A piques de empaquetala maleta para volver a Vella Europa (senón remato antes no Guantánamo), aproveitamos nosa estadía nos EE.UU. para ollar o tremendo filme A PRIVATE WAR, sen data de estrea polo de agora no Estado español pero tamén para recomendarvos a comedia negra MATAR A DIOS, a curiosa WILDLIFE  ópera prima do notable actor Paul Dano e a agardadísima pirotecnia da ALITA: BATTLE ANGEL do rexuvenecido Robert Rodriguez.

Pero non adiantemos acontecementos e comecemos cunha proposta simpática sen moitas esixencias, MATAR A DIOS a primeira longametraxe dos cataláns Caye Casas e Albert Pintó que, na mellor tradición irreverente patria doutros cineastas coma La Cuadrilla ou Álex de la Iglesia, presentan nunha coñecida plataforma dixital esta acertada e modesta produción onde catro familiares van festexar o Fin de Ano nunha moi afastada e lúgubre casa rural da Cataluña máis profunda.

Coma quinto invitado non agardado preséntase un anano indixente, irreverente e mal falado que di ser o propio Deus e que ten unha proposta que facerlles aos catro paspáns queiran ou non.

Así no comezo soa ben, verdade?. Pois ese foi o principal argumento que meu lado nerd esgrimiu para convencer a outra parte, aquela que activa o meu sentido arácnido cando imos caer na trampa dos filmes que non paga pena ollar.

Por fortuna MATAR A DIOS é un lixeiro entretemento que cumpre con moita dignidade, cuns diálogos ben traballados e cunhas actuacións moi dignas (especial relevancia na actriz Itziar Castro e a boa química que ten co actor Eduardo Antuña, que lembramos da ácrata MAMÁ ES BOBA (1997) de Santiago Lorenzo).

Filme que non da moito máis pero que tampouco pretende enganarnos con sisudas reflexións existencialistas. Coma sesión golfa doméstica funciona perfectamente aínda que das últimas películas de xénero fantástico feitas no Estado español, teño que recoñecer que o ERREMENTARI (2017) de Paul Urkijo segue sendo un feliz achado do talentoso cineasta vasco.

E xa que falamos de cine cunhas certas orixinalidades, imos abordar a estrea coma director do actor Paul Dano, que moitos lembraredes polas magníficas interpretacións que soe realizar na súa nova pero xa cuantiosa carreira. Non ten moita sona por estas terras e incluso no seu país vai un pouco encasillado nas producións indies pero abofé que coma actor ten o miña estima.

E coma director, para ser o seu primeiro filme aproba con nota aceptable aínda ca historia que vemos non sexa especialmente interesante. Dano adapta no filme WILDLIFE a novela homónima escrita no 1990 por Richard Ford. É Ford un escritor moi reputado nos EE.UU. que suxeriulle o propio Dano que centrara os seus esforzos narrativos no matrimonio protagonista e as complexas relacións que teñen entre eles e cos seus veciños. Liberoulle da carga de traducir nas imaxes o texto denso e semi-autobiográfico do novelista, pero o filme sendo interesante, non profunda nas cargas dramáticas e na manifesta incapacidade dos proxenitores na hora de asumilas súas responsabilidades.

Ten un termo medio na exposición das motivacións dos personaxes e o bo traballo tanto de Carey Mulligan coma de Jake Gyllenhaal desaproveitase polo escaso brío na maneira de expor as resolucións dos conflitos no fogar dos Brinson. Nin sequera a ollada incomprensible do fillo axuda a elevala emoción. Incomoda a simpleza da nai pero non indigna e debería, xa que ela autoincúlpase pola súa propia necedade ante a inercia nihilista do seu esposo. Pero non chega con iso. Para o exemplo, quedámonos coa nai solteira que Sean Baker brinda na formidable THE FLORIDA PROJECT (2017), película que non canso de recomendar sempre que teño a menor oportunidade.

Desaproveita Dano para abordar cuestións sociais e de clases que o filme estaba pedindo a berros. O que podemos sacar coma resumo do filme é, que algunhas persoas non deberían ter nunca descendencia.

E coma prato forte da crítica de hoxe unha formidable sorpresa na longametraxe A PRIVATE WAR (2018), debut cinematográfico do documentalista Matthew Heineman que tras ler o artigo de Marie Brenner sobre a vida e milagres da correspondente  Marie Colvin, chimpou do seu sofá e fixo seu a obriga de levar a grande pantalla os prodixios xornalísticos dunha periodista de vangarda, cunha valentía incrible e cunha determinación quixotesca na hora de abordar as crises globais na política mundial.

E para encarnar a lendaria profesional da información, que mellor ca actriz Rosemund Pike, que ofrece unha interpretación que roza na excelencia e supera incluso, o grande papel que fixera no grande filme da ano pasado BEIRUT. Ela e só ela, leva o peso do filme. ¡Magnífica!.

Xa sabedes que nas miñas críticas tento no caer nos spoilers e para esta ocasión teño que pedirvos que canta menos información teñades desta produción, moito mellor.

A PRIVATE WAR merece moito a pena, por filme imprescindible na súa denuncia dos crimes que dirixentes con egos sen mesura fan sen castigo ou ben co amparo das grandes potencias da quenda. Tamén é un fermoso canto a profesión de reporteiros de coraxe, da primeira liña na fronte. Mulleres e homes que arriscan as vidas por reportar informes gráficos, escritos coa sangue dos máis febles, case sempre nenos, mulleres e vellos.

Película tremenda si, pero que non cae na gratuidade das imaxes explícitas ou que busque unha bágoa fácil e sinxela. O pulso, sen mácula de Heineman, e digno de eloxio e de ter moi na conta dos seus futuros traballos.

Merco con ledicia a dura historia que vin. Déixame un poso de atemperar os meus ánimos ante as barbaries que bestas disfrazadas de homes son capaces de facer.

A PRIVATE WAR sen ser unha obra mestra, é un filme necesario e imprescindible.

E coma colofón neste derradeiro venres de febreiro aterramos coa que pode que sexa un dos maiores éxitos no Box-Office do 2019. Falamos, claro está da derradeira visión mesiánica do megalómano James Cameron. O cineasta estadounidense resume os catro -de nove- primeiros volumes do manga xurdido da atormentada mente de Yukito Kishiro, GUNNM, que tras algúns trocos no seu título no Occidente coñecémola coma ALITA.

Cameron, coma Tarantino, só dirixe o que escribe e rara vez escribe algo para outro directores. Nesta ocasión, tras unha serie de propostas e posibilidades, que afórrovos na explicación, ofrece a Robert Rodriguez  comandar un proxecto de 200 millóns de dólares comprimidos nas 135 páxinas dun guión escrito xunto a Laeta Kalogridis, que ten a dubidosa honra de sela autora do script da infame ALTERED CARBON (2018- ), pero tamén da moi interesante NOCHNOY DOZOR (2004) de Timur Bekmambetov.

Estamos polo ano 2.500, tres séculos despois da “Caída”; cataclismo bélico que deixou a civilización humana case tan deshumanizada coma vista no BLADE RUNNER (1982) de Scott. Aquí non van nexus-6, pero a robotización convive cos humanos sen moitos problemas. Cunha moi potente dirección artística  e de produción, ALITA: BATTLE ANGEL rende pleitesía ao imaxinario desa obra mestra absoluta do cinema que é o BRAZIL (1985) do noso admirado Terry Gilliam, do barroquismo visual inventado por Moebius, do ROLLERBALL (1975) de Jewison, do READY PLAYER ONE (2018) de Spileberg, as montañas do lixo do WALL-E (2008) de Stanton, en fin, nada orixinal… pero todo moi ben ganduxado.

Ese é un bo punto de partida. Outro acerto é tentar contar unha historia traballada, afastada dos tópicos máis previsibles e que por sorte tampouco cae nas caricaturas dos protagonistas nin dos seus antagonistas. Non digo que sexa un prodixio rubricado polo mellor David Mamet, pero polo menos algo de esmero e esforzo descubrimos no seu discurso narrativo.

Se a recadación é positiva (e sospeito que vai sela), a idea de Cameron é facer unha triloxía para poder abarcar a totalidade de “ovas” imaxinadas por Kishiro. Ben pola tentativa de ofertar un filme para case tódolos públicos (non é filme para os cativos) e se as calidades son as mesmas cas gozadas nesta longa, merco as dúas secuelas.

Coma nota curiosa, as homenaxes sen disimulo de moitos filmes míticos, pero especialmente as referidas na franquía de do CSM-101 protagonizado por Schwarzenegger. Falo da lenda co Terminator dille no filme de 1991 a un mozo John Connor sobre a súa capacidade de ver pola noite a escuras, mentres foxen nun auto. “I see everything” dille. Xusto a mesma frase e co mesmo ton de voz que dille Nova a Alita, usando o corpo de Vector. Fíxome moita graza, pero é que son así e non podo evitalo. Algúns lectores estarán sorrindo coa complicidade propia do fandom nerd. Frikadas ao marxe, é o bo que ten ver os filmes na súa V.O.S.

Teño que rematar por hoxe. Un avión agarda por min e sospeito que non espera a ninguén que non chegue coa precisa puntualidade.

Espero que a volta no meu fogar, non atope coma na novela de Pierre Boulle, uns simios gobernando o pais.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial