O Entroido chega a toda a bisbarra

0

Bisbarra, 28 de febreiro do 2019 – Aínda que o concurso de Arzúa e os Xenerais da Ulla abriron xa o Entroido 2019, desde este venres a actividade festeira multiplícase por toda a bisbarra.

Compostela presentou a programación de Entroido que presidirá un Meco disfrazado de Villarejo, creación de José Manuel Méndez, e deu tamén a coñecer o cartel, deseñado polo artista Marcos Vigo.

Como é tradición, o Meco será quen abra o Entroido de Santiago, o sábado 2 de marzo, co seu desfile dende a praza de Cervantes ata a praza do Toural acompañado polas comparsas Os Conformistas de Conxo e A Ruliña de Laraño. A figura subirá ao balcón do Prazo de Bendaña para vixiar desde alí o desenvolvemento das festas, que arrancarán co pregón a cargo de Manuel Jabois. Despois do discurso do xornalista, haberá un espectáculo de patinaxe sobre zancos a cargo do grupo colombiano Tchyminigagua, que percorrerá a rúa Nova, a praza de Praterías, a rúa do Vilar e a praza do Toural.

 

Concurso infantil de disfraces

O domingo 3 de marzo haberá animación de rúa dende as 10:30 horas coa comparsa Os Conformistas de Conxo, acompañada da charanga Os Atrevidos. O seu percorrido arrincará de Conxo e rematará na rúa da Raíña despois de percorrer as rúas Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Xeneral Pardiñas, Alameda, praza do Toural, rúa Nova, Praterías, rúa do Vilar e rúa do Franco.

Na mañá do domingo tamén está programado, no Teatro Principal, un concerto da Banda Municipal de Música de Santiago en colaboración coa asociación Amigos da Ópera de Santiago. O recital dirixido por Casiano Mouriño estará protagonizado por Lucía Tavira, soprano cordobesa gañadora do I Certame Compostela Lírica.

Santiago

A cita central da xornada será o Festival Infantil de Disfraces que, como é habitual, se celebrará na Sala Capitol e no que poderá participar calquera neno ou nena menor de 14 anos. A festa estará animada por A Run Run, co seu espectáculo Déixalle ao Dillei, e haberá baile, sorteo de agasallos e concurso de disfraces en tres categorías: individual, parella ou grupo. Os premios son doados por El Corte Inglés.

Os nenos e nenas serán tamén os protagonistas das propostas programadas para o luns 4 de marzo. No Pazo de Bendaña haberá obradoiros de máscaras surrealistas entre as 12:00 e as 14:00 horas, con entrada libre ata completar as prazas dispoñibles. Pola tarde, de 18:00 a 20:00 horas, Pesdelán dirixirá un obradoiro de danzas de Entroido, tamén no Pazo de Bendaña. Para esta actividade é preciso inscribirse previamente no correo electrónico teatroprincipal@santiagodecompostela.gal. Pola tarde tamén haberá pasarrúas coa charanga Estradens Band, dende a praza Roxa ata a rúa de San Pedro.

Martes de Entroido

O día grande do Entroido, o martes 5, arrincará co obradoiro de xenerais da Ulla que se celebrará no Pazo de Bendaña de 12:00 a 14:00 horas.

Santiago

Xa pola tarde, terá lugar o agardado desfile, que partirá da avenida de Ferrol ás 17:30 horas, e que percorrerá as rúas Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e avenida de Xoán Carlos I. Ao remate do percorrido, os participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20:00 horas terá lugar a presentación do espectáculo Antroidanzas, con Pesdelán, e posteriormente a entrega dos premios do desfile.

No desfile do Martes de Entroido vanse repartir preto de 14.000 euros en premios en seis categorías: carrozas, comparsas, grupos, mellor parella, mellor disfrace individual e mellor comparsa de parroquias ou barrios do Concello de Santiago.

Xa ao día seguinte, o mércores 6 de marzo, Santiago despedirá o Entroido coa Queima do Meco na praza Roxa, despois do seu desfile dende a praza do Toural pola rúa Nova, rúa do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador. A comitiva irá acompañada de A Ruliña de Laraño e da charanga Estradens Band, e de todas as persoas que o desexen que deberán vestir rigoroso loito para a ocasión.

Xenerais da Ulla

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A programación do Entroido complétase coas actividades desenvolvidas na Rede de Centros Cívicos, e tamén co Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla. Os atranques xa se celebraron no Castiñeiriño, Marrozos e Angrois, e escoitaranse aínda o 2 de marzo en Aríns e o 3 de marzo no Eixo.

Ames

O Concello de Ames está organizando para o luns, 4 de marzo, unha nova edición da Festa de Entroido, que este ano se desenvolverá na localidade de Bertamiráns, a partir das 17:00 horas. A programación desta festa conta cun concurso e desfile de disfraces no que se pode participar nas seguintes categorías: infantil, adulto, por grupo ou en comparsa. Nas dúas primeiras poderase participar de forma individual ou en parellas.

Ames – Milladoiro

Os participantes deberán ter 12 anos ou menos na categoría infantil e máis de 12 anos na de adultos. Os grupos deberán estar formados por entre 3 e 9 persoas e as comparsas por 10 ou máis persoas, de calquera idade en ambos casos. O concurso desenvolverase no aparcadoiro da Telleira, en Bertamiráns, ao carón da piscina municipal cuberta. As inscricións para participar no concurso de disfraces realizaranse de xeito presencial na Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 535 940 ou enviando un correo ao enderezo cultura@concellodeames.gal. A data límite das inscricións é o propio luns 4 de marzo, día do concurso, ás 11:00 horas. Os datos que hai que achegar son o título do disfrace, o nome e apelidos da/s persoa/s representante/s, o DNI, un teléfono de contacto, a categoría na que se participa e o número de participantes. Os menores de idade deberán ser inscritos polo seu responsable legal. No caso dos grupos, a inscrición deberá ser asinada por dúas persoas maiores de idade; catro no caso das comparsas, sempre que non pertenzan a asociacións legalmente constituídas. Os representantes deberán estar apoiados polos demais membros concursantes e autorizados para recoller o premio.

Repartiranse 3.800 euros entre as categorías infantil, adultos, grupos e comparsas, que se suman a outros 250 euros destinados aos mellores disfraces elaborados con material de refugallo. Haberá tres premios por cada categoría. Deste xeito, na categoría infantil haberá 100 euros para o primeiro, 75 euros para o segundo, e 50 para o terceiro. Na categoría de adultos o primeiro premio estará dotado de 200 euros, o segundo de 150 euros, e o terceiro de 75 euros. Na categoría de grupos os premios serán de 500, 300 e 150 euros, mentres que na categoría de comparsas entregaranse 1.100, 600 e 500 euros.

Boqueixón

O Entroido tradicional dos Xenerais do Ulla de Sergude, organizada pola Comisión de Festexos de Sergude en colaboración co Concello de Boqueixón, terá lugar o vindeiro domingo 3 de marzo no campo da festa de Sergude. O Entroido, declarado como Festa de Interese Turístico de Galicia dende 2013, conta con numerosos actos ao longo da xornada, que comezarán ás 10:00 horas coa saída dos Correos, Xenerais e Comparsas, que percorrerán toda a parroquia acompañados polo grupo “Son de gaita”.

Sergude en Boqueixón

A esta mesma hora, no Centro de Referencia do Cabalo de Pura Raza Galega (Pazo de Quián) comezará a celebrarse a segunda edición do Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Galega. Ás 11:00 horas terá lugar a recepción dos Xenerais e dos Correos no Centro de Referencia do Cabalo de Pura Raza Galega, se ben seguirán toda a mañá e parte da tarde botando os “Altos” ou “Vivas” por toda a parroquia de Sergude.

A partir das 18:00 horas, o campo da festa acollerá entroidadas e a actuación estelar da orquestra Olympus. No descanso da orquestra, ás 20:00 horas, terán lugar os tradicionais atranques dos Xenerais do Ulla, así como o Concurso de Disfraces, no que se repartirán máis de 600 euros en premios. Haberá dúas categorías: individual e grupo (6 ou más persoas) e entregaranse tres premios por categoría. Unha vez rematado o concurso, pechará a festa a orquestra Olympus.

Lousame

Lousame celebrará este sábado 2 de marzo o seu Festival de Entroido, que terá lugar entre as 17:00 e as 20:00 horas no polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra” (A Silva). Un festival que mantén o modelo probado con éxito en 2016: non haberá Concurso de Disfraces, que pasará a converterse nun Desfile de Disfraces, tal e como explicaron os técnicos de Cultura, Eduardo Agraso e María Teresa Baluja.

O técnico de Cultura, Eduardo Agraso, explicou que “queremos premiar a participación, non os cartos que a familia pode gastar nun disfrace. A idea é que sexa unha actividade familiar onde a xente participe e desfrute da festa, escapando dos premios e do concurso”. De feito, unha das novidades será que, ademais de desfile de disfraces infantil, este ano tamén haberá desfile de adultos. Todas as persoas que participen disfrazadas recibirán un agasallo. As inscricións poden realizarse o mesmo día do festival.

Os técnicos municipais de Cultura explicaron as novidades da edición deste ano. “Teremos moitas mais cousas, máis actividades e á degustación de orellas e filloas sumaremos este ano un churreiro, que estarán preparando os doces aló mesmo”, apuntou Eduardo Agraso, quen se amosou convencido de superar os máis de 400 nenos e nenas participantes o ano pasado.

Teresa Baluja apuntou que “de 17:00 a 20:00 horas o polideportivo da Silva acollerá sete actividades diferentes: barredora humana, búfalo mecánico, multiarcos, bola de demolición, tobogán pallasos e obradoiros de caroutas e de maquillaxes. Así mesmo, haberá degustación de orellas, filloas e chocolate con churros”.

“Outra das novidades será a actuación do mago Charly Braun, un vello coñecido en Lousame, que irá facendo trucos de maxia de cerca entre todas as persoas que estean desfrutando da festa”, apuntou Eduardo Agraso.

Negreira

O flamante gañador do Goya ao mellor actor de reparto 2019 polo seu papel na película ´El Reino´, será o pregoeiro das soadas festas do Entroido de Negreira, previo ao concurso de carrozas e comparsas, a tarde do sábado 2 de marzo, cando se repartirán 5.000 euros en premios. O cartaz, por segundo ano, leva a sinatura do recoñecido humorista gráfico Luis Davila.

Luís Zahera era dun dos rostros do audiovisual galaico que non pregoara o entroido barcalés polo que pasaron actores como Carlos Blanco, Xosé Antonio Touriñán, Marcos Pereiro, Federico Pérez, Ernesto Chao, Pepo Suevos, ou Víctor Fábregas, entre outros. O pregón chegará a partir das seis da tarde, o sábado.

As actividades arrincan o venres día 1 de marzo ao mediodía co desfile dos nenos e nenas da Escola Infantil. Pola noite, a partir das nove, teremos a primeira concentración de charangas coa participación de: Tíralle do aire; Os Jaitas Blues e Os Celtas «que van facer pasacalles e finalmente xuntaranse na praza do Concello, sobre as once da noite as tres xuntas», sendo unha das novidades, tal e como destacou Marcos Pérez.

O gran desfile de comparsas é o prato forte, na tarde do sábado. Comezará ás cinco da tarde no campo dá feira e dará un colorido especial ás rúas da vila ata concluír na Casa do Concello. Haberá premios de 1.000, 600, 300 e 150 euros, para os catro primeiros en comparsas e carrozas, respeitivamente, así como dous áccesits de cen euros. Os grupos: 250; 150 e 100, e os individuais: 150; 100 e 50 euros. O grupo Ciclón amenizará a verbena na praza do Concello.

O domingo a partir das sete haberá baile de disfraces para os maiores no Centro Sociocultural, con música en directo e premios ás mellores caracterizaciones. E o luns, é a quenda para os máis pequenos no concurso de disfraces desde as cinco no Centro Sociocultural.

Sergude en Boqueixón

E en colaboración co Obradoiro de Turismo e Radio Negreira, convócase un concurso de receitas, cuxo fallo coñecerase o venres día 15 de marzo, nun acto a celebrarse no Centro Sociocultural, a partir das 12 da mañá. «As receitas terán que ser típicas do Entroido, e deberán presentarse escritas en lingua galega e deberase presentar o prato elaborado» sinalou Mónica Rodríguez, alumna do Obradoiro de Turismo. A data límite para presentar as receitas na Casa da Cultura, será o martes 12 de marzo. Os premios para os gañadores serán: Unha cesta de produtos típicos e cea para dúas persoas, para o gañador/a, e un libro de cociña, para o finalista.

Ordes

O Concello de Ordes prepárase para vivir un ano máis o Entroido. Este ano o programa arrancará o martes 5 de marzo. Ese día a Tarde de Entroidada encherá a alameda de Ordes de animacións, xogos, obradoiros e baile dende as 16.30 horas ata as 19.30 horas (No caso de chuvia trasladarase ao pavillón Campomaior). O Sábado de Piñata volverá encher as rúas de Ordes de cor e fantasía. A cita será o 9 de marzo a partir das 17 horas co gran desfile que rematará no Campo da Feira, escenario para o gran concurso de disfraces, carrozas e comparsas no que se repartirán 4.500 € en premios. No caso das carrozas serán dous cheques de 600 e 400 €. No caso das comparsas de persoas adultas serán de 400, 300 e 200 €; mentres que nas infantís serán de 225, 175 e 135 €. Os disfraces individuais adultos optarán a premios de 170, 120 e 90 € e os dos máis novos e novas serán de 100, 80 e 60 €. A todo isto hai que engadirlle un premio simpatía de 150 €, outro de 200 € para a mellor comparsa municipal, así como diversos premios accésits de 1.000 € en total.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 6 de marzo no Departamento de Cultura e Deporte, situado no primeiro andar  do mesmo Concello (de 9 a 14 horas). Tamén se pode formalizar a inscrición a través do 981680002. Poderán participar todas as persoas interesadas en calquera das categorías (individual, comparsa e carrozas). O número máximo de integrantes na categoría individual é de cinco persoas, mentres que no caso das comparsas o número mínimo será tamén de cinco integrantes. Cómpre ter en conta que o límite de idade está establecido nos 16 anos para considerarse participante na modalidade adulta. As carrozas non deben ter unha estrutura cunha superficie superior aos 7 m de longo, 3,50 m de ancho e 4 m de alto, sen que exista límite de idade nin número de integrantes.

Oroso

O Concello de Oroso ten este ano una ampla programación de Entroido, con numerosas actividades para todas as idades e o prato forte do tradicional concurso de disfraces.

O sábado, 2 de marzo, as comparsas participantes sairán ás 17:30 horas do pavillón de deportes e farán un percorrido polas rúas de Sigüeiro. O concello repartirá máis de 3.000 euros en premios para as mellores comparsas en categoría Adultos e Infantil. Haberá ata a noite actividades de animación, inchables, premios, música e moita diversión.

Á marxe desta actividade, Oroso celebrará unha nova edición do concurso de receitas ‘En galego sabe mellor’, dirixido a maiores de 16 anos, e dous obradoiros de rosquiñas e cupcakes de Entroido.

A programación do Entroido inclúe un concurso de máscaras, no que tamén haberá premios para os mellores; o Festival do CRA o venres 1 de marzo, o concerto Combos da Escola de Música, e actividades de animación á lectura para os máis pequenos.

O luns 4 de marzo, ás 19.00 horas no centro cultural, chegará a quenda da festa de disfraces, cun discomóbil para nenos e nenas con dj, mascota e obradoiro de maquillaxe. Os asistentes poden colaborar levando filloas, orellas e outros produtos típicos de Entroido.

Todos os interesados en obter máis información sobre cada unha das actividades organizadas polo Concello de Oroso e os requisitos para participar, poden facelo no centro cultural, no teléfono 981690903 e na páxina web www.concellodeoroso.com.

Vedra

O concello de Vedra disfruta do Entroido dos Xenerais do Ulla que a partir de esta fin de semana cobran forza na zona. Tres serán as citas nas parroquias vedresas. O sábado día 2 en Vilanova, o día 9 en San Xián e rematarán o Entroido 2019 o día 10 en Trobe.

Frades

O Festival e concurso de disfraces terá lugar en Frades o domingo día 3. O pavillón de Ponte Carreira é o lugar elixido e as inscricións están abertas ata este venres día 1 as dúas da tarde nos teléfonos 981695567 e 981695663. A festa comezará as cinco da tarde e contará con chocolatada, mascotas, inchables, fotomatón, flocos de millo e moita diversión.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial