займ срочно

O regulamento de comedores e a participación en distintas iniciativas centraron o pleno de Ames

0

Ames, 29 de outubro do 2018 –  Este xoves, 25 de setembro, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de outubro no que a Corporación municipal aprobou de xeito inicial o regulamento da Rede municipal de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas.

O pleno estivo presidido pola primeira tenente de alcalde e alcaldesa por delegación, Genma Otero, debido a que o alcalde, José Miñones, atópase de baixa temporal. En primeiro lugar, Genma Otero achegoulle ao Pleno a información sobre o período medio de pago a provedores que está en 8,62 días. A continuación, aprobáronse por unanimidade as actas dos plenos celebrados o 27 de setembro e mailo 10 de outubro, así como os textos refundidos do regulamento de bolsas de traballo e do Regulamento Orgánico Municipal (ROM).

O seguinte punto da orde do día foi a resolución de alegacións e aprobación definitiva da ordenanza para a protección dos camiños e vías públicas municipais. Este tema tamén saíu adiante por unanimidade. No pleno do pasado 28 de xuño prestouse aprobación inicial de dita ordenanza que foi sometida a exposición pública polo prazo de 30 días hábiles. Durante dito prazo de exposición pública presentouse unha única alegación por parte da Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Maderas de Galicia que foi rexeitada.

Plan normativo municipal 2019

En outubro de 2016 entrou en vigor a Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), momento dende o que é obrigatoria a aprobación do Plan normativo municipal. O obxectivo estratéxico desta nova planificación normativa na esfera local é aumentar a transparencia, reforzar a seguridade xurídica, facer predicible o ordenamento xurídico municipal e poñer en valor a normativa municipal, ordenanzas e regulamentos, como instrumentos de modernización da administración local e de servizo á cidadanía. Trátase dun plan anual que ten carácter orientativo, pero non vinculante.

O Plan normativo supón un conxunto de previsións temporais informativas para á cidadanía e orientadoras da actuación dos funcionarios e órganos municipais. Non obstante, non ten carácter vinculante e o desenvolvemento práctico da actividade normativa pode sufrir alteracións con respecto ó contido no Plan normativo municipal. Dende un punto de vista temporal o plan é anual, pero a planificación normativa necesariamente ten que contemplarse desde un marco plurianual que excede dos límites temporais do ano natural. Débese ter en conta que o proceso de redacción e aprobación pode afectar a un ámbito temporal posterior ó ano natural ao que se refire o Plan normativo. Este punto saíu adiante por unanimidade.

Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia

Outro dos temas aprobados por unanimidade foi a adhesión ao convenio de colaboración entre os Concellos de Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago para a delimitación do itinerario cultural do Camiño Inglés a Santiago de Compostela da ría de Muros e Noia. O obxectivo é acadar o recoñecemento deste Camiño como ruta histórica e posteriormente a súa declaración oficial como Camiño de Santiago.

Ames sería o único concello de Galicia en contar con tres rutas Xacobeas no seu territorio, xa que discorren tramos do Camiño Portugués e do Camiño Fisterra- Muxía aos que se incorporaría esta nova ruta. Para este fin o Concello de Ames tería que facer unha achega de 1.679,82 euros, a través dunha única anualidade e sendo esta de carácter puntual. O importe total que teñen que facer todos os Concellos é de 18.148,79 euros.

Asociación de entidades locais pola lingua galega

Asemade, aprobouse, tamén por unanimidade, a adhesión á Asociación de entidades locais pola lingua galega e unha proposta de estatutos. A materia sobre a que versa o convenio é a promoción da lingua galega, materia de competencia municipal, tal e como resulta de da Lei de normalización lingüística de Galicia e lexislación de réxime local. A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, explicou que o que agora manifesta o Pleno é a vontade de adherirse a dita asociación, que previsiblemente se constitúa no vindeiro mes de xaneiro.

Modificación do regulamento da rede municipal de comedores escolares

Por outra banda, aprobouse, de xeito inicial, a modificación do regulamento da Rede municipal de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno e dos grupos municipais do Partido Popular e de Pacto por Ames, mentres que os concelleiros/as de Ames Novo abstivéronse.  

O pasado 8 de outubro emitiuse unha proposta de modificación de dito regulamento, na que se propón a modificación do artigo 22 e do anexo III e que consiste en non vincular as prazas ocasionais ás dispoñibilidades de prazas de emerxencia social, senón á dispoñibilidade de prazas de usuarios que utilizan o servizo menos de 5 días a semana.

Ademais, modifícase o baremo de puntuación outorgando máis peso (como ocorre nas escolas infantís) á situación de ocupación dos pais e nais. Tamén se establece que a situación económica valorarase en base aos datos do exercicio fiscal máis recente que estea en disposición de ofrecer a AEAT á data establecida de presentación das preinscricións. Está modificación do regulamento conta co apoio da comunidade educativa do concello. 

Proposta a prol da regularización da educación social

O colectivo de educadoras e educadores sociais, así como outras cidadás e cidadáns, teñen presentado multitude de solicitudes de petición de regularización da profesión de Educación Social a través dunha lei. Deste xeito, dende o goberno municipal instan á Xunta de Galicia á regularización da profesión da Educación social en Galicia a través dunha Lei Galega de Profesionalización da Educación Social. Tamén instan á presidencia do Goberno de España a desenvolver unha Lei de regularización da profesión de Educación Social, a nivel estatal.  Esta proposta foi aprobada por unanimidade.

Mocións presentadas por vía de urxencia

Por último presentáronse dúas mocións por vía de urxencia. Na primeira, presentada polo grupo municipal Ames Novo, abordouse a constitución dunha sociedade mercantil municipal de servizos. Dita moción recollía dous acordos. O primeiro que o pleno do Concello de Ames manifeste a súa vontade de constituír unha sociedade municipal de servizos, sociedade mercantil de capital exclusivamente municipal, que vaia asumindo, de xeito progresivo, a xestión e/ou prestación de diversos servizos municipais, agora encomendadas a empresas privadas conforme finalicen as concesións e contratos de prestación en vigor, sempre de acordo cos procedementos legalmente establecidos.

O segundo para que o Pleno procedese, o máis pronto que fose tecnicamente posible, á adopción do acordo que poña en marcha o procedemento, incluíndo a designación da comisión que se establece no artigo 97 do RDL 781/86 para a elaboración da memoria preceptiva. Tralo correspondente debate, esta moción foi rexeitada co voto en contra dos concelleiros e concelleiras do Partido Popular e de Pacto por Ames. Os/as edís de Ames Novo votaron a favor, mentres os membros do goberno abstivéronse.

A segunda moción de urxencia, presentada polo BNG, foi de apoio ás persoas denunciadas por reclamaren a devolución do Pazo de Meirás. Esta moción foi aprobada co voto a favor dos membros do goberno e dos concelleiros/as de Ames Novo, mentres que os/as edís do Partido Popular e de Pacto por Ames votaron en contra. Deste xeito, acordouse expresar o apoio ás persoas que o pasado 30 de agosto de 2017 participaron nunha acción pacífica e simbólica de ocupación do Pazo de Meiras, co obxectivo de reclamar a intervención dos poderes públicos para recuperar un patrimonio que debe ser do pobo galego.

Ademais, a través desta moción recóllese manifestar o rexeitamento a respecto da demanda interposta pola Fundación Nacional Francisco Franco, Carmen Franco Polo e José Cristóbal Martínez Bordiú Franco contra 19 demócratas que participaron na citada ocupación pacífica e simbólica, e que son acusados de delitos de odio, contra o honor, danos e violación de morada; expresar a condena e rexeitamento do uso do Pazo de Meirás, por parte da Fundación Nacional Francisco Franco, para facer apoloxía do xenocidio fascista, da Ditadura e do Ditador, e en consecuencia demandar que se inicien accións encamiñadas á ilegalización da citada Fundación; e instar ao Goberno español a que inicie, de xeito inmediato, accións legais contra a propiedade do Pazo de Meiras, de acordo co informe histórico-xurídico elaborado a instancia da Deputación provincial da Coruña, e acordado por unanimidade do seu pleno, para que a administración lexitima para facelo poida recuperar como ben público o Pazo de Meiras, roubado ao pobo galego durante o réxime xenocida franquista.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies