O novo centro de saúde do Milladoiro podería estar rematado a final de ano

0

Ames, 6 de febreiro do 2019 –  O Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, visitou en Ames o centro médico de Bertamiráns e as obras do novo centro de saúde do Milladoiro.

Na visita o conselleiro estivo acompañado polo delegado da Xunta na provincia, Ovidio Rodeiro, o alcalde de Ames, Jose Miñones, a concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, e membros da Corporación municipal.  O conselleiro anunciou a elaboración dun proxecto para realizar obras de mellora no centro de saúde de Bertamiráns, uns traballos que poderían executarse neste ano 2019. Asemade, anunciou que o novo centro de saúde do Milladoiro está previsto que comece a funcionar cara finais deste ano. 

Os traballos no Milladoiro teñen un prazo de execución de 17 meses. O futuro centro de saúde disporá dunha superficie construída de arredor de 2.100 metros cadrados. O  centro de saúde de Bertamiráns tamén será reformado con obras que se iniciarán este ano para a ampliación de espazos e de incremento da confortabilidade. Estas dúas iniciativas enmárcanse dentro do plan de mellora do primeiro nivel asistencial que está a levar a cabo o goberno galego. En Ames o investimento superará os 2,3 millóns de euros.

Melloras en Bertamiráns

Jesús Vázquez Almuiña explicou que “estamos visitando este centro de saúde de Bertamiráns, que é un Punto de Atención Continuada, para unha comarca moi ampla. Estivemos revisando coa xefa de servizo e co coordinador de enfermaría obras para a súa mellora como poden ser a reparación de humidades, melloras de espazos como poden ser da área de recepción e atención da xente no centro. Deste xeito vamos a elaborar un proxecto, e posiblemente este mesmo ano vamos a iniciar estas obras, que pretenden a mellora de servizos e maila confortabilidade dos usuarios e usuarias”.

Satisfacción municipal

O alcalde de Ames, Jose Miñones, manifestou “é unha satisfacción ver como van avanzando as obras no centro de saúde do Milladoiro, posto que era unha demanda de moitos anos, que non se desbloqueou ata que fomos quen de desbloquear a cuestión urbanística da parcela. É algo que todo o Milladoiro estaba a pedir dende fai moitos anos, polo que ver agora como avanzan as obras a bo ritmo é satisfactorio para todos”. En canto ao remate das obras, Miñones dixo “están a falar de finais de ano, incluso do mes de novembro, aínda que xa sabemos como son as obras, que se poden atrasar algo máis”.

Por outra banda, o rexedor municipal, destacou que “durante a redacción do proxecto, insistimos moito en que o centro de saúde quedase encadrado dentro do entorno urbanístico que vai ter este S15, e o desenvolvemento do Milladoiro. Tamén insistimos que estivese conectado coa Travesía do Porto, onde cumprimos coa nosa palabra de dotala dun espazo aberto que agora terá continuidade coa apertura deste centro de saúde. O que nos interesa é que se acaben as obras canto antes, que vaia avanzando, e que os veciños e veciñas teñan o antes posible ese centro de saúde que levan anos demandando”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial