O labirinto de ORA en Compostela

0

Compostela, 11 de xaneiro do 2019 – O conflito en torno ao servizo de ORA en Compostela é un bo exemplo das complexidades da administración, os problemas que a burocracia `poden xerar e as distintas versións que un mesmo suceso pode producir.

Imos repasar os feitos concretos, expoñer as distintas versións e escoitar aos protagonistas para que cada lector poida obter a súa propia opinión do sucedido con ORA en Compostela. Uns feitos que, a día de hoxe, derivaron nunha sentenza xudicial que pode custar ás arcas municipais máis de 600.000 euros. Unha indemnización que, de producirse, irá parar a unha empresa que non prestou ningún servizo.

A adxudicación

O inicio do conflito non nace na adxudicación, como poida parecer, senón que o fai na mesa de contratación anterior. O 16 de novembro do 2011 ás 9,50 horas da mañá. Na mesa están representantes do PSOE, BNG e PP. A empresa  DOAL presentou unha alegación na que di que  SETEX  APARKI incumpre o prego de condicións ao ofertar unha parcela de menor tamaño do requirido. O director da asesoría xurídica do concello, Francisco Javier Castiñeiras, considera que o cumprimento dos pregos é obrigación dos adxudicatarios e non dos licitadores e que, por tanto, o cumprimento verificarase cando sexa adxudicado o servizo e non antes. No caso de que non se cumpran as condicións quedará excluída e será a seguinte en puntuación a que se faga co servizo. Os integrantes da mesa dan por bo o ditame e desestímase a alegación.

O 22 de decembro do 2011 reúnese de novo a mesa de contratación e adxudica o servizo a  SETEX  APARKI.

A sentenza

Tras unha primeira sentenza que non lle deu a razón a  Doal, o recurso presentado ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia  dá como resultado unha sentenza que chega a finais do 2015 e que anula a adxudicación a  SETEX  APARKI. A anulación prodúcese pola mesma causa que  DOAL presentara na alegación do 2011, que a parcela de  SETEX non cumpría os requisitos dos pregos.

Neste momento, poucos meses despois das eleccións, Compostela  Aberta como goberno municipal decide actuar seguindo o informe emitido polo director da asesoría xurídica do concello, Francisco Javier Castiñeiras; a mesma persoa que asesorara á mesa de contratación para desestimar a alegación de DOAL. Devandito informe acóllese ao artigo 35 da lei de contratos públicos que, no punto 3, considera que se a nulidade pode resultar prexudicial para o servizo público o concello pode requirir á empresa, que presta o servizo nese momento, para que o continúe facendo ata atopar a mellor solución. O informe xurídico indica que a sentenza obriga á anulación pero non lle recoñece ningún dereito a  DOAL.

2015 a 2017

Co informe xurídico Compostela  Aberta decide que a mellor solución é  municipalizar o servizo e comeza co proceso. Mentres prepara a municipalización concédense distintas prorrogas de contrato a  SETEX atendendo ao informe xurídico xa mencionado.  DOAL pola súa banda recorre de novo ao xulgado á vez que presenta distintos escritos no concello. No 2017  DOAL reclama a execución da sentenza e o Tribunal Superior contesta que xa non ha lugar e que o que corresponde é unha indemnización.   DOAL presenta tamén un escrito ante o concello no que pide que se lle escuse de atender o servizo xa que a sentenza do Tribunal Superior indica que xa non é posible. Ese escrito é levado á mesa de contratación o cinco de decembro do 2017; a mesa decide que non pode concederlle, neste contexto, a adxudicación a  DOAL e devolve o expediente de licitación á xunta de goberno local para que adopte as resolucións máis convenientes.

A actualidade

A actual sentenza obriga ao concello a abonar máis de 600.000 euros a  DOAL por non poder prestar o servizo e, en consecuencia, deixar de gañar ese diñeiro. Esta sentenza deriva dos recursos presentados no 2017 que se lle recoñecen un dereito á empresa que non aparecía na do 2015. O goberno municipal de Compostela  Aberta explica que no 2017 se se convocou á mesa de contratación ao aparecer unha sentenza que recoñecía dereitos a  DOAL, cousa que non sucedía no 2015.

As versións

A oposición centra as súas críticas no período 2015 – 2017. Consideran que o levar á municipalización o servizo no canto de retomar a adxudicación é a causa do problema. Resulta curioso que non lle conceden valor ao informe xurídico que ampara a decisión de Compostela  Aberta; un informe emitido polo mesmo director de servizos xurídicos que abalou o rexeitamento das alegacións de  DOAL ante a mesa de contratación.

Ruben Cela do BNG explicaba que a sentenza do 2015 di que a culpa é da empresa  SETEX  APARKI por  non cumprir os pregos. Considera ademais que o problema nace da non execución da sentenza por parte de Compostela  Aberta

O socialista Paco Reyes considera que o seu partido ten pouco que ver na adxudicación xa que quen gobernaba era o Partido Popular. Mantén ao mesmo tempo que a culpa é de Compostela  Aberta por non executar a sentenza.

Alejandro Sánchez Brunete, do PP, é o único que asume que se puideron cometer erros na mesa de contratación pero insiste en que o problema é non executar a sentenza

Martiño  Noriega pola súa banda non acaba de entender como decisións tomadas no 2012 considérese que non inflúen na sentenza do 2015. Ao mesmo tempo ampárase en que a sentenza do 2015 non recoñece ningún dereito a  DOAL.

O resumo

De todo este labirinto só queda claro que segundo o momento e a circunstancia a mesma actuación deféndese ou se ataca. A oposición considera que a adxudicación non tivo ningún problema e dá por bo que un informe do director da asesoría sirva para non admitir as alegacións de  DOAL nunha mesa de contratación. Un informe da mesma persoa sobre a sentenza do 2015 e segundo o que  DOAL non tiña dereitos, e por tanto o goberno municipal podía tomar decisións sobre como anular a adxudicación e cando, xa non é válido.

Por outra banda, como comentamos ao principio do artigo, o asesor naquela mesa de contratación o que dixo é que os requisitos recolleitos nos pregos son responsabilidade do adxudicatario, non do licitador. Dixo tamén que sería no momento de ser adxudicado cando deberían ser comprobados os requisitos e non antes.  Aqui aparece a pregunta que ninguén se fai e que, lembrando quen e como gobernou entre o 2011 e o 2013, seguramente sexa difícil de responder. Porque se a comprobación do cumprimento dos pregos tíñase que facer unha vez adxudicado o servizo non se fixo? porque sospeitando que  SETEX  APARKI non os cumpría non se tomaron medida para que fose a segunda empresa a que xestionase o servizo?

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial