais os Premios Extraordinarios de Doutoramento 2016/2017, a modificación do regulamento para a asignación de prazas de catedrático/a de Universidade pola quenda de promoción interna, diversas propostas de modificación de títulos de grao e mestrado, un catálogo de materias para estudantes de mobilidade entrante e a tramitación como reverificación dos títulos de Graos en Xeografía e Ordenación do territorio e Mestrado en Técnicas Estatísticas.

Ademais, aprobou a oferta de prazas para mestrados e programas de doutoramento do vindeiro curso e a memoria económica das cátedras institucionais, entre outros asuntos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial