O Obradoiro dobrega ao Herbalife Gran Canaria

0

Compostela, 13 de novembro do 2017 – Crónica de Íñigo Caínzos – Suma e segue o Monbus Obradoiro. Os santiagueses volveron gañar por cuarta semana consecutiva, e emocionaron á súa afección disputando un partido moi serio ante o Herbalife Gran Canaria.

Desde a defensa creceron os santiagueses para sumar a sexta vitoria da tempada en oito xornadas, prolongando o estado de graza obradoirista e mellorando os rexistros históricos da entidade. Nunca na oitava data do campionato contaba con tantas vitorias o Monbus Obradoiro como este ano. O mellor rexistro eran cinco.

O Monbus Obradoiro reencontrouse con Sar despois de dúas saídas consecutivas que se acabaron saldando con triunfos. Tiña ganas de recibir aos seus xogadores a afección santiaguesa, ilusionada cun arranque histórico. O cartel do partido, co Herbalife Gran Canaria como convidado, prometía emocións fortes. E as expectativas non defraudaron. Foi un partido intenso, vibrante e disputado no que Moncho Fernández soubo xestionar con mestría o banco, resolveu os temperáns problemas de faltas de Pozas e Pustovyi e axitou ao seu equipo nun momento crítico, cando os canarios mandaban por doce. O Monbus Obradoiro creceu desde a defensa, asinou un remonte meritorio, aguantou as arremetidas dos de Canarias e acabou vencendo con certa solvencia ao cadro adestrado por Luís Casimiro.

De novo, nun Monbus Obradoiro capaz de deixar en 65 puntos a un equipo da talla do Herbalife, brillou o traballo do colectivo. Nacho Llovet tivo que bailar cos puntais canarios, que lle superaron en altitude, pero non en intensidade e coraxe. Navarro enfundouse o traxe de salvador, pletórico despois do mate gañador en Murcia, e puxo patas para arriba o encontro desde o 6,75. Pustovyi apropiouse das alturas de Sar e Thomas fíxose amo e señor do encontro con 17 puntos na segunda metade.

O Gran Canaria mandou en primeira instancia grazas ao mozo Paulí, distanciouse por medio da puntería do selectivo Eriksson e resistiu con porfía, a de Eulis Báez. Pero non foi capaz de resistir ao empuxe do Monbus Obradoiro e de Sar, incendiado no segundo cuarto, capaz de levar polo aire aos seus na segunda metade.

Non foi plácido o inicio da contenda para os santiagueses, amordazados polo despregamento físico dos insulares, moi agresivos na retagarda. O partido, roto nos primeiros compases, non beneficiaba aos intereses do Monbus Obradoiro, incapaz de conter o arranque de Paulí, autor de oito dos primeiros dezaseis puntos visitantes, antes de diluírse na parcela ofensiva.

Os locais melloraron atrás e o capitán Pozas deu un paso á fronte na dirección e na execución. Pepe foi o mellor home dos galegos no primeiro cuarto, con seis puntos e seis de valoración, e foi esencial para nivelar a balanza. Sar estivo moi encima desde o comezo, pero o Monbus Obradoiro era incapaz de carburar nin de impoñer o seu ritmo. A pesar de todo, a vantaxe do Herbalife Gran Canaria ao final do primeiro cuarto era pírrica (17-20). A maior ameaza para os obradoiristas era a carga de faltas de Pozas e Pustovyi, con dúas cada un.

O comezo do segundo cuarto dos canarios foi demoledor. Un parcial de 0-9 fundamentado nun acerto impecable desde a longa distancia. Seeley nunha ocasión e Eriksson noutras dúas, dinamitaron o aro galego e puxeron ao Monbus Obradoiro contra as cordas. Tratábase dun espellismo, porque os santiagueses xogaban ben e atopaban tiros liberados, pero sen anotar.

O panorama cambiou pronto cando o ovacionado Navarro fíxose protagonista. Motivado, o catalán probou fortuna desde o triplo, con dous acertos, moita intensidade en defensa e transicións veloces, imparables para os claretianos. O 10-0 favorable ao Monbus Obradoiro esixiu a intervención de Luís Casimiro. De aí en diante, o partido nivelouse e o espectáculo sobre o parquet foi sobresaínte (32-33).

Na continuación mantívose a igualdade e sucedéronse as alternativas. Tan pronto parecía escaparse o Monbus Obradoiro como que volteaba con facilidade o marcador o Herbalife Gran Canaria. Pero, a pesar de que o luminoso evidenciaba igualdade, as sensacións que transmitía a escuadra de Moncho Fernández eran moi positivas. E non tardaron en plasmarse no resultado.

David Navarro volveu acertar desde a longa distancia e Pustovyi levantou ao pavillón cun gran mate despois dunha gran acción de Matt Thomas. O americano foi o protagonista indiscutible da segunda metade. Ao descanso chegou  con tres puntos, pero despois a súa achega disparouse. Anotou oito no terceiro cuarto, converténdose no principal pesadelo do Herbalife. Distanciouse así o Monbus Obradoiro e Navarro puxo a rúbrica ao terceiro parcial cun soberbio tapón sobre o veterano Oliver (54-49).

Cambiou de temoneiro para o último asalto o Monbus Obradoiro pero non se resentiu a produción ofensiva. A intensidade defensiva dos santiagueses contaxiábase á bancada, e a afección retroalimentaba aos seus, gozando coa garra e a coraxe mostrada durante os 40 minutos. Así, Navarro interceptou un balón na liña de pase, cruzou a cancha e elevouse para colgarse do aro. Era a sentenza, da mesma maneira na que sete días atrás David daba a quinta vitoria ao Monbus Obradoiro.

Non se renderon os canarios, o partido continuou sendo moi disputado durante os últimos compases, con imprecisións en ambos os bandos, pero cun soberbio traballo dos santiagueses na retagarda. Radovic puxo a rúbrica, Sar veu abaixo e o Monbus Obradoiro apuntouse a sexta vitoria na súa marcadora.

Celebraron ao grande o triunfo xogadores e afeccionados. O Monbus Obradoiro suma e segue, emociona aos seus seguidores e prolonga o seu estado de graza, co mellor arranque na historia da entidade. O primeiro dos dous exames contra os equipos canarios superouno con moi boa nota o Monbus Obradoiro. A semana que vén, visitará  Sar o Iberostar Tenerife (domingo, 18:00 horas).         

FICHA TÉCNICA:

Monbus Obradoiro 79: Pozas (9), Thomas (20), Bendzius (2), Llovet (6), Pustovyi (13) – quinteto inicial – Sàbat (2), Simons (-), Radovic (12), Gómez (-), Corbacho (0), y Laksa (0).

Herbalife Gran Canaria 65: Mekel (8), McKissic (5), Paulí (8), Báez (13), Balvin (3) – quinteto inicial – Oliver (4), Eriksson (9), Seeley (7), Pasecniks (4), Rabaseda (2) y Fischer (2).

Árbitros: Carlos Peruga, Jordi Aliaga y Arnau Padros. Eliminaron por faltas a Eulis Báez, del Herbalife Gran Canaria.

Parciales: 17-20, 15-13, 22-16 y 25-16.

Incidencias: Partido correspondiente a la jornada 8 de la Liga Endesa, disputado en el Multiusos Fontes do Sar ante 5.062 espectadores.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies