O Lume sagrado volverá a Compostela desde o Pico Sacro

0

Bisbarra, 14 de xuño do 2018 –  O próximo 22 de xuño o Lume sagrado volverá a Compostela desde o Pico Sacro escoltado polos membros da Asociación da Fervenza do Castro de Callobre.

Os concellos de Santiago e Boqueixón colaboraron o ano pasado por primeira vez en esta cerimonia que recupera antigas lendas celtas. Este domingo o Druida acenderá o  Lume Sagrado no Pico Sacro e quedará custodiado na Capela ata que o venres sexa trasladado a Compostela percorrendo as rúas do Casco vello.

A actividade foi presentada polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; a concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois, e dúas das personaxes que participarán nesta representación, a Raíña Alda e o Druída. Estes dous últimos son Gumersindo Pereiras e Montserrat Torres, respectivamente, membros da Asociación da Fervenza do Castro de Callobre.

Fernández Munín agradeceu a “colaboración tanto do Concello de Santiago como da Asociación Fervenza do Castro de Callobre na posta en escea desta recreación”. O rexedor explicou como se desenvolverá esta actividade, encadrada dentro do programa Un mes e Pico. Ciclo da Mitoloxía e da Sacralidade do Pico Sacro, que oferta diversas propostas ata o próximo 29 de xuño. Precisamente un dos actos centrais será esta Ofrenda do Lume Sagrado en Santiago.

“A comitiva, liderada pola Raíña Alda e polo Druída, darase cita na Carballeira de Santa Susana, na Alameda de Santiago, ás dez da noite. Dende alí comezará un vistoso desfile polas rúas do Casco Histórico, que cobrarán luz cos fachos do lume sagrado levados polas tribus celtas de Boqueixón e Callobre”, explicou. O percorrido realizarase por Porta Faxeira, Rúa do Vilar, Rúa de Xelmírez, Rúa da Conga, Praza de Feixóo, Rúa do Preguntoiro, Cinco Rúas, Rúa do Castro, Praza da Universidade e finalizará na Praza de Mazarelos arredor das 22.30 horas.

En verbas da Raíña Alda, “unha vez alí, declamarei, ante o meu pobo e ante todas as persoas asistentes, a Alegoría do Lume. Concluirei esta cerimonia coa entrega do Lume Sagrado a esta cidade que servirá para iluminar as cacharelas de San Xoán coas chamas máis purificadoras”.

Cerimonia do Lume Sagrado, este domingo

O Lume Sagrado que se ofrecerá en Santiago será acendido previamente o 17 de xuño ás 13.00 horas no Pico Sacro. Centos de persoas daranse cita no cumio do Monte Sagrado, onde o Druída se encargará “de preparar o pebeteiro no que arderán estas chamas coas que recibiremos o Solsticio de Verán. Este lume crearase cunha base de ramaxe seca que faremos arder mediante unha lente que serve para concentrar a luz solar nun único punto”. Deste xeito, unirase “o simbolismo da natureza, representado polo Pico Sacro, e a forza do Sol nun elemento único: o lume purificador. Un lume co que tamén celebramos o triunfo da luz ante a escuridade, o ben ante o mal…”, concluíu.

O alcalde de Boqueixón animou á veciñanza e visitantes a asistir a estas dúas representacións. Incluso hai a posibilidade de participar nas mesmas coma voluntarios ou voluntarias. Dende a organización proporcionaranse as vestimentas propias e daranse as indicacións pertinentes para seguir tanto a cerimonia coma a ofrenda do Lume Sagrado.

Para poder participar como voluntario ou voluntaria, as persoas interesadas deberanse poñer en contacto co Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón. Pódese realizar a través do teléfono 981 513 061 ou enviando un correo electrónico a boqueixonturismo@gmail.com.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial