займ срочно

O Obradoiro perde outra prórroga ante o estudiantes (112-116)

0

Compostela, 23 de abril do 2018 – Íñigo  Caínzos – O  Monbus Obradoiro volveu caer nun partido a cara ou  cruz. Outra vez na prórroga, por terceiro partido consecutivo, os  obradoiristas dobraron o xeonllo ante o seu rival. Nun partido de récords, o Movistar Estudantes levou a vitoria fronte a un  Monbus Obradoiro que acabou  extenuado e con catro xogadores eliminados por faltas persoais.

Fixo moitas cousas ben o  Monbus Obradoiro pero non foron suficientes para cantar a duodécima vitoria da tempada. Valoraron máis os de Moncho Fernández (119 fronte a 116) pero fallaron nos pequenos detalles. As bandexas falladas debaixo do taboleiro e os 14 tiros libres que se foron ao limbo minaron boa parte das opcións de triunfo do  Monbus Obradoiro ente o Estudiantes. Nunca antes o  Obradoiro anotara tantos puntos, pero nunca antes, en era ACB, o Movistar sumara tanto. Un partido de récord con 32 triplos entre ambas as escuadras, o segundo encontro con máis tiros de tres anotados en Liga Endesa.

Na escuadra  obradoirista sete homes estiveron por encima dos dobres díxitos de valoración:  Sàbat, que acabou rengueante por unha escordadura que sufriu nos primeiros compases do partido,  Simons,  Llovet,  Radovic, Pozas e Thomas. O escolta americano, ante as baixas no xogo exterior  obradoirista, asumiu o protagonismo anotador, con 29 puntos e 26 de valoración. Por parte do Movistar Estudantes foron seis os xogadores destacados:  Dagoberto Pena comezou moi ben, a mobilidade de  Caner- Medley e  Brown trouxo de cabeza aos defensores do  Monbus Obradoiro e  Hakanson, Cook e  Brizuela dinamitaron o aro galego en repetidas ocasións.

O inicio que asinou o  Monbus Obradoiro volveu ser esperanzador, con moita inspiración en ataque e o acerto de  Sàbat e Thomas en primeira instancia, despois de  Simons. Á efectividade dos tres xogadores que iniciaron o partido por fóra sumouse  Artem  Pustovyi, moi intelixente por dentro, aproveitándose de Alec  Brown. No primeiros cinco minutos o  Monbus Obradoiro  bordou o baloncesto e reflectiuno no marcador con doce puntos de renda (22-10). Pouco tardou o Estudiantes en  reabastecerse. Primeiro blindáronse en defensa os de Salva Maldonado e despois atoparon a Alec  Brown e  Caner- Medley en ataque. Os homes altos do combinado madrileño foron  indescifrables para os seus defensores galegos. Se se lles daba espazo para tirar de lonxe anotaban de tres. Se se lles defendía moi de preto, atacaban o aro con furia aproveitando os bloqueos indirectos (25-21).

As mellores sensacións estudiantís mantivéronse durante o segundo cuarto cando ingresou en cancha  Ludde  Hakanson. O base do Movistar Estudiantes  volteou o marcador e puxo patas para arriba o partido con catro triplos seguidos sen fallo. Catorce puntos consecutivos para  Hakanson, que anotou de forma  indistinta, liberado e tamén ben defendido.  Punteado polos interiores  obradoiristas ou caéndose,  Hakanson anotaba sempre para incredulidade e desesperación da afección santiaguesa. Non conseguiu pechar o  Monbus Obradoiro o buraco aberto na súa retagarda a base de triplos, pero atopou consolo no  espigado  Pustovyi (13 puntos ao descanso), fino preto do aro nos dous primeiros cuartos. Tamén emerxeu a figura de Thomas para dar aire aos santiagueses antes do tempo de asueto (44-48).

Nos primeiros instantes da continuación mellorou as súas prestacións defensivas o combinado de Moncho Fernández. Os triplos deixaron de entrarlle por uns momentos aos colexiais que tampouco atoparon solucións preto do aro. Foron bos minutos de  Radovic por dentro mentres que  Simons e Thomas osixenaron ao  Monbus Obradoiro por fóra.

Cando volvían disputar os mellores minutos os locais Salva Maldonado recorreu de novo ao ex  obradoirista  Brown. Alec concluíu a contenda con 16 puntos, sempre perigoso desde a longa distancia. A el uniuse  Omar Cook que contribuíu a neutralizar a escapada  obradoirista e a devolverlle a iniciativa ao Movistar. O 10 colexial acabou con 17 puntos e nove asistencias para 21 de valoración (72-75).

O último cuarto prevíase dramático e igualado, cada vez máis  trabado polas faltas (63 entre os dous equipos ao final do encontro) . Pagaron especialmente  Spires e  Pustovyi, os dous pivotes do  Monbus Obradoiro, eliminados antes de que concluísen os 40 minutos regulamentarios. Unha e outra vez tivéronse que  reinventar os de Moncho Fernández, sen os centímetros dos seus dous teitos e sen o  comodín  Bendzius, baixa por molestias. Actuou como home versátil Ben  Simons, un intre de tres e outro de catro, acertado desde o triplo (4 de 7) con 17 puntos e 18 de valoración ao final. O expediente do americano foi notable.  Antes de chegar á prórroga, o  Monbus Obradoiro tivo que nadar moito  contracorrente porque  Hakanson apareceu de novo con dous triplos para deixar aos galegos case na lona (77-84,  min 32). De novo volveu sacar a relucir o seu orgullo o cadro adestrado por Moncho Fernández. O que lle fallou, nesta ocasión aos  obradoiristas, foi o acerto en tiros libres. As concesións desde o 4,60 deron moita vida ao Estudantes (98-98).

Sen  Pustovyi e sen  Spires afrontou o tempo extra o  Monbus Obradoiro con outros dous  xogadores,  Llovet e Pozas, con catro faltas persoais cada un. Aguantou Pepe pero tamén lle sinalaron a quinta a  Llovet, cando os locais xa xogaban á desesperada, tamén sen  Matt Thomas. A pesar da baixa da súa referencia ofensiva resistiuse a tirar a toalla o equipo galego, grazas a  Simons, con Pozas e Navarro xogando por fóra, acompañados polo rengueante  Sàbat. Cun quinteto moi baixiño, esixido polas circunstancias, combateu ata o último alento o  Monbus Obradoiro. Con moita rabia celebrou o Movistar Estudantes unha vitoria importante que lles permite seguir loitando por entrar no  Playoff.

Cansos e  extenuados agradeceron os xogadores o apoio á afección. Lamentaron a mala fortuna que acompaña ao equipo nas últimas xornadas, con tres partidos consecutivos caendo na prórroga, poñendo a mira xa en Andorra, onde xogarán o vindeiro sábado (21:00 horas) antes de volver a casa para medirse ao  Retabet Bilbao  Basket (sábado 5, 19:00) e ao Real Betis Enerxía Plus (sábado 12, 19:00 horas).

Ficha técnica

Monbus Obradoiro 112:  Sàbat (9), Thomas (29),  Simons (17),  Llovet (14),  Pustovyi (15) – quinteto inicial –  Radovic (10),  Spires (2), Navarro (8),  Bendzius (-), Corbacho (-), Pozas (8) e  Laksa (-).

Movistar Estudantes 116:  Cvetkovic (0), Cook (17), Pena (11),  Suton (3),  Brown (16) – quinteto inicial –  Hakanson (22),  Brizuela (24),  Vicedo (6),  Savané (0),  Caner- Medley (11) e Arteaga (6).

Árbitros: M. A. Pérez Pérez,  Sergio Manual e Esperanza  Mendoza. Eliminaron por faltas a Nacho  Llovet,  Artem  Pustovyi,  Nick  Spires e  Matt Thomas, do  Monbus Obradoiro.

Parciais: 25-21, 19-27, 28-27, 26-23 e 14-18.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 29 da liga Endesa, disputado no Multiusos Fontes  do Sar ante 4.946 espectadores.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies