Un proxecto audiovisual sobre o himno de Galicia para lembrar o centenario do pasamento de Pondal

0

Compostela, 1 de xuño do 2017 – O novo proxecto audiovisual O Himno por Andrea Pousa, producido por Queiman e Pousa con arranxos de Nani García, conmemora o centenario do pasamento de Eduardo Pondal, autor da súa letra, e o cento décimo da estrea do himno galego no Teatro Nacional da Habana.

O compostelán Pazo de San Roque acolleu a presentación de O Himno, na que participaron, canda aos seus autores, Enrique Domínguez (O Bruxo Queiman) e Andrea Pousa, os secretarios xerais de Política Lingüística e da Emigración, Valentín García e Antonio R. Miranda, respectivamente, e mais a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns.

García Gómez sinalou durante a súa intervención que “Galicia ten himno e escudo de seu. Iso di o artigo sexto do noso Estatuto de Autonomía. Estes son, xunto coa bandeira, os símbolos nos que todos os galegos e galegas nos recoñecemos. Mais o himno ten unha particularidade que o une dunha maneira especialmente estreita á cerna de Galicia: está feito de música e de palabras, é poesía, poesía en galego”.

Un documental, dous videoclips e un libro

O proxecto audiovisual O Himno por Andrea Pousa está producido por Queiman e Pousa (Enrique Domínguez) e Andrea Pousa e revisa e actualiza o himno galego composto por Eduardo Pondal e Pascual Veiga con arranxos musicais de Nani García. Inclúe un documental, dous videoclips, un making of e unha unidade didáctica para ensino primario e secundario.

O documental está baseado en entrevistas con diferentes fundacións de autor galegas (Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Rosalía de Castro…) e a destacados persoeiros da cultura e da lingua galegas (Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Antonio Reigosa…). Os videoclips conteñen a interpretación do himno galego por Andrea Pousa, acompañada pola Macedonian Symphonic Orchestra e outros músicos de Galicia, con arranxos de Nani García.

Pola súa banda, o making of dá conta das diferentes rodaxes e visións sobre o novo proxecto, mentres que o libro recompila información acerca da historia do himno a través doutras 18 entrevistas. O proxecto conta coa colaboración da Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial