O Oroso Tenis de mesa feminino seguirá na superdivisión nacional

0

Oroso, 24 de abril do 2018 –  Este domingo disputouse a última xornada das ligas nacionais e galegas de tenis de mesa. Emoción ata o último minuto na  Superdivisión Nacional Feminina, máxima liga nacional do tenis de mesa, onde o Oroso Tenis de Mesa necesitaba o milagre para poder manter a categoría.

Nunha liga  complicadísima este ano, con equipos moi fortes e de moito maior orzamento que o Oroso Tenis de Mesa  ABANCA, o conxunto  orosino empezou mal a tempada en outubro, e non conseguiu saír dos postos de descenso nos 7 meses que durou a competición. Cando xa ninguén apostaba por elas, o club decidiu facer un esforzo titánico, e con axuda dos socios e a directiva, reforzouse na segunda volta con dúas xogadoras que axudaron ao equipo en 4 partidos da segunda volta. Ambas as incorporacións, xunto ás xogadoras habituais de toda a tempada do equipo, serían as encargadas de tentar o milagre.

A pesar de todo, chegados a esta última xornada, a situación seguía sendo agónica, e necesitábase unha tripla carambola para alcanzar o milagre: o Oroso  ABANCA debía impoñerse ao  ETM  Torrelavega o domingo pola mañá en casa e esperar os resultados do  Cocvisa Santa Eulalia de Eivissa, que debía perder os seus dous encontros como local, o sábado ante o  UCAM Cartaxena e o domingo ante as catalás do  Girbau  Vic. Se calquera destas tres premisas non se cumpría, o Oroso  ABANCA perdería a categoría. Pero sucedeu. Durante toda a mañá do sábado o club estivo pendente de teléfono e internet, e levaba a primeira “alegría” tras ceder o Eivissa por 1-4 ante o Cartaxena. O domingo ás 10:30 as de Oroso empezaban o seu enfrontamento moi nerviosas, o que provocaba que o  ETM  Torrelavega adiantásese no marcador nada máis comezar o encontro, caendo o primeiro dos partidos individuais para o lado das cántabras. Pero o equipo soubo reaccionar e acabou impoñéndose por 4-1 e sumando os dous puntos que necesitaban para empatar co  Cocvisa de Eivissa. Con todo, aínda non se podía celebrar nada… a vitoria non sería suficiente se o Eivissa vencía ao  Vic, e o seu partido comezara ás 12:00 da mañá do domingo, polo que só quedaba esperar, sentados no chan da pista do pavillón, pendentes do móbil e cos dedos cruzados, que se producise o milagre….. Tras unha agónica espera, nun dos móbiles do club recibíase unha mensaxe coa esperada noticia: o  Vic vencía en Eivissa, o Oroso  ABANCA cumpría o seu soño de poder seguir, un ano máis, na máxima categoría nacional e desatábase a festa…afeccionados, xogadores e seguidores celebrárono primeiro nas instalacións do Juanito Amigo de Sigüeiro para despois continuar ata caída a tarde. A alegría non era para menos.

Acábase así unha longa agonía de 7 meses para o club que viu máis preto que nunca a posibilidade de que desaparecese o único equipo de calquera deporte na máxima categoría nacional co que conta o  Concello. Pero comeza agora outro periplo non menos complicado. Tras o titánico esforzo deste ano, a directiva enfróntase agora á  complicadísima misión de buscar fondos que permitan competir ao equipo a próxima tempada. Desde a xunta directiva lamentan a falta de axudas tanto públicas como privadas para un deporte minoritario como o tenis de mesa. As axudas privadas son practicamente inexistentes, as empresas prefiren apostar por deportes maioritarios como o fútbol ou o baloncesto; mentres que as axudas públicas son cada vez máis escasas e claramente insuficientes para un equipo que se ten que desprazar por todo o territorio nacional durante 7-8 meses e que terá que competir con orzamentos ata 10 veces maiores. “Queremos pedir a empresas e administracións públicas que crean no noso proxecto, e non só falamos da elite; cada ano chegamos ata máis de 1600 escolares en xornadas de promoción que realizamos de forma completamente altruísta porque queremos dar a coñecer este marabilloso deporte. Pedimos que aposten polo deporte basee, polo deporte feminino e polo deporte minoritario, porque somos os que máis o necesitamos e os que con menos somos capaces de facer moito máis” – afirman desde a Directiva do Club. Só queda pouco máis dun mes para que o equipo deba depositar os avais na Federación Española e formalizar a súa inscrición para a próxima tempada. Comeza a nova atrás e unha nova agonía para o club que tentará, unha vez máis, lograr un novo milagre, esta vez, económico.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies