O PP de Ames abandona o pleno por unha moción de Ames Novo sobre o Día da Muller

0

Ames, 2 de marzo do 2019 – Unha moción de Ames Novo, de apoio a folga feminista do Día da Muller, que incluía unha referencia a actitude da dereita foi o motivo de que o PP abandonara o pleno de febreiro.

Nun comunicado o Partido Popular argumentou que o abandono do pleno debeuse a que a moción era unha “falta de respeto as mulleres que representan”. O comunicado destacaba as chamadas da concelleira socialista ao consenso aínda que, tras marchar o PP a moción aprobouse por unanimidade. Os populares querían que se retirara da mesma un parágrafo que dicía “non podemos consentir retrocesos e ameazas expresas como os que estamos a ver nestes momentos, onde as mulleres e os seus dereitos son empregados como moeda de cambio. a dereita e extrema dereita non comezan polas mulleres ao azar: este tema da votos, porque o machismo e a misoxinia son transversais, e o feminismo é a maior forza contra eles, xa o dicía Simone de Beauvoir en 1949 no seu libro El segundo sexo.

Modificación da RPT

Por oitava vez desde que se aprobara a Relación de Postos de Traballo o pleno tivo que acometer unha nova modificación na mesma. En este caso os cambios, aprobados por unanimidade, darán cabida a creación dun posto de técnico/a de educación, Esta modificación foi aprobada o pasado 18 de febreiro en Mesa Xeral de Negociación. O obxectivo é que este/a técnico/a realice traballos de coordinación integral do departamento de Educación de cara a optimizar os recursos existentes en dito departamento.

Regulamento de participación cidadá

O pleno aprobou tamén o regulamento orgánico de Participación Cidadá. Este punto saíu adiante co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno e de Ames Novo, mentres que os/as edís de Pacto por Ames e Partido Popular, abstivéronse. O documento regula os dereitos da cidadanía, os órganos de participación cidadá e o tecido asociativo. Describe os dereitos da cidadanía á participación, ao acceso á información, así como o dereito a súa participación nas sesións plenarias ou de presentación de queixas, suxestións ou reclamacións, coa posta en marcha dunha Comisión especial. Ademais, regula a iniciativa popular, así como os órganos de participación a partir da Asemblea de participación cidadá, as Asembleas territoriais e os Consellos sectoriais, como os xa existentes de deportes, comunicación ou escolar que se puxeron en marcha neste último mandato.

Regulamento Escola de Verán e lúdicos

Saiu  adiante por unanimidade a aprobación inicial do regulamento da Escola de Verán e dos programa Lúdicos. A Escola de Verán ven funcionamento ininterrompidamente dende o ano 2004, pero carecendo dun regulamento de funcionamento. Unha vez sometido a consulta pública, na que se presentaron dúas suxestión (unha foi aprobada e outra rexeitada), agora dito regulamento aprobouse de xeito inicial.

Por outra banda, os programas lúdicos do Concello de Ames (Nadal lúdico, Entroido lúdico, Primavera lúdica, Xuño lúdico e Setembro lúdico) préstanse no concello dende o ano 2004 tendo como única regulación municipal a ordenanza fiscal da taxa pola prestación dos servizos complementarios educativos e de conciliación de vida familiar e laboral. Non existe regulamento de funcionamento deste servizo o cal resulta imprescindible, polo que o Pleno tamén aprobou este regulamento de xeito inicial.

Regulamento escola municipal de música

Tamén aprobouse de xeito definitivo o regulamento da Escola municipal de música, que foi aprobado cos votos a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno e de Ames Novo, mentres que os/as edís de Pacto por Ames e do Partido Popular votaron en contra. Este regulamento recolle a organización da Escola de Música, os recursos humanos e materiais, así como o funcionamento e réxime interior. Previamente foi sometido a exposición pública durante 30 días hábiles, rematados o pasado 15 de novembro, co obxectivo de que a veciñanza puidese facer as achegas que estimase oportuno. Dito regulamento foi probado, de xeito inicial, no pleno ordinario do pasado mes de decembro.

Melloras en camiños

Por último, abordouse unha proposta do goberno, presentada por vía de urxencia, para participar no Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020 de Agader. Así, aprobouse por unanimidade dos membros presentes o proxecto técnico denominado Camiño de Firmistáns a estrada de Tarrío e Camiño de Insua (praia fluvial de Tapia), que conta cun importe de execución por contrata de 52.250,22 euros. Deste importe 43.182 euros son achegados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, mentres que 9.068,22 euros (a parte correspondente ao IVE) son achegados polo Concello de Ames.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial