O Festival Rosalía reivindicou a poeta como unha superheroína

0

Compostela, 1 de outubro do 2018 –  Rosalía foi a protagonista da segunda edición do festival que durante o 29 setembro reuniu na Praza de Cervantes de Santiago de Compostela espectáculos de música, teatro e danza, obradoiros de rap, a elaboración dun grafite e centos de produtos rosalianos.

A imaxe dunha Rosalía superheroína, con capa e máscara, presidiu novamente o cartel do Festival organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Santiago. O acto de presentación contou coas intervencións de Goretti Sanmartín Rei, vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, e de Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela.

Foi unha xornada intensa de actividades variadas e para todas as idades coas cales se quixo homenaxear Rosalía, reivindicándoa como escritora moderna e revolucionaria, defensora dos dereitos da Galiza e das mulleres e, tamén, dunha cultura galega “con superpoderes”. Neste sentido, a xornada convocou creadores e creadoras que están a crear distintos produtos arredor de Rosalía -desde camisolas a cadernos ou cuncas- ademais de grandes nomes da nosa cultura que traen Rosalía ás novas linguaxes como Uxía, Mónica de Nut e Ánxela Blanco, Son Trío, Val de Mouras ou Os Quinquilláns.

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, destacou “o potencial da grande superheroína da cultura galega que é Rosalía, unha cultura con superpoderes que pula por emerxer e construír o seu futuro”. Pola súa parte, o alcalde, Martiño Noriega, agradeceu á Deputación da Coruña a organización dun festival que “reivindica a figura de Rosalía” tan relevante para o concello, segundo destacou.

As actividades deron comezo co pasarrúas rosaliano realizado polos Quinquilláns, que se repetiu pola tarde, e coa creación dun graffiti rosaliano, a cargo de Vella Escola. A xornada da mañá completouse coa danza-performance ‘Sexo ou as fillas do mar’ con Ánxela Blanco e Mónica de Nut, que se repetiu tamén pola tarde, e co concerto ‘Rosalía Pequeniña’, da man de Uxía. A xornada da tarde contou co obradoiro de rap con versos de Rosalía, a cargo de Vella Escola e cos concertos de Son Trío, no cal reinterpretaron textos de Follas Novas, e da banda folk Val das Mouras. Ao longo do festival contouse ademais coa varias visitas teatralizadas de SuperRosalía e cun photocall coa súa imaxe, que animaron unha praza con moita afluencia.

Nesta nova edición do Festival participaron produtores e produtoras e librarías que levan anos espallando os versos, a imaxe e a figura da poeta nas súas creacións (camisolas, pandeiretas, chaveiros, cadros, libros, cuncas, cervexa…): Animosa. Alma y coraje, As galegas – cervexa ecolóxica, Imprime 3D, Libraría Pedreira, Libraría de Mulleres Lila de Lilith, Libraría Couceiro, Nikis Galicia Style, OZOCOgz, Studio Variopinto e De Cotío.

Esta xornada de celebración do Festival Rosalía é unha proposta de dinamización cultural, cunha programación continuada de 12 horas para “exhibir toda a potencia creadora que ten a cultura galega, unha cultura que resiste, ás veces con moitos problemas, pero que sen ningunha dúbida ten unha calidade extraordinaria”, concluíu Goretti Sanmartín.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial