Unha mostra repasará o tempo de Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela

0

Compostela, 8 de outubro do 2018 – Producida pola USC e o Ateneo de Santiago en colaboración co Concello compostelán e a Deputación da Coruña, o Colexio de Fonseca albergará do 9 de outubro ao 30 de novembro a mostra ‘Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela. Con Galiza sempre no horizonte’. A inauguración terá lugar mañá martes ás 20.00 horas.

A exposición, e o catálogo que a acompaña, dá conta dos 16 anos –entre 1920 e 1936- que pai e fillo compartiron en Compostela. Quen se achegue ás salas de Fonseca poderá coñecer a obra de Camilo e Isaac  Díaz máis vinculada á cidade, ademais do percorrido artístico e vital destes dous persoeiros a quen lles tocou vivir unha época histórica convulsa que marcaría toda a súa vida.

Desde a casa da Tumbona das Hortas ata o obradoiro de carretas, a cartelaría cinematográfica, cultural e política obra de Camilo exercería sobre Isaac unha grande influencia non só artística senón tamén ideolóxica, moi vencellada nos comezos á campaña en defensa do Estatuto Galego. Precisamente, a obra artística, industrial e cultural de Isaac Díaz Pardo centra a segunda parte da mostra, enfocada na época en que se viu obrigado a abandonar a súa cidade natal.

O Laboratorio de Formas, a Galería Sargadelos da Rúa Nova e o Instituto Galego de Información son outras iconas compostelás a través das que se constrúe o relato destas figuras senlleiras para a exposición que comisarían Xosé Ramón Fandiño Veiga e Gloria López López.

‘Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela. Con Galiza sempre no horizonte’ poderá visitarse en horario de luns a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial