O Entroido do Ulla terá este ano 50 xenerais infantís

0

Bisbarra, 6 de febreiro do 2019 –  O próximo sábado día 16, no barrio do Castiñeiriño en Compostela, abrirase o Entroido do Ulla co primeiro atranque dos xenerais.

Serán 25 as localizacións na Comarca da Ulla que acollerán este ano aos xenerais. A desta, declarada de Interese Turístico de Galicia, conta coa colaboración dos concellos de A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

Este ano tamén haberá unha preestrea do 1º traxe específico de xenerala, que terá lugar en Lestedo o domingo “de Piñata”, 10 de marzo, o mesmo día da Festa da Filloa, e que é obra de Carmen Pichel, deseñadora e costureira desa localidade.

A exposición fotográfica itinerante dos Xenerais da Ulla estará este ano presente en Santiago, Vedra, Touro e Silleda. Trátase dunha exposición de fotografías escollidas, cheas de cor, que recollen a esencia e carácter do Entroido rural tradicional dos Xenerais da Ulla. A mostra reúne un total de 60 imaxes, acompañadas de coplas ou atranques.

O Entroido dos Xenerais da Ulla remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese período: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Os oito concellos nos que se celebra o Entroido traballan conxuntamente na revitalización e promoción desta festividade dende o 2011.

As personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón.

Toda a información e o programa do Entroido dos Xenerais da Ulla pode consultarse en www.xeneraisdaulla.com e nas distintas contas que o grupo dos oito concellos está impulsando nas principais redes sociais para promocionar o evento: Facebook, Twitter e Instagram.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial