O III Festival Titiriberia acollerá na Feira de Francos a estrea de Dona Barriga Verde

0

Teo, 29 de outubro do 2018 –  O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo para o Concello de Teo e coa colaboración da Deputación da Coruña, celebrará a súa terceira edición entre o 4 e o 11 de novembro, ampliando así a súa duración.

Titiriberia desenvolverá un programa que inclúe un total de 12 funcións de títeres espalladas pola xeografía de Teo. Nesta edición, o programa incluirá a estrea de Dona Barriga Verde, espectáculo de Larraitz Producións Artísticas, que supón unha actualización das formas e dos xeitos do clásico personaxe dos monicreques de cachiporra, achegando unha protagonista feminina que, sen perder os gags clásicos, fomenta novas visións aos roles de xénero e aos estereotipos dos monicreques. A Asociación Morreu o Demo colabora co proxecto prestando asesoramento histórico e documentación. A intención é que esta montaxe, producida desde a propia organización do festival, poida xirar con posterioridade en diferentes feiras tradicionais e eventos que están a contar de xeito habitual con Títeres tradicionais. Dona Barriga Verde estrearase na Barraca de Titiriberia que se instalará na Feira de Francos o domingo 11 de novembro ás 11.00 horas.

‘As varietés do Barriga Verde’

A de Larraitz Producións Artísticas non será a única estrea que programe Titiriberia nesta terceira edición, xa que o festival inclúe unha montaxe singular o sábado 10 de novembro ás 21.30 horas na Carballeira de Francos. Baixo o título As varietés do Barriga Verde, a montaxe pretende reproducir, cunha óptica actual, os espectáculos que a familia Silvent realizaba na súa barraca de xeito previo á representación da obra de Barriga Verde. Con ese espírito, a produción reunirá as actuacións de compañías galegas como Micromina, Tanxarina Títeres, Títeres Alakrán, Os Monicreques de Kukas, Diego Anido ou Arturo Nono. Todo baixo a presentación da actriz Iria Pinheiro e a coordinación musical de Alonso Caxade.

12 espectáculos

O III Festival Titiriberia ofrecerá un total de 12 funcións entre o 4 e o 11 de novembro. A programación comezará o domingo 4 de novembro ás 18.00 horas no Local da Asociación A Mámoa (Iglesia, 18. Luou) da man de Fantoches Baj, que representará o seu espectáculo Auga que non vas beber. A partir dese momento e até o luns 12, sucederanse montaxes para o público

xeral da man de compañías galegas (Larraitz Producións Artísticas, Mircromina Títeres, Títeres Alakrán, Seisdedos Marionetas Tradicionais), portuguesas (SAMarionetas) e italianas (Lisa Bencivenni).

Ademais, co obxectivo de achegarlle ao público os títeres de cachiporra, Titiriberia programa tres funcións escolares para familiarizar a cativada con este xénero escénico. A primeira das sesións correrá a cargo da compañía galega Mircromina Títeres, que representará a súa obra A familia Unida, e celebrarase o martes 6 de novembro nunha dobre quenda (ás 10.00 horas no CEIP A Igrexa Calo e ás 12.30 h. no Auditorio Constante Liste). A segunda función escolar estará protagonizada polo espectáculo Angelita, da formación catalá Tactilicuä, e terá lugar no Auditorio Constante Liste o xoves 8 de novembro. Por último, os galegos de Títeres Viravolta rematarán a programación escolar o venres 9 de novembro no IES de Teo coa produción Todos ao balcón.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial