O Obradoiro non consegue volver de Tenerife coa vitoria

0

Compostela, 21 de maio do 2018 – Coa baixa de última hora de  Matt Thomas, o  Monbus Obradoiro afrontou o encontro ante  Ibertostar Tenerife desde o minuto uno con toda a intensidade e garra requiridas pero, tras un partido igualado, a vitoria quedou finalmente no Santiago Martín (73-69).

Sàbat,  Llovet,  Pustovyi,  Simons e Navarro foron os encargados de iniciar o partido en pista, mirando ao aro e anotando con facilidade, ademais de defender intensamente. Así, o conxunto galego marcouse un parcial de 4-18 tras un triplo de  Sàbat, un 2+1 de  Pustovyi , unha bandexa de Navarro e oito puntos sucesivos de  Simons no  ecuador do cuarto. Pero os de  Tenerife enseguida reaccionaron da man de  Vasileiadis,  Ponitka e  Bassas en ataque e apertando en defensa, freando ao conxunto galego e dándolle a volta ao partido cun parcial de 14-2. O cuarto finalizou cunha vantaxe de dous puntos para os de Moncho Fernández (18-20), e un 3-6 en faltas.

O  arreón final do  Iberostar Tenerife demostrou que sería un partido sufrido e igualado. Volveu saír intenso o  Monbus Obradoiro, anotando cinco puntos nas dúas primeiras posesións cun triplo de Pozas e un  palmeo de  Spires (18-25) pero bloqueouse o conxunto galego e o acerto decaeu. Non deixaron de mirar ao aro os xogadores de Moncho Fernández pero non entraban. O equipo non baixou o ritmo en defensa, o que lle permitiu chegar ao descanso dous puntos por baixo do marcador tras unha bandexa de Navarro (29-27).

O conxunto compostelán regresou dos vestiarios concienciado de que debía mellorar o acerto e manter a intensidade en defensa. Nos primeiros ataques sucedéronse intercambios de canastra que mantiñan a igualdade, ata que  Simons de novo desde a liña de 6,75 puxo ao seu equipo por encima no marcador (37-40). Pero respondeu o  Iberostar, con San Miguel e un inspirado  Ponitka (lanzou ata 13 tiros libres, por 11 de todo o conxunto visitante), que anotaron un parcial de 12-0 (49-40) que facía perigar o partido. Os galegos non ían renderse e demostrárono axustando de novo o marcador tras os triplos de Corbacho e  Simons para finalizar o terceiro tempo cun 52-48 no electrónico.

Quedaba todo por decidir nun último cuarto que se prevía na mesma liña que o resto do partido. O  Monbus Obradoiro soubo atopar as vantaxes na pintura, dando balóns a  Pustovyi e  Radovic, mentres que os tinerfeños atopábanse cómodos desde o triplo. Remaban por detrás no marcador os de Moncho Fernández ata que  Sàbat anotou desde o triplo para igualar o encontro a falta de 5 minutos (60-60). Pero de novo  Ponitka respondeu con cinco puntos e  Vasileiadis sentenciou desde a liña de tiros libres e os de Moncho Fernández, a pesar de pelexalo ata os segundos finais, non se puideron facer coa vitoria, que quedou nas illas (73-69).

O  Monbus Obradoiro despedirase da tempada ante a súa afección o vindeiro xoves, ás 20:30 horas, recibindo ao  Kirolbet  Baskonia. Os abonados que non retirasen a entrada de agasallo para o partido ante o Real Betis Enerxía Plus poden facelo para o deste xoves a través da páxina web do club, accedendo co seu usuario e contrasinal.

Ficha técnica

Iberostar Tenerife 73: San Miguel (7),  Akognon (5),  Ponitka (23),  Abromaitis (5),  Tobey (5) -inicial-,  Niang (-),  Bassas (3), Odiase (-), Vázquez (2),  Beirán (5) e  Vasileiadis (18).

Monbus Obradoiro 69:  Sàbat (9), Navarro (6),  Simons (24),  Llovet (2),  Pustovyi (16) -inicial-,  Radovic (4),  Spires (2), Corbacho (3), Pozas (3) e  Laksa (-).

Árbitros: Martín  Betrán,  Aliaga e Torres.

Parciais: 18-20, 11-7, 25-24 e 19-18.

Incidencias: Partido correspondente á 33º xornada da liga Endesa que se disputou no Pavillón Insular de Deportes Santiago Martín ante 5.096 espectadores.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial