O San Martiño chega cunha morea de actividades

0

Teo, 6 de novembro do 2018 – O próximo domingo celébrase o San Martiño que en Teo chega cunha morea de actividades ao longo dos vindeiros días.

O San Martiño 2018 dalle protagonismo aos produtos tradicionais e á gastronomía. Unha das propostas máis destacadas que acollerá a Carballeira de Francos será o evento enogastronómico con degustación de viños da subzona Ribeira da Ulla da Denominación de Orixe Rías Baixas, da que forma parte o concello. Por outra banda poderanse degustar queixos galegos con selo de orixe e calidade. Estas degustacións compleméntanse ademais con catas comentadas dos dous produtos.

Pero este ano Teo recupera un dos seus pratos tradicionais, as masolas. O Concello quere darlle valor propio e ofrecerá unha degustación desta elaboración, preparada nas instalacións da Feira por unha veciña do municipio.

Carpa de artesanía

Unha das actividades tradicionais que inclúe a feira é a carpa de artesanía galega que se instala durante a xornada do San Martiño. Neste espazo as persoas que o desexen poderán adquirir alfaias, xoguetes, obxectos de coiro e outros produtos elaborados a man.

Cantos de taberna na véspera

Por primeira vez vaise celebrar unha xeira de Cantos de Taberna na véspera do San Martiño. A intención desta actividade é animar as horas previas á festa máis senlleira de Teo, acreditada desde 1557 e para a que se está tramitando a declaración de interese turístico de Galicia.

Está previsto que os grupos cantareiros pasen polos postos do polbo na Carballeira de Francos entre as 21:00 e as 23:00 horas do sábado 10 de novembro, xunguindo así a gastronomía e a música populares. Como máximo actuarán nove grupos, que terán un tope de dez integrantes cada un. O repertorio de pezas é libre e pode variarse durante o percorrido.

Cada unha das formacións disporá de 50 minutos para cantar na polbeira asignada e outros 10 minutos para mudar. As dez persoas cantareiras serán convidadas a bebida e polbo en cada posto, tal como se recolle nas bases da actividade, organizada polo Concello.

Volve Barriga Verde ao San Martiño

O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos chega este ano á súa terceira edición. E faino con maior dimensión ca nunca, con sete días de programación e un incremento da súa presenza na Feira Cabalar de Francos. Esta iniciativa, organizada pola asociación cultural Morreu o Demo para o Concello de Teo e coa colaboración da Deputación da Coruña, vense desenvolvendo desde o día 4 e rematará o 11 de novembro.

Son doce funcións de títeres espalladas por todo o municipio. Na Feira Cabalar de Francos Titiriberia levará unha barraca de monicreques tradicionais. Haberá varios pases a partir das 11:00 horas. Compañías como Alakrán ou Seisdedos encargaranse da animación da rúa para congregar o público.

Na véspera, o sábado 10, a barraca acollerá ás 21:30 horas o espectáculo As varietés do Barriga Verde, unha das novidades do festival deste ano. É unha montaxe que ten a actriz e cantante Iria Pinheiro como condutora, con coordinación musical de Alonso Caxade e intervención de diversas compañías e artistas.

#OMeuTeo

Dirixido á mocidade lánzase o concurso de fotografía móbil #OMeuTeo, este ano co San Martiño como eixe central. Poden participar persoas de Teo de entre 12 e 25 anos. Cada participante pode presentar un máximo de tres fotografías entre o 4 e o 18 de novembro.

A temática do certame é este ano a Feira do San Martiño de Francos. As imaxes deben ser inéditas e poderán recoller tanto a feira do 11 de novembro como as diversas actividades do programa nos días previos. As fotos poden presentarse subíndoas ás contas persoais en Twitter ou Instagram. Deben ir acompañadas do cancelo #OMeuSanMartiño e mencionar a conta @MocidadeTeo. Outro método de participación é envialas directamente á plataforma i.gal/omeuteoII.

Unha votación aberta nesa plataforma entre o 19 e o 30 de novembro decidirá a fotografía gañadora. O premio será un teléfono móbil Fairphone, modular e de fabricación ética.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial