O Rio Natura Monbus Obradoiro dobrega ao Madrid (90-83)

0

Compostela, 20 de marzo do 2017  (Íñigo Caínzos – Obradoiro CAB) – O Rio Natura Monbus Obradoiro fixo saltar a banca cunha vitoria memorable fronte ao Real Madrid.

Noutro exercicio de supervivencia, os de Moncho Fernández, levados polo aire por unha afección soberbia, abrazouse á épica e bateu ao vixente campión de Liga e de Copa do Rey. Xogou moi ben durante toda a tarde o combinado santiagués, pero alcanzou a perfección nun terceiro cuarto para o recordo con sete triplos, levando a Sar ao delirio.

Era unha tarde para o goce. Chegaba a Santiago o Real Madrid mentres que o Rio Natura Monbus Obradoiro integraba durante a semana a Aleks Maric e David Barlow a contrarreloxo para facer fronte á praga de lesións que arrasa á escuadra da capital galega.

E vaia se gozou a afección. O seu equipo combateu  de ti a ti contra o temible Madrid, resistiu ao arranque fulgurante dos de Laso e volteou a contenda nunha segunda parte magnífica, con moito acerto en ataque e sacrificio na retagarda. A sétima vitoria da tempada celebrárona ao grande os máis de cinco mil cincocentos espectadores que poboaron Sar, e tamén o persoal obradoirista, tan eufórica que volveu á cancha para saltar e vibrar cos seus.

Incitaba o arranque do partido para pensar nunha tarde longa, cos xogadores violetas especialmente inspirados. Aparentaban anotar sen esforzo, burlando cun movemento eléctrico do balón o traballo defensivo dos xogadores locais. Foi Luka Doncic o fío condutor dos dez mellores minutos do Real Madrid, con doce puntos, acertado de tres e agresivo á hora de atacar o aro. O base de moda do campión ligueiro lanzaba aos seus, con rendas que oscilaban entre os cinco e dez puntos.

Navegou durante o primeiro cuarto contracorrente o Rio Natura Monbus Obradoiro, aferrándose a dúas vigas, Pustovyi e Whittington para evitar o arrastre do caudal ofensivo madridista. O americano traballou na pintura e correu de dentro a fóra, castigando ao Madrid desde a esquina. Pola súa banda, Artem volveu asinar un arranque pletórico, imparable para Gustavo Ayón. O ucraíno probou sorte desde media distancia e tamén se colgou do aro. O defensor mexicano non soubo descifrar o incontido despregamento de recursos de Pustovyi (21-28).

Incrementou a súa dureza o Real Madrid e tratou de imitar a estratexia o Rio Natura Monbus. Na pintura saltaron faíscas co duelo de noves, Llovet e Reyes, encerellados en cada acción e en porfíalas polo rebote. O xogador catalán do Rio Natura Monbus Obradoiro foi capaz de anular a mellor virtude do veterano Reyes.

Custoulle anotar durante eses compases aos locais, que viron a luz cun triplo á desesperada de Pozas e de novo con Pustovyi baixo o aro. Defendíase como podía o Madrid que non atopaba solucións en ataque para descoser o armazón defensivo exposto por Moncho Fernández.

Non chegou a voltear o marcador o Rio Natura Monbus Obradoiro, pero quedou a un suspiro e coa afección crendo despois dunha preciosa acción para pechar a primeira metade. Un Mickey McConnell que de novo asinou un record, debuxou unha asistencia máxica para Pustovyi, que se colgou do aro sobre a bucina (37-38).

Capítulo aparte merécese o director de orquestra do Rio Natura Monbus Obradoiro.  Igualou o record de Andrés Rodríguez, repartindo doce asistencias, aos que engadiu 17 puntos para chegar a 29 de valoración. Outra tarde redonda para Mickey McConnell.

O descanso coincidía co mellor momento do Rio Natura Monbus Obradoiro. E tras o tempo de asueto desatouse o vendaval. Dez minutos inesquecibles para o obradoirismo. Dez minutos nos que os locais practicaron un xogo sublime, sen erros, letal. Sete triplos consecutivos anotou o cadro santiagués. Sete aguijonazos a un Real Madrid desbordado. Sete balóns de osíxeno para o Rio Natura Monbus Obradoiro. Sete inxeccións de fe para unha afección que se fregaba os ollos e empezaba a borrar as letras i e m da palabra imposible.

Tres veces Dulkys, dúas Bendzius, unha McConnell e outra Whittington levaron o delirio ás bancadas de Sar. Tampouco renunciaba ao xogo interior o Rio Natura Monbus Obradoiro, con Shayne impecable en busca e captura de segundas oportunidades, mantendo aos galegos por diante a pesar dos intentos desesperados do Madrid por impedir a fuga. Randolph, Rudy e Ayón, o home máis destacado para os de Laso, mantiñan con vida aos madridistas (68-62).

Quedaban dez minutos para soñar, para gozar e para crer no Rio Natura Monbus Obradoiro, un equipo cunha fe inquebrantable, traballador e sacrificado para plantarlle cara ao coloso madrileño. Estaban dispostos a facer saltar a banca, a dar a badalada. E o Real Madrid acabou por asinar a rendición no Fontes do Sar.

Aínda tivo que remar o Rio Natura Monbus Obradoiro e aguantar un momento crítico, cando a menos de dous minutos para o final o equipo de Laso (79-80). O que noutras veladas traduciuse en nervios e dúbidas foi nesta ocasión un motivo máis para abrazarse á épica e desexar tombar ao Real Madrid.

Bendzius – McConnell  McConnell – Bendzius. O americano e o lituano anotaron de todas as maneiras posibles, imparables para o Real Madrid. Defendía como un can de presa Dulkys, e sostiñan ao equipo na pintura Pustovyi e o soldado Llovet, eufórico despois das boas defensas obradoiristas que encarrilaron o triunfo.

A falta de 15 segundos, era cuestión de tempo que caese a vitoria. Boa parte da culpa tívoa a efectividade obradoirista desde a liña de persoal (21 de 23), un goteo constante de puntos que terminou por afogar ao Real Madrid.

Celebraron a rabiar xogadores e afeccionados a sétima vitoria da tempada ao termo do encontro. Tal é así que volveron saír os obradoiristas á cancha tras retirarse aos vestiarios. Botaba Pustovyi ao ritmo que marcaban Zona Norte e os Kilomberos, e abrazábanse aos afeccionados que saltaban á cancha os autores da xesta. Tamén os lesionados celebraron e gozaron cun triunfo para o recordo que tamén lles pertence.

Abrazouse á épica o Rio Natura Monbus e ao alento de Sar para someter ao campión de Liga e de Copa e conseguir a sétima vitoria da tempada. Unha bomba de moral antes do descanso da próxima xornada e da visita á cancha do Joventut. Pero agora é tempo para gozar. Porque o Rio Natura Monbus Obradoiro volveu facer e tombou ao campión na Caldeira de Sar.

Toca xornada de descanso para o equipo e viaxarán a Badalona na xornada 27. Non será ata o sábado 8 de abril, ás 20.00 horas, cando o equipo volverá xogar en Sar ante a súa afección para recibir ao Unicaja.

FICHA TÉCNICA:

Rio Natura Monbus Obradoiro 90: McConnell (17), Dulkys (9), Bendzius (21), Whittington (12), Pustovyi (14) – quinteto inicial – Llovet (8), Urtasun (2), Maric (0), Yusta (2), Barlow (-), Cárdenas (-) e Pozas (5).

Real Madrid Baloncesto 83: Doncic (17), Llull (17), Taylor (5), Randolph (9), Ayón (10) – quinteto inicial – Draper (2), Rudy Fernández (8), Maciulis (-), Reyes (0), Carroll (10), Hunter (5), Suárez (-).

Árbitros: Peruga, Aliaga e Pérez Niz.

Parciais: 21-28, 16-10, 31-24 e 22-21.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 25 da liga Endesa, disputado no Multiusos Fontes do Sar, ante 5.760 espectadores.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial