займ срочно

O goberno de Ames saca adiante os cambios nos orzamentos co apoio de PP e Pacto x Ames

0

Ames, 12 de outubro do 2018 – Despois de que fai unha semana Ames Novo denunciara o incumprimento do acordo de orzamentos o goberno municipal, Psoe, BNG e Contígo Pódese, saca adiante as modificacións cos votos favorables de Partido Popular e Pacto x Ames.

O Pleno extraordinario celebrado este pasado mércores contemplaba tan só cuestións económicas que suporán investimentos en obras de case 400.000 euros. A oposición foi moi crítica tanto pola falta de consenso a hora de decidir as obras como polo feito de que a consultoría que asesorou a posta en marcha dos orzamentos participativos cobrou máis, 11.979 €, que o investido, 10.000 €.

Os acordos

O primeiro punto aprobado foi o suplemento de crédito 2/2018. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno municipal e dos concelleiros e concelleiras do Partido Popular e de Pacto por Ames. Os/as edís de Ames Novo abstivéronse. Deste xeito, aprobouse a aplicación do superávit do exercicio 2017 por valor de 214.184,92 euros. É a primeira vez que se destina unha contía do superávit a investimentos financeiramente sustentables. Con dita contía, vanse executar os seguintes proxectos: pavimentación do acceso a Punxeiras Baixas, Ortoño (46.438,66 euros); pavimentación da rúa do Paraxó, en Bertamiráns, e do camiño Punxeiras Baixas-Condomiña, Ortoño (39.614,94 euros); pavimentación do acceso da AC-543 a Lamas, Ames (24.325,63 euros); pavimentación da rúa paralela a rúa do Rego, que está próxima ao Cuartel da Garda Civil, e acceso a Casanova (37.082,25 euros); pavimentación do acceso a Biduído de Arriba (47.877,74 euros); e substitución do chan do parque infantil de Estivada de Castelao, no Milladoiro (18.845,70 euros).

O segundo punto da orde do día, que neste caso aprobouse por unanimidade, tratou sobre a transferencia de crédito 10/2018, por valor de 75.000 euros, para realizar 10 obras incluídas nos Orzamentos Participativos de 2018. Unha vez definidas as actuacións no procedemento participativo é necesario dotar o crédito de aquelas actuacións, que deben ter reflexo orzamentario en áreas de gastos distintas ás que inicialmente se dotou o crédito. A necesidade de efectuar esta modificación é consecuencia do proceso de Orzamentos Participativos iniciado neste exercicio e que ao estar financiado con fondos propios as actuacións deben acometerse antes de que remate o 2018.

O terceiro e último punto da orde do día tamén saíu adiante por maioría absoluta, co voto a favor dos membros do goberno municipal e dos concelleiros e concelleiras do Partido Popular e de Pacto por Ames. Ao igual que no primeiro punto, os/as edís de Ames Novo abstivéronse. Neste caso aprobouse a modificación do anexo de investimentos do orzamento de 2018. En dito anexo incluíase o proxecto denominado Orzamentos Participativos 2018. No momento da aprobación dos orzamentos, as actuacións non estaban concretadas, polo que é necesario modificar dito anexo para incluír os proxectos que foron aprobados pola Comisión de Orzamentos Participativos.

Actuacións incluídas nos Orzamentos Participativos

Na parroquia de Tapia realizarase a reparación de firme asfáltico no lugar de Vilouta, detrás da Igrexa, así como na estrada que une os lugares de Covas e Pousada. Tamén se van adquirir dous novos farois led; e procederase á colocación de tubos na marxe dereita da pista da Madalena, para ampliar a calzada. En Trasmonte abordarase a mellora do illamento térmico do local social.

Por outra banda, na parroquia de Bugallido repararase o pavimento no lugar de Firminstáns; e arranxarase o parque infantil en Guimaráns; mentres que en Covas repararase o firme asfáltico na estrada que une os lugares de Covas e Pousada; colocaranse uns taboleiros de anuncios nos lugares de Ventosa, Covas (local social), Loureiros e Lombao; e repararase o pavimento asfáltico no lugar da Igrexa. Na parroquia de Lens arranxarase e acondicionarase o centro sociocultural.

Asemade, na parroquia de Ortoño vaise reparar o firme asfáltico na estrada que une os lugares de Punxeiras Altas e As Cortes. En Piñeiro, executaranse tres proxectos. O primeiro, consistirá na reparación do pavimento de calzada no lugar de Fernande; o segundo, é o arranxo de cunetas en Balindo; e en terceiro lugar, procederase á colocación dun punto de luz. Na parroquia de Agrón vaise a mellorar a sinalización das aldeas, e colocaranse taboleiros informativos nas diferentes aldeas da parroquia.

Mellora do alumeado público e creación de anfiteatros

Nas parroquias de Ames, Biduído e da Ameixenda executaranse varias actuacións de mellora do alumeado público, que consisten na substitución de puntos de luz incandescente/vapor mercurio por luminarias LED. Deste xeito, na parroquia de Ames procederase ao cambio de iluminación LED en Oca, e repararase e cambiarase a luces LED dende Pedrouzos a Lamas. Na parroquia de Biduído vanse colocar luminarias LED na aldea Paramuiño, na pista de Ventín a Paramuíño e ao colexio, e na aldea de Raíces. Por último, na Ameixenda cambiarase a iluminación, para colocar luminarias led na estrada principal; así como se colocaran taboleiros de anuncios en todas as aldeas da parroquia.

Ademais, inclúense dous investimentos para a creación dun anfiteatro (onde se poidan organizar festas, teatro e cine ao aire libre) en Bertamiráns e outro no Milladoiro. Cada un destes dous proxecto conta cun orzamento de 25.000 euros (50.000 euros para a mocidade).

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies