O Monbus Obradoiro cae ante o Baskonia nun encontro moi igualado

0

Compostela, 4 de decembro do 2017 –  O Monbus Obradoiro visitou o Buesa Area, onde o Baskonia conseguiu cortar o refacho de cinco vitorias consecutivas, nun encontro que se mantivo apretadísimo ata o final (85-78).

Os de Moncho Fernández saltaron intensos á pista con Pozas, Thomas, Bendzius, Simons e Pustovyi, tentando dificultar o ataque e a defensa do Baskonia. Pustovyi foi o encargado de inaugurar o marcador dos composteláns cun espectacular mate e Simons anotou desde a liña de 6,75 para conseguir as primeiras rendas ao seu favor no marcador.

Pero non tardou en reaccionar o equipo vasco, capitaneado por Shengelia e igualando o partido con Hortas e Janning. Durante todo o cuarto, o electrónico mantívose igualado ata a entrada en pista de Granger, que deu aire ao seu equipo cunha canastra e dous tiros libres (21-16) ao que respondeu Bendzius nos últimos segundos do cuarto cun palmeo a canastra, para finalizar 21-18.

Continuou o Monbus Obradoiro con intensidade e garra no inicio do segundo tempo, con Pustovyi cómodo debaixo do aro e con Laksa acertado desde o tiro exterior (anotando dous triplos e unha canastra de dúas neste tempo). Os composteláns impoñían o seu ritmo e o Baskonia non atopaba anotación nin debaixo do aro nin desde o triplo. Pero de novo Shengelia puxo por diante ao seu equipo nos momentos finais, para chegar ao descanso cun 43-41 reflectido no electrónico.

Tras o paso polos vestiarios, o Baskonia non quixo deixar pasar o partido e apertou en defensa, xogando en ataque máis balóns dentro, e poñéndose seis puntos por encima dos galegos. O equipo santiagués demostrou querer ser competitivo para poder levar a vitoria e elevou a súa intensidade defensiva, conseguindo un parcial de 0-7 (50-51) para poñerse por diante no marcador. Os azulgranas atoparon o acerto que lles faltaba desde a liña de 6,75 continuando así igualado o encontro (60-59). O cuarto finalizou por 66-61 a favor dos de Pedro Martínez, tras unha canastra de Hortas nos últimos segundos.

O Monbus Obradoiro bloqueouse no inicio do último cuarto, sen atopar o acerto exterior e tardando case tres minutos en anotar, situación que aproveitou o Baskonia para anotar un parcial de 6-0 que puxo o marcador a 72-61. Pero os de Moncho Fernández querían deixar claro que visitaran o Buesa Area para pelexar pola vitoria ata o último momento e non se renderon. Anotou Thomas os tres tiros libres tras a falta recibida no minuto 3, Sàbat atopou o aro desde 6,75 e Laksa anotaba un tiro libre tras recibir unha antideportiva. A guinda púxoa Thomas, que anotou unha canastra a aro pasado para poñer o marcador a 73-70 a falta de cinco minutos para o final. Ao encontro seguíronlle uns minutos moi intensos e volveu destacar Shengelia, esta vez en rebote, e os vascos conseguían poñerse cinco puntos por encima (77-72) a falta de tres minutos. Pero un tiro libre de Llovet, Sàbat desde triplo e Llovet de novo cun palmeo, fixo que os composteláns se puxesen a só un punto restando 57 segundos no electrónico (79-78). Quedaba todo por decidir nun encontro marcado pola igualdade entre ambos os equipos pero unha defensa de Shengelia sobre Thomas, que non lle permitiu mirar ao aro, e o acerto de Hortas, fixeron que a balanza se inclinase ao lado vasco e o partido terminou cun apertado 85-78.

O Monbus Obradoiro volve a Santiago para comezar unha nova semana de traballo na que repite como visitante na Xornada 11, viaxando á pista do Real Betis Enerxía Plus para pelexar pola oitava vitoria da tempada (domingo 10, 12:30 horas). O equipo volverá xogar ante a súa afección no Multiusos Fontes do Sar, o domingo 17 de decembro, ás 18:30 horas, para recibir ao Real Madrid.

FICHA TÉCNICA

Baskonia 85: Hortas (16), Janning (15), Malmanis (8), Shengelia (18), Poirier (10) -cinco inicial- Timma (4), Voigtmann (4), Beaubois (4), Granger (4), Jones (2) e Vildoza (-).
Monbus Obradoiro 78: Pozas (10), Thomas (10), Bendzius (5), Simons (3), Pustovyi (16) -cinco inicial- Sàbat (13), Llovet (6), Radovic (6), Navarro (0), Corbacho (0) e Laksa (9). Árbitros: Jiménez Trujillo, Castelo e Sánchez Sixto Parciais: 21-18, 22-23, 23-20 e 19-17

Incidencias: Partido correspondente á décima xornada da liga Endesa, disputado no Fernando Buesa Area ante 9.239 espectadores.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies