O Pazo de Raxoi de Compostela xa ten un Plan Director

0

Compostela, 4 de decembro do 2018 – O Consorcio de Santiago xa dispón do Plan Director do Pazo de Raxoi, catalogado como Nivel 1 no Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica.

No Plan Especial recóllese que as actuacións nos edificios catalogados con este nivel deben rexerse por un Plan Director de Restauración. Nesta liña, dentro da planificación cuatrienal do Consorcio de Santiago, redactouse o Plan Director do Pazo de Raxoi, tal como fixera o Consorcio co Plan Director do conxunto de San Domingos de Bonaval e como está a facer nestes intres co edificio da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago.

O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Xosé Allegue, explica que “o Plan Director será o documento guía para a axeitada conservación, restauración e sostibilidade do monumento”. Salienta que ten dúas finalidades básicas. Por un lado, facilitar un estado de conservación e mantemento adecuado ao valor patrimonial do edificio de uso civil máis importante da cidade e un dos máis relevantes do neoclásico en Galicia; e, polo outro, mellorar as condicións de traballo dos funcionarios municipais, dos da Consellería de Presidencia e do Consello da Cultura Galega.

O Plan establece as pautas de restauración en función dun estudo previo exhaustivo do inmoble. Faise un diagnóstico dos principais problemas existentes como o estado das instalacións, da cuberta, a accesibilidade, a limitada comunicación entre os diferentes andares… así como a humidade ou a falta de eficiencia enerxética -nestes dous aspectos xa está a intervir o Consorcio de Santiago-. Ademais, recoméndase adaptar as instalacións aos usos actuais do inmoble. Propóñense solucións a cada un dos problemas detectados e priorízanse as intervencións a través dun plan de actuacións e investimentos. Nesta liña, saliéntase que “a eficiencia enerxética pode mellorarse a través do illamento das ventás e da intervención na cuberta, empregando sistemas de climatización máis eficientes. No relativo á accesibilidade, ademais da eliminación das barreiras arquitectónicas, recoméndase levar a cabo unha adaptación dos ascensores, o cal sería posible coa tecnoloxía actual” tal como asegura un dos arquitectos responsables da redacción do Plan, Alberto Redondo. No Plan resáltase que o edificio conta con espazos de gran valor patrimonial que cómpre recuperar e facelos visitables como os antigos cárceres ou as dúas capelas que posúe

Por outro lado, ponse de relevo que o edificio conta cunha serie de recunchos moi interesantes dende o punto de vista patrimonial e moi descoñecidos. “Moi pouca xente sabe que posúe dúas capelas ou que noutra época albergaba dous cárceres. Son espazos que cómpre recuperar e facelos visitables” -resalta o arquitecto-. O Plan Director recolle tamén un estudo histórico do edificio, en particular das intervencións que se realizaron ao longo dos anos e as transformacións que se foron producindo no mesmo. “O Pazo de Raxoi construíuse como Seminario de Confesores, promovido polo arcebispo Raxoi en 1766, mentres que a ala norte albergaba as oficinas do Concello. Despois os andares -1 e -2 acolleron un cárcere civil e outro eclesiástico. Co tempo fóronse sucedendo cambios na propiedade e nos usos do edificio, cunha serie de actuacións, obras e reformas” -indica Redondo-.

Durante estes dous anos, unha comisión constituída por representantes do Concello de Santiago, da Consellería de Presidencia, do Consello da Cultura Galega, da Secretaría Xeral de Patrimonio da Consellería de Facenda, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e do Consorcio, analizaron fase a fase todas as investigacións e propostas realizadas, alcanzando un nivel de colaboración que permitiu culminar o proceso de redacción do Plan. O Consorcio de Santiago agradece a todos eles o traballo e a dedicación.

A partir deste momento, o Plan inicia a súa tramitación administrativa, solicitando os informes pertinentes, ata acadar a súa aprobación definitiva.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial