O novo de Keanu Reeves e a vida en cine de Mary Shelley veñen de pasar polo gabinete de Mandingo

0

Dúas estreas na grande pantalla son as responsables da teima que ten o contacontos de Mandingo por abrirnos o apetito cinematográfico. A máis que aceptable SIBERIA, o novo de Keanu Reeves, e o excelente retrato que fai Haifaa Al-Mansour da autora do mito do moderno Prometeo.

Chega o cinema, o último traballo do actor Keanu Reeves, profesional da interpretación que ten sona de escoller con atino os seus roles cinematográficos. E o certo e que despois de trinta e tanto anos metido no negocio, a súa carreira ten moitos acertos e poucos fiascos. Actor que conseguiu quitarse o sanbenito de “intérprete de faciana guapa e pouco máis”, como tamén lle acontecese ao seu colega Di Caprio ou a Brad Pitt. Comediantes que o paso do tempo sentoulles coma aos bos viños.

Para o filme de hoxe, adapta o rol do traficante de diamantes estadounidense Lucas Hill, que ten que viaxar á Rusia do Putin para pechar un negocio co seu socio ruso Pyotr. Polo medio, vanse meter as mafias de turno, a competencia dos sudafricanos, as forzas especiais da antiga KGB e unha moza cos seus sobreprotectores irmáns, nunha aldea perdida na Siberia onde o profeta soltou Os Tres Berros.

Adaptando a historia de Stephen Hamel, polo guionista e tamén escritor Scott B. Smith, -que moitos de vos lembrades polo bo guión feito para o filme de Sam Raimi, A SIMPLE PLAN (1998)- o filme evoluciona dende a óptica do thriller camiñando ao inesperado romance que tal e coma sospeitabamos nada bo pode traer no desenlace final. E aínda a risco de lanzar un spoiler, teño que recoñecer que o epílogo sorprendeume, non polo que acontece, senón por coma está filmado e editado (moito do mérito e pola montaxe de Louise Ford, a mesma que deixara a súa sinatura na notable THE WITCH (2015), obra claustrofóbica e de atmosferas plúmbeas).

Matthew Ross, o director da película, propón unha interesante intro, xogando coas lendas de crédito; unha arte menor que moitos consideran prescindible (Woody Allen, sen ir máis lonxe), pero que deu mostras no pasado de grande logro creativo dende as xoias realizadas por Saul Bass, ata pasar por títulos coma WEST SIDE STORY (1961) ou CATCH ME IF YOU CAN (2002).

Aínda que é un filme que ten bo manexo do tempo narrativo, as propostas argumentais languidecen conforme a metraxe avanza. Non é unha mala historia, pero o fío principal esvaécese innecesariamente, para darlle relevancia o romance (pelín forzado) dos protagonistas.  Entendo que a idea era dar unha volta de torca orixinal as producións que estamos acostumados a ver, e case o consegue, pero queda a sensación de perda no potencial que tiña a produción.

Non quero dicir con isto que non mereza a pena botarlle unha ollada o filme, pero vexo un resultado lixeiramente menor ó imaxinado mentres visionamos o filme. Tanto as relacións que mantén Hill co mafioso ruso, coma as que ten co seu amigo sudafricano daban para moita máis enxundia emocional. Quédome coa boa química que hai na aldea cos lugareños, do mellor do filme, e que non sei por qué, lembroume a serie NORTHERN EXPOSURE (1990-95), aquela mítica produción televisiva rodada na Alaska máis máxica.

Coma curiosidade, no filme, a rapaza rusa dille a Hill “na Rusia, cando non queres respostar unha pregunta, fas outra”. Demo!;  coma nós, os galegos!.

Xa o dicía ó Eugenio: “moitos rusos, na Rusia”.

E coma proposta  maior, aplaudo con entusiasmo a segunda longametraxe da primeira cineasta de Arabia Saudí, Haifaa Al-Mansour, responsable de levar ao cinema a tortuosa vida da escritora Mary Shelley, autora desa novela gótica lexendaria que é o FRANKENSTEIN.

Cento vinte minutos de cine de moi coidadas calidades, xogando cun virtuosismo estético, apoiado pola sobresaínte fotografía de David Ungaro -que non facía sospeitar tales achados, despois de ver hai anos o seu discreto traballo no filme LE PRÉNOM (2012)-. Fermosamente filmada a agreste natureza salvaxe da Escocia húmida e nubrada que contrasta coa sucia e escura capital inglesa. Destaco a iluminación nos interiores coa luz saída tan só das velas de cera, os claroescuros, tan barrocos e tan románticos da época.

Por non mencionar coma encaixa perfectamente, os traballos na arte (o manuscrito orixinal é un calco exacto do real), nos decorados (a labor que fai Kevin Downey ten o grande nivel que amosara na excelsa PENNY DREADFUL) , nos vestiarios… Produción elegante de moito mérito que só por isto xa paga a pena disfrutar.

Pero hai moito máis, nesta MARY SHELLEY (2017).

A actriz Elle Faning, interpreta coa mirada (non tod@s son capaces), coa súa respiración, coa medida indignación ante as actitudes machistas da época e que rebélase e négase a aceptala súa sorte vital. Os pais da Shelley, pertenceron o Partido Radical inglés e a súa nai foi precursora do Movemento Feminista. Mary, con tan só 16 anos, rompe cos seus asfixiantes lazos familiares e fuxe a fume de carozo a vivir a súa vida, escapando da librería do seu pai, coma faría un reiseñor ante a porta aberta da súa xaula.

Filme de simbolismo nas imaxes, cunha omnipresente B.S.O. (excesiva) e sobre todo cuns memorables diálogos escritos en grande parte pola propia directora e por Emma Jensen, que escribe a seu primeiro guión, respectando en grande medida, os feitos históricos que aconteceron na vida da escritora. A reunión na Xenebra helvética con Polidori e Byron é un goce para os sentidos, conseguindo meternos dentro das decadentes propostas que fan os protagonistas.

Gañoume a riqueza ornamental na fala da parella Mary-Percey e sorrío imaxinando a petición do home para que lle pase as sales. “Que a túa liviana man, recolla a pulcra orfebrería que contén as brancas e xalgadas perlas do mar e que no seu armonioso desprazamento, chegue a boa singladura, na beira da miña afrancesada porcelana”. Ou algo así…

Con tan só dezaoito anos, Mary Shelley escribiu unha historia tremendamente autobiográfica, sobre o abandono, a vinganza anhelada polos tormentos sufridos pola “criatura”, un trasunto dela mesma. Esa creación obra da man dun narcisista irresponsable, que se tan só dixera unhas verbas amables ante o monstruo deforme, o devenir do mesmo houbera sido ben distinto…

Pero non, non hai redención posible, e tanto Shelley coma a súa creación viron a este mundo para seres abandoados.

Moi boa película.

“Con estas palabras saltou pola xanela do camarote á balsa que flotaba xunto ao barco. Pronto as ondas afastárono, e perdeuse na escuridade e na distancia”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial