O proxecto Santiauga promove o consumo de auga da billa

0

Compostela, 14 de xuño do 2018 – O concello de Santiago da un paso máis no proxecto Santiauga e convén coa Asociación de Hostalería a promoción do consumo da auga da billa.

O convenio para a promoción do consumo da auga da billa foi presentado polo concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, e a presidenta da Asociación, Sara Santos. En virtude do acordo, Hostalería Compostela comprométese a darlle a máxima difusión e visibilidade ao proxecto Santiauga entre os seus socios, e a organizar sesións informativas para os establecementos interesados en participar na iniciativa. Na práctica, a asociación exercerá de mediadora entre os locais de hostalería que queiran participar no programa e o Concello. Pola súa parte, o Concello de Santiago comprométese a facer entrega dos materiais da campaña, como xerras ou carteis de mesa, aos establecementos interesados en participar no proxecto Santiauga.

Xan Duro e Sara Santos firmado o convenio para a promoción do consumo da auga da billaA presidenta de Hostalería Compostela mostrou a súa satisfacción por participar neste proxecto, que “se enmarca no compromiso da asociación co coidado do medio ambiente, e no obxectivo de termos unha cidade máis limpa e máis acolledora, como se merecen os clientes do sector, que son tanto os turistas como os propios veciños e veciñas de Santiago”. Sara Santos expresou o seu convencemento de que “serán moitos os establecementos que se incorporen á campaña, porque somos conscientes da responsabilidade que temos na xeración de residuos”.

Auga da billa de boa calidade

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que o convenio pretende “animar os establecementos de restauración, preferiblemente os que sirvan menú do día, a ofertar auga da billa para acompañar os xantares ou as ceas”. Para iso, o Concello repartirá as necesarias xerras co logo do programa. Xan Duro incidiu en que “esta práctica, que pode resultar novidosa en Compostela, leva anos funcionando con éxito en cidades de todo o mundo como París ou Nova York”.

A auga da traída de Compostela conta coa certificación ISO 22000 de seguridade alimentaria e control da inocuidade da auga potable, un recoñecemento implantado nas industrias alimentarias de referencia que se comezou a introducir tamén nalgúns abastecementos de auga de consumo humano. Ademais, estudos feitos en laboratorio sinalan que a auga da billa de Santiago ten niveis de calidade idénticos aos da auga embotellada, cun grao de mineralización débil, niveis intermedios de PH e baixo contido en sodio.

Compromiso co medio ambiente

Xan Duro reiterou que “o consumo da auga da billa é a mellor opción por calidade, sustentabilidade, prezo e saúde”. O concelleiro de Medio Ambiente lembrou “o enorme impacto que teñen os residuos plásticos, que se suma aos custos da auga embotellada. En cada unha delas, o 90% do prezo corresponde ao propio envase e o 10% ao produto en si”. O edil lembrou que o Goberno de Santiago e o sector hostaleiro veñen mantendo “unha colaboración activa en diferentes iniciativas que teñen como obxectivo reducir a produción de residuos no sector HORECA”.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies