O Pleno de Lousame rexeita a instalación do vertedoiro

0

Villaverde anuncia que o Concello presentará alegacións ao proxecto, para o cal xa encargou un estudo externo e consultará cos Servizos Xurídicos da Deputación

Lousame, 10 de outubro do 2016.- O Pleno Municipal de Lousame aprobou esta mañá unha moción presentada pola Plataforma contra o novo vertedoiro de residuos industriais en Lousame pola que “manifesta o rexeitamento da Corporación á instalación do vertedoiro pretendido por Gestora de Residuos del Noroeste SL por danar os intereses sociais, económicos e medioambientais do concello, das aldeas da contorna inmediata e da comarca”. Ademais, o pleno acordou “declararse contrario á centralización do almacenamento e xestión de residuos industriais perigosos e non perigosos neste concello, o cal resulta antieconómico e medioambientalmente obsoleto”.

A moción da Plataforma foi aprobada cos dous votos a favor do Partido da Terra e do BNG e coas nove abstencións do PP e do PSOE, que coincidiron na necesidade de conseguir máis información antes de presentar calquera alegación ao proxecto e acordaron con todos os grupos municipais a creación dunha Comisión Municipal de Seguimento. “O máis fácil é poñerse na rúa. Hai que ter todos os argumentos e nós aínda non os temos. O máis fácil é dicir non sen ter ningún dato. Por iso agradezo ao PSOE que recolla información porque iso é o responsable: facer alegacións cun estudo e que se reúna a Comisión de Seguimento”, explicou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde.

Informes técnicos

A alcaldesa recordou que “mantivemos reunións cos veciños das aldeas afectadas e seguiremos facéndoas” e anunciou que “encargamos a enxeñeiros un estudo técnico sobre o proxecto e esta semana reunireime cos Servizos Xurídicos da Deputación para que tamén o estuden. Imos facer alegacións e os veciños estarán apoiados polos servizos técnicos municipais. Pero calquera alegación ten que estar ben fundamentada e aínda non temos toda a información precisa”.

Neste sentido, Villaverde fixo un chamamento á calma: “estamos ao inicio de todo o procedemento. O responsable é mirar o que é, facer alegacións e despois tomar unha decisión”. Así, lembrou que o proxecto non só ten que superar este período de exposición pública, aberto ata o día 20 de outubro, senón  moitos máis informes de organismos e entidades como Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Industria, a Dirección Xeral de Patrimonio, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a Dirección Xeral de Saúde Pública, a Federación Ecoloxista Galega ou a Sociedade Galega de Historia Natural.

Pola súa banda, o voceiro do PSOE, Julio Paradela, xustificou a abstención do seu grupo “pola falta de información. Estamos pendente de informes técnicos que pedimos. Cando cheguen a nós, informaremos aos veciños, á Plataforma e os poremos á súa disposición”. Neste sentido coincidiu coa alcaldesa en que “o que non pretendemos é dar pasos en falso” e fixo un chamamento á prudencia lembrando que “hai unha planta de compostaxe con 150 obreiros ao lado”.

O voceiro do Partido da Terra, José Rodríguez Cao, cualificou de “fantástica” a moción da Plataforma e mesmo propuxo que “o Concello de Lousame asuma o custo dos informes periciais necesarios para fundamentar as alegacións”. Ademais, solicitou que o informe urbanístico que ten que facer o Concello sexa avalado polo Pleno, cuestión rexeitada pola alcaldesa quen lembrou que “os Servizos Urbanísticos son os que dan os informes aténdose á Lei” e pediulle ao Partido da Terra que “cando haxa unha reunión, hai que escoitar”, en referencia ao seu abandono da reunión con responsables da empresa sen deixarlles sequera presentar o seu proxecto.

Pola súa banda, o voceiro do BNG, Amador Turnes, tamén pediu que o Concello “se persone no expediente administrativo formulando as alegacións que sexan necesarias” e indicou que “non nos parece boa idea chantar un vertedoiro de tales dimensións. É un despropósito”. Unha vez rematada a sesión, todos os grupos se reuniron para acordar a creación dunha Comisión de Seguimento sobre esta cuestión.

Conta Xeral

Finalmente, o pleno municipal aprobou tamén a Conta Xeral de 2015 cos 10 votos a favor de PP, PSOE e BNG e a abstención do Partido da Terra, que pediu que quedara sobre á mesa alegando que non dispuxeran da documentación precisa. Teresa Villaverde explicou que o motivo da convocatoria deste pleno extraordinario ás 9:30 horas radicaba na necesidade de presentar esta documentación hoxe e que deixalo sobre a mesa “o que causaría é un prexuízo grave para o Concello á hora de ter financiación para calquera proxecto”. Neste sentido, lembroulle ao concelleiro que dispón do informe de liquidación, que puido pedir ou consultar a documentación durante a semana pasada e mesmo que puido tela “na Comisión de Contas á que non acudiron”.

Así mesmo, o Pleno aprobou os días festivos para o 2017: o día de San Roquiño e o 25 de abril. A proposta foi aprobada cos 6 votos a favor do PP e as 5 abstencións de PSOE, BNG e Partido da Terra. O Partido da Terra e BNG propuxeron que se votara unha alternativa (25 de abril e 10 de marzo), que foi rexeitada cos 6 votos do PP, as 3 abstencións do PSOE e os 2 votos a favor dos partidos que propuñan a emenda.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial